Coller as rendas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coller as rendas
Autor/aYolanda Castaño
Ilustrador/aXosé Tomás Díaz
OrixeGalicia (España)
LinguaGalego
ColecciónMerliño
Tema(s)Poesía
Xénero(s)literatura infantil
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2015
FormatoTapa dura (22x22 cm)
Páxinas40

Coller as rendas é un álbum ilustrado por Xosé Tomás Díaz, adaptado por Yolanda Castaño. Foi publicado por Edicións Xerais de Galicia en 2015.

Formato e contido[editar | editar a fonte]

Álbum ilustrado cun marcado carácter poético de tapa dura cunhas dimensións de 20x18cm; pertence á colección “Merliño”. O primeiro que se observa na cuberta é o título pintado cunha cor rechamante e, debaixo, un escaravello apoiado no mundo, parece que todo o debuxo está pintado sobre un cartón. Se lle damos a volta ao conto, na contracuberta, vese un home sentado nunha pequena cadeira. Este contempla un moucho á vez que o debuxa. Xosé Tomás é o ilustrador que se percibe no reverso do conto, e é quen lle dá vida a todas as ilustracións do interior. Nas gardas móstranse todos os debuxos a lapis que semellan estar pegados con cinta adhesiva.

En cada páxina existen dous tipos de imaxes: unha delas é un bocexo a lapis, nunha folla en branco ou cuadriculada; mentres que, ao lado, hai un debuxo alegre e de cores vivas que se aproxima á realidade das palabras do poema. Nalgunhas das páxinas pódese ver o lapis e a goma utilizados para realizar os debuxos.

As estrofas son de marcado carácter musical, describen a situación e as peculiaridades de diferentes animais que non son moi recoñecibles. As palabras que se atopan na última páxina mostran que todos os animais que foron citados ao longo do poemario tiveron que emprender os seus camiños polo mundo, que tamén se atopa na cuberta. Pódese interpretar que estas palabras tratan de dar a coñecer a liberdade que os seres vivos necesitan. De feito, tal como se sinala no Informe de Literatura 2015, Yolanda Castaño “afonda na importancia de reforzar os valores de respecto á personalidade de cada individuo”, nun cántico ao respecto das peculiaridades da natureza que incide en que hai que deixar que cada ser co que se convive continúe a desenvolver o seu papel no mundo natural; unha clara metáfora da vida, do lugar que cadaquén ocupa e dos valores a desempeñar que nunca está de máis recordar, especialmente, nos primeiros anos de formación. Caracterízase pola similitude na extensión das súas estrofas e a continuidade case musical e dáse a entender que a finalidade da obra descansa na idea de comprender que na natureza cadaquén ten o seu deber e que os animais saben o porqué da súa existencia.

As fortemente delineadas ilustracións de Xosé Tomás (Betanzos, 1971) correspóndense coa marcada personalidade de cada un dos personaxes que participan en cada poema. O uso das texturas e cores de cartón, a aparición de imitacións de papeis pertencentes a libretos, a presenza de lapis recentemente empregados e os pequenos bocexos nas marxes evocan irremediabelmente a escola e sitúan o lector nun ambiente educativo.

Potencialidades educativas[editar | editar a fonte]

Con este conto de Yolanda Castaño pódese traballar a poesía dunha maneira orixinal e divertida. Ademais, grazas aos debuxos alegres e coloridos, dáselle sentido ás palabras que están escritas e permítelles aos máis pequenos/as entender o seu significado. Outra das potencialidades do libro é aprender a variedade de animais que existen e que non se lle dá tanto valor como a outros. E por último acompañar o remate da lectura do libro cunha reflexión por parte de todos/as do significado do final e do que é para eles/as a liberdade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castaño, Yolanda, (2015). Coller as rendas, Ilust. Díaz, X, Tomás. Galicia: Edicións Xerais de Galicia, col. Merliño, ISBN 978-84-9914-806-9.

Recursos en liña[editar | editar a fonte]

Outro poemario infantil da mesma escritora: Castaño, Yolanda e Hermida, Eduardo (2006). Punver. Vigo: Editorial Galaxia, ISBN 978-84-8288-960-3.