Cobra de ferradura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cobra de ferradura

Exemplar de Hemorrhois hippocrepis en Madrigal de la Vera, España.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Serpentes
Infraorde: Alethinophidia
Familia: Colubridae
Subfamilia: Colubrinae
Xénero: Hemorrhois
Especie: H. hippocrepis
Nome binomial
'Hemorrhois hippocrepis'
(Linneo, 1758)

Sinonimia

Coluber hippocrepis (Linneo, 1758)

Debuxo de H. hippocrepis.

A cobra de ferradura[1][2] (Hemorrhois hippocrepis, antes Coluber hippocrepis) é unha especie de cobra da familia Colubridae.

Descrición[editar | editar a fonte]

Estas serpes teñen formas estilizadas, a cabeza bicuda, bastante diferenciada do tronco e un rabo longo e delgado. Trátase dunha serpe moi veloz e áxil, que pode subir con gran facilidade aos arbustos, árbores e rochas na procura de presas ou niños de aves. Esta cobra pode medir como media un metro, pero pode chegar a 156 cm en casos extremos. Ten unha cor amarela de fondo pouco evidente, xa que tanto a cabeza como o dorso posúen manchas negras que, en conxunto, lle dan ao réptil un ton escuro case negro. O ventre é amarelo, laranxa ou vermello. Pupila redonda. Na parte posterior da cabeza, unha destas manchas ten, con frecuencia, a forma dunha ferradura (forma de U ou V invertidos) que rodea a caluga.[3] A esta característica debe o seu nome en moitos idiomas.

Distribución[editar | editar a fonte]

Vive na Península Ibérica, menos nas zonas máis ao norte e no noroeste de África. En Galicia é rara (ver Lista de réptiles de Galicia). Na Península Ibérica distribúese esencialmente na metade meridional, sen superar normalmente o norte do Sistema Central; polo oeste téñense detectado en partes do Macizo Galaico e pola zona leste chega ata Cataluña. Máis ao sur vive no noroeste de África de Marrocos a Libia e pode baixar polo sur na estepa subdesértica subsahariana. Tamén hai poboacións nas illas de Sardeña e Pantelleria.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Habita nos bosques secos ou en zonas pedregosas cubertas de mato. A súa principal ameaza é a perda do seu hábitat, pero a IUCN dálle o status de "pouco preocupante".[4]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Esta serpe é activa polo día, e a súa alimentación é moi variada. Adoitan comer lagartas, outras serpes (incluso da súa mesma especie), pequenos mamíferos como ratos ou musarañas e aves. Esta cobra é belicosa e moi agresiva. Poden responder a calquera ataque, mesmo se a especie que a ataca é o dobre de grande. Ademais, se algunha outra especie trata de cazala, revólvese e utiliza a cola como látego ou morde.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Digalego Arquivado 20 de decembro de 2016 en Wayback Machine..
  2. Luís Daviña Facal (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 997. ISBN 84-95335-46-8
  3. Arnold, E. N., Burton, J. A. Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y de Europa. Editorial Omega, Barcelona 1987. Páxina 191. ISBN 84-282-0488-8.
  4. Miras, J.A.M., Cheylan, M., Nouira, M.S., Joger, U., Sá-Sousa, P. &Pérez-Mellado, V. 2005. Hemorrhois hippocrepis. 2006 IUCN Red List of Threatened Species. Downloaded on 28 July 2007. [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]