Caso Reace

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A cidade de Vigo, con Guixar no centro.

O caso Reace é o escándalo que salpicou a empresa Reace (Refinería del Noroeste de Aceites y Grasas, SA) en marzo de 1972 en Guixar (Vigo) após a desaparición de 4 036 052 kg de aceite de oliva, propiedade da Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT) e valorado en 167 615 172 pesetas. Arredor do caso producíronse diversas mortes en estrañas circunstancias por parte de persoas implicadas no caso. A empresa Reace foi fundada na localidade pontevedresa de Redondela, polo que popularmente o caso se coñece tamén como o caso do aceite de Redondela.

Trama[editar | editar a fonte]

Reace foi fundada en 1956 por Rodrigo Alfonso Fariña. En 1968 o presidente era Isidro Suárez, aínda que Rodrigo Alonso seguía a formar parte do consello de administración. Outros membros do consello de administración eran Rodrigo Alonso Seoane, Nicolás Franco Baamonde (irmán do ditador Francisco Franco), Jorge Alonso de la Rosa e Alfredo Román Pérez.

A empresa dedicábase a almacenar produtos oleicos nos seus silos de Guixar dende que se erixiron en 1964. Entre 1966 e 1972, a Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT), dependente do goberno franquista, alugaba as súas instalacións para gardar a subministración de aceite de oliva nos seus silos, e así poder especular cos produtos básicos e intervir nos prezos do mercado.[1]

Malia que a CAT alugaba mensualmente os silos de Reace para gardar alí o aceite, a empresa viguesa negociaba e comerciaba co aceite ás costas da administración. Así, o 25 de marzo de 1972 a CAT decidiu dispor do aceite que Reace custodiaba. Ao non atoparse este nos seus tanques, José María Romero González denunciou nos xulgados de Vigo a fraude, coñecida posteriormente co sumario 43/1972. Días despois, un dos socios maioritarios de Reace, Isidro Suárez, foi detido nun tren rumbo a Bilbao.

O 30 de setembro de 1972, José María Romero apareceu morto no seu domicilio de Sevilla, no que se instalara días antes, xunto coa súa muller e unha das súas fillas. O xuíz do caso recibiu días despois unha carta, presuntamente escrita por José María Romero, na que declaraba que a súa morte e a da súa familia se trataba dun suicidio. Os expertos, porén, puxeron en dúbida a dita hipótese.[2]

A carta non semella, nin por extensión nin polo ton, a dun suicida...
Expertos no caso; Faro de Vigo

O 21 de outubro de 1974 comezou o xuízo na Audiencia de Pontevedra, nun tribunal presidido por Mariano Rajoy Sobredo (pai de Mariano Rajoy Brey). O fiscal foi Cándido Conde-Pumpido Ferreiro (pai de Cándido Conde-Pumpido Tourón). Un dos avogados do caso foi José María Gil Robles.

No ano 2011, os tanques da empresa foron demolidos e reconvertidos en chatarra.[3]

O caso Reace no cine[editar | editar a fonte]

En 1987 o caso Reace foi levado ao cine no filme Redondela da man do director catalán Pedro Costa Musté.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El aceite se enfría lentamente". El País. Consultado o 11 de novembro de 2014. 
  2. "Os derradeiros vestixios do caso Reace.". Faro de Vigo. Consultado o 11 de novembro de 2014. 
  3. "Vigo desguaza el caso Reace.". La Voz de Galicia. Consultado o 11 de novembro de 2014. 
  4. IMDB (ed.). "Redondela". Consultado o 11 de novembro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]