Chantada Nova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chantada Nova-Unidade Galeguista (CH-UG)
Partido político local
Dirixentes e organización
LíderManuel Anxo Taboada Rodríguez
Historia
Fundación1991
Disolución19981
Posicións políticas
IdeoloxíaEsquerda
Nacionalismo galego
1 Integración no BNG

Chantada Nova-Unidade Galeguista foi un partido político de ámbito local de Chantada, de tendencia de esquerda e nacionalista, que ostentou a alcaldía da vila entre 1991 e 1996.

Historia[editar | editar a fonte]

O 27 de febreiro de 1991 constituíuse a formación tras unha asemblea coa intención de concorrer ás eleccións municipais de maio dese ano. Estaba conformada por anteriores membros do BNG, PSG-EG, Esquerda Unida, PTE-UC e independentes nacionalistas. O candidato á alcaldía foi o profesor de instituto Manuel Anxo Taboada Rodríguez, anterior integrante do BNG. A formación entrou con forza no concello, conseguindo 1054 votos, un 15,84 %, e 3 edís, sendo a terceira forza tralo PPdeG e a Agrupación Independente de Chantada. Dado o enfrontamento existente entre os populares e a outra formación independente, cuxo cabeza de lista era o ata entón alcalde polo PPdeG Sergio Vázquez Yebra, os independentes optaron por apoiar a Chantada Nova, xunto cos socialistas, para evita-lo acceso dos populares á alcaldía. Desta forma Taboada foi o primeiro alcalde de esquerdas da vila en máis de 50 anos, conformando un goberno de coalición tripartito cos outros independentes e os socialistas.

Ao longo da lexislatura establecéronse conversacións co BNG, o cal perdera a súa representación en Chantada, para a súa integración. Neste contexto Chantada Nova participou na campaña do BNG das Eleccións ao Parlamento de Galicia de 1993. Porén as conversas non deron froitos e nas eleccións municipais de 1995 ambas as formacións volveron concorrer separadas. En dita convocatoria conseguiu se-la primeira forza política de Chantada, con 2352 votos, un 33,92 %, e 6 concelleiros, mentres que o BNG non recuperou a representación. Os independentes de Vázquez Yebra, que baixaron a 3 concelleiros, convertéronse no árbitro da situación sumando maioría absoluta tanto con Chantada Nova como co PPdeG, ambos empatados a 6 concelleiros. Finalmente, ante a falta de acordos, Taboada continuou á fronte da alcaldía como cabeza da lista máis votada, pasando a gobernar en minoría dado que nin os socialistas nin os independentes quixeron formar parte de novo do goberno. En xaneiro de 1996 o partido viuse desaloxado do goberno dado que o PPdeG e os independentes chegaron a un acordo, facendo alcalde ao candidato popular Manuel Lorenzo Varela Rodríguez. Durante o mandato de Chantada Nova destacou o contencioso do canon eléctrico do encoro de Belesar que se gañou á Deputación de Lugo, a creación de escolas deportivas, o remate do parque Eloísa Rivadulla ou a elaboración do proxecto do paseo fluvial.

Nesa lexislatura retomáronse as conversas para a integración da formación no BNG, frutificando esta finalmente en xuño de 1998. En setembro de 1998 Manuel Anxo Taboada foi elixido novo responsable local da formación en Chantada, producíndose unha progresiva integración dos membros de Chantada Nova do BNG. Desta forma, Taboada foi o candidato nas municipais de 1999 mantendo os 6 concelleiros de Chantada Nova, pero sen conseguir recupera-la alcaldía dado que o PPdeG logrou a maioría absoluta, unha vez integrados os independentes trala moción de censura de 1996.

Resultados electorais[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]