Cinema remodernista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Remodernist film ou cinema remodernista é un tipo de cinema desenvolvido nos Estados Unidos e no Reino Unido a finais da década de 1990 e comezos do século XXI e que estaba directamente relacioando co Stuckismo, movemento artístico británico e o seu manifesto Remodernismo.

Historia[editar | editar a fonte]

O remodernismo reivindicaba unha volta aos significados emocionais e espirituais na arte, así como ás estruturas narrativas e á subxectividade. Trasladando isto ao cinema supuña volver de novo unha ollada á Nouvelle Vague, o No Wave Cinema e o cinema punk; mais tamén outros autores que non poden ser clasificados en ningún dos grupos anteriores como Andrei Tarkovskii, Yasujiro Ozu, Robert Bresson, F. W. Murnau, Wong Kar-wai, Jean Vigo, Jean Epstein ou Nicholas Ray[1].

Entre as primeiras mostras desta corrente están Youngblood (1995) de Harris Smith, Shooting at the Moon (1998-2003) de Jesse Richards e Nicholas Watson e Medway Bus Ride (1999) de Wolf Howard[1].

Porén, non será ata 2004 que se conformen como movemento ao fundar Harris Smith e Jesse Richards o grupo Remodernist Film and Photography, que unía a fotógrafos e cineastas cuns principios comúns próximos aos do Stuckismo. O 8 de marzo de 2008 o seu filme Shooting at the Moon tivo a súa estrea en Londres no Horse Hospital durante o FLIXATION Underground Cinema Club.

Logo dunha parada creativa o grupo anda na procura de fondos para iniciar e continuar novos proxectos a partir de 2009[2].

Manifesto[editar | editar a fonte]

O 27 de agosto de 2008 Jesse Richards publicou o Remodernist Film Manifesto con 15 puntos reivindicando, entre outras cousas, "unha nova espiritualidade no cinema" e a utilización da intuición na rodaxe, e definindo os filmes remodernistas coma "unha maneira de rodar espida, mínima, lírica e de tipo punk".

Máis adiante dicíase:

As ideas xaponesas de wabi-sabi (a beleza da imperfección) e mono no aware (a conciencia do pasaxeiro das cousas e os agridoces sentimentos que acompañan o seu pasar), teñen a capacidade de amosar a verdade da existencia e deben ser sempre consideradas á hora de realizar un filme remodernista.

Tamén hai algunha declaración polémica no manifesto criticando a Stanley Kubrick, o cinema feito con cámaras dixitais e a Dogma 95[3].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligacións externas[editar | editar a fonte]