Conversa:Casca (zooloxía)

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O inexistente caparazón no galego normativo[editar a fonte]

Comentaba eu hai tempo (o 16 de febreiro de 1997) [pódese ver o comentario en Lingua e ciencia, Xerais, 1999, e desculpade a inmodestia da autocita, pero creo que cabe nunha páxina de conversa] que non tiñamos en galego unha palabra precisa para designar, na linguaxe corrente, o exoesqueleto ou esqueleto externo dos crustáceos. Porén, para o Diccionario da lingua galega da RAG/ILG (1990) si existiría este termo, que non sería outro que cacho, voz definida como «esqueleto externo, cuberta exterior dura dos crustáceos» e ilustrada coa frase «O cacho da centola». Idéntica definición, e idéntica frase explicativa, figuran no Diccionario manual da lingua galega (1991), baseado no anterior e redactado polo Seminario de Lexicografía da RAG, que foi distribuído gratuitamente, en fascículos, polo diario La Voz de Galicia.
Os dicionarios normativos seguían, como é lóxico, e de mellor ou peor maneira, os criterios da RAG/ILG. Así, para o normativo gallego-castellano da editorial Galaxia (1988), cacho, ademais do seu significado primeiro, «puchero, vasija, cacharro», ten os figurados de «cabeza» e de «caparazón de los crustáceos». O práctico de Ir Indo (1986) dá, entre outas, as deficicións de «couraza (sic) dos crustáceos». Pola súa parte, o Xerais da lingua, na súa primeira edición (1988), informábanos de que esta palabra procede do latín vulgar cacculu, derivada do latín caccabu, que significa «ola», e só admitía para ela o sentido de «recipiente, cacharro, cazo». E o Xerais castelán-galego (1990), obra dos mesmos autores que o da lingua, dá para o castelán caparazón a equivalencia de «cuncha, concha (dos moluscos)», pero non «cacho dos crustáceos». Algunha incoherencia obsérvase no normativo de Galaxia, xa que para este dicionario casca é, entre outras cousas, a «cubierta exterior de los crustáceos», a pasar do cal non fugura como sinónimo de cacho, nin cacho como sinónimo de casca (semella que, se cadra, o «caparazón» non é o mesmo que a «cubierta exterior»).
Con todo o meu respecto para a RAG e máis o ILG —dicía eu daquela, e manteño hoxe— para min cacho non é o termo adecuado para denominarmos o exoesqueleto externo dos crustáceos. E non debía ser eu o único en pensar así, xa que no Vocabulario das cierncias naturais (VV.AA., Xunta de Galicia, 1991) dase como equivalentre do castelán c aparazón a voz galega casca, pero non cacho. Cacho, para min, á parte dos outros seus significados (cacharro, cazo; cabeza ou cachola e, como adxectivo, cualificativo que sa dá aos animais que se envolven sobre si mesmos para defendérense: ourizo cacho), e consonte coa súa etimoloxía, é unicamente a «parte do do exoesqueleto do cefalotórax dos crustáceos braquiúros», é dicir, exclúense tanto o exoesqueleto das patas, como o do abdome (que nos braquiúros é moi reducido e está repregado debaixo do cefalotórax) e así mesmo tamén se exclúe o exoesqueleto, incluído o cefalotórax, dos macruros. Podemos dicir «usaba un cacho de centola como cinseiro», pero non creo que sexa corecto falar do cacho dos lagostiños ou, moito menos, dicir cousas como «era tan rápido que de contado quedou o seu prato cheo de cachos de camaróns».
En todo caso, e atendendo á semellanza dos cefalotórax dos crustáceos decápodos, e só na linguaxe de divulgación científica, non para a corrente, poderiamos estender o significado de cacho tamén para os macruros.
Eu prefiro, e moitos outros profesores de ciencias tamén, e científicos investigadores como González Gurriarán ou Ramonell Goyanes (citados no texto do artigo), empregar a voz castelá caparazón, que deriva da provenzal capairon, e esta do latín cappa, «capa», que se usaba antigamente para referirse á cuberta que se lles poñía aos cabalos. Esta palabra podemos usala do mesmo modo para designar a coiraza que protexe o corpo dos réptiles quelonios, e incluso á ríxida cutícula que envolve certos protozoos (foraminíferos, radiolarios). Ao cabo, en portgugués úsase tamén o castelanismo caparação, que é o vocábulo normalmente empregado polos portugueses para referirse ao exoesqueleto dlos crustáceos (aínda que neste idioma o normativo é arapaça).
E algo parecido deberon pensar (talvez inconscientemente) os redactores do Diccionario manual castelán galego (1997), tamén do Seminario de Lexicografía da RAG e igualmente agasallado polo anteriormente citado diario coruñés, xa que, aínda que na entrada caparazón dan a equivalencia de cacho «os cangrexos teñen o corpo cuberto por un cacho», en centollo, traducen a frase aclaratoria «los centollos tienen el caparazón cubierto de pelos» por «as centolas teñen o caparazón (sic) cuberto de pelos».
Finalmente, no Diccionario da Real Academia Galega (1997) restínxese o signficado anterior de cacho: «Parte do esqueleto externo dalgúns crustáceos (boi, centola, nécora, lagosta, lumbrigante) que cobre o cefalotórax», acepción que mantén a Academia no seu dicionario on line (2012) cacho. Pero aínda non admite caparazón.
Venturoso aninovo a todos. --XoioÉche o que hai 31 de decembro de 2012 ás 19:24 (UTC)[responder]

Non, *caparazón non existe no Dicionario da Real Academia Galega. O correcto é casca, substantivo feminino... 4 Esqueleto externo dos crustáceos. A casca do marisco. --. HombreDHojalata.conversa 22 de outubro de 2013 ás 17:15 (UTC)[responder]
  • carapa no dicionario da RAG refírese a froitas e tubérculos, polo que non se pode usar como referencia (a nº 5) neste artigo. Nunca oín falar de caparazón para referirse á cuncha dos moluscos. Nas arañas tampouco se adoita falar de caparazón, pero noutros de exoesqueleto máis duro, como escorpións, si sería posible. Eu non boto en falta a palabra caparazón para referirse a todo o exoesqueleto, porque para iso xa está a palabra exoesqueleto, pero si me parece necesario distinguir a peza que cobre o cefalotórax, porque é moi distintiva, que sería o cacho (polo menos nos braquiúros, pero pode estenderse a outros crustáceos). A coiraza das tartarugas tamén se lle pode chamar cuncha, polo que tamén se evita ter que usar caparazón. En certos protozoos pode falarse de "testa" ou de cuncha (a de moitos foraminíferos mesmo parece a cuncha dun caracoliño). Todo depende de en que contexto se usen as palabras. En contextos zoolóxicos abonda con usar exoesqueleto, cuncha, testa, segundo os casos. En contextos da vida diaria pódese dicir "tiña o prato cheo de cabezas de camaróns" ou "de cascas dos camaróns que comera" (non só cabezas), ou "cacho" cando é o dunha centola ou (por que non) o dunha lagosta. Iso non quere dicir que o día de mañá o DRAG acabe aceptando caparazón (como teñen feito con tantas outras palabras), pero polo momento a palabra é inexistente no galego normativo e foi inexistente no galego tradicional (modernamente si que se usa por influencia do castelán).--Miguelferig (conversa) 26 de agosto de 2014 ás 17:30 (UTC)[responder]
Xoio, penso que esta páxina hai que borrala, no DRAE non sae, no Gran Dicionario Xerais poñen o termo como incorrecto, e no Vocabulario multilingüe de acuicultura do Termigal, 2002, indican que ese termo é en castelán e dan como tradución "cacho". Saúdos, Elisardojm (conversa) 30 de xaneiro de 2020 ás 23:45 (UTC)[responder]
Atobar, ti como o ves? Saúdos, Elisardojm (conversa) 30 de xaneiro de 2020 ás 23:52 (UTC)[responder]
Ó mellor o que habería que facer é crear unha páxina de homónimos de casca e separar as diferentes acepcións en casca (crustáceos) e casca (botánica) os contidos, por exemplo. Saúdos, Elisardojm (conversa) 31 de xaneiro de 2020 ás 10:27 (UTC)[responder]
Ah, esquecinme de indicar que no Gran Dicionario Xerais poñen que *caparazón é cuncha... Saúdos, Elisardojm (conversa) 2 de febreiro de 2020 ás 11:52 (UTC)[responder]

──────────────────────────────────────────────────────────────────────────────────────────────────── Creo que temos todos claro que *caparazón é un castelanismo. Temos referencias de abondo para confirmalo. E por tal razón, resultra evidente que este artigo, con esta entrada, non ten cabida na Galipedia. A argumentación de Xoio é perfectamente válida para encher algún daqueles artigos que publicaba sobre os problemas do léxico científico en galego, pero non serve como referencia para manter o artigo. Non vexo ningunha razón para mantelo, salvo a consideración e o respecto que todos temos do traballo de Xoio. Estou seguro de que se non fora por el, estaría borrado hai anos. Pero... a vaquiña polo linde, amigo Luis. Bórrese o artigo (pero non antes de que Xoio copie o contido e o reestruture por homónimos ou como considere oportuno), pero bórrese. Pedro --Lameiro (conversa) 2 de febreiro de 2020 ás 19:28 (UTC)[responder]

Estou de acordo con todos os comentarios. Para non ter que repetir o artigo con nome galego normativo, e pedir que se borre este, modifiquei o texto, e tan só falta que algún qdministrador lle cambie o título Caparazón polo de Casca, de acordo coa 4ª acpción de casca no Dicionario da RAG. Moitas grazas a todos.--XoioÉche o que hai 2 de febreiro de 2020 ás 20:01 (UTC)[responder]
Acabo de ver que xa existe un artigo Casca na Galipedia, referida á das árbores, polo que o nome a cambiar podería ser Casca (zooloxía). Cumpriría, por tanto, editar unha pequna páxina de homónimos. --XoioÉche o que hai 2 de febreiro de 2020 ás 20:01 (UTC)[responder]

Cambio de título[editar a fonte]

Se o artigo quedou ben agora, e a gusto dos opinantes na sección anterior, cómpre cambiar o título polo de Casca (zooloxía). --XoioÉche o que hai 2 de febreiro de 2020 ás 22:04 (UTC)[responder]

Non basta coa redirección: é necesario eliminar caparazón. --XoioÉche o que hai 2 de febreiro de 2020 ás 22:06 (UTC)[responder]
Xa está movido. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 3 de febreiro de 2020 ás 13:22 (UTC)[responder]