Casa Galicia de Valladolid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa Galicia de Valladolid
Tipoasociación
Data de fundación19 de outubro de 1954
EnValladolid
PaísEspaña
41°39′05″N 4°43′15″O / 41.651391666667, -4.7208861111111
editar datos en Wikidata ]


A Casa de Galicia de Valladolid é unha asociación fundada o 19 de outubro de 1954 por un grupo de galegos e galegas afincados en Valladolid. Creada coa intención de formar unha prolongación da "rexión galega"[1], as súas actividades son de tipo promocional do patrimonio cultural galego. Ademais, son levadas a cabo actividades culturais, benéficas, deportivas e recreativas.

Fundación[editar | editar a fonte]

A fundación da Casa de Galicia de Valladolid foi concibida en base á necesidade de crear unha asociación para reunir a todos os galegos e galegas que vivían en Valladolid. Se xa no ano 1953 saíu á luz na prensa local a idea de unificar esforzos para a creación dunha Casa Galicia en Valladolid, foi definitivamente o 19 de outubro do ano 1954 cando se oficializou a constitución da Casa de Galicia de Valladolid, durante o transcurso dunha cea.

Directiva fundacional

Presidente Luis de Castro García
Vicepresidente Xosé Mosquera Pérez
Secretario Miguel Pérez-Fernández
Tesoureiro Ramón Artiga
Contador César Pérez Aseijo
Vogais Joaquín Fernández, José Mª Ponte Fernández, Amadeo Díaz, Francisco Domínguez Riostra, José Martínez e Germán Coural Castro.

O ano da súa fundación, a asociación contaba con 180 socios, dos que eran galegos ou galegas o 67%. Estes socios tiñan que abonar 25 pesetas cada mes. A domiciliación da asociación estaba situada na rúa López Gómez nº4.

Organigrama[editar | editar a fonte]

Se a directiva fundacional anteriormente nomeada contaba cun presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro, un contador e varios vogais, as posteriores directivas sufriron algúns cambios. Deste xeito, a directiva de 1998 ampliaba en dous os cargos directivos ao desempeñar Manuel Valeiro Posada o cargo de vicesecretario e Rubén Darío Pérez Melero o de vicetesoureiro. Ademais, destacamos a inclusión dunha muller na directiva (Mª Elena Fernández Sánchez), situación que non se daba na directiva fundacional.

Directiva de 1998

Presidente Antonio Barbosa Fernández
Vicepresidente Raúl Jorge Ojea Feijóo
Secretaria Mª Elena Fernández Sánchez
Vicesecretario Manuel Valeiro Posada
Tesoureiro Julio Enrique L. Robles
Vicetesoureiro Rubén Darío Pérez Melero
Contador Juan Ayala Gemedo
Vogais Francisco Villares Ortuño, José Mª Pérez Sanjurjo, Fernando Guerra Velasco, Rafael Vallejo Paz e Manuel Fernández Ruíz

Outro dos cambios significativos no organigrama interno foi levado a cabo no ano 2000. Mentres que se mantén a recente modificación de 1998 sobre os cargos de vicesecretario e vicetesoureiro, algúns vogais pasan a ter designacións específicas sobre determinados temas ou ámbitos. Polo tanto, en lugar de seren todos chamados vogais, créase o vocal de cultura, o de turismo, o de mantenimiento, o de juventud e o de folclore. A directiva de 2000 estaba formada polos mesmos integrantes que a de 1998, mais coa inclusión de Juan Antonio Morandeira como vogal de folclore.

Evolución histórica[editar | editar a fonte]

A partir do ano fundacional, a Casa Galicia de Valladolid foi aumentando en tamaño e importancia. Aínda así, é a partir dos anos 70 o momento de maior actividade en todos os sentidos. A asociación é trasladada á Praza Leones de Castilla, nº10, 1º en febreiro de 1970 e en 1974 conta con edificio social en propiedade. Esta sede social posúe dous andares, baixo e patio. Estas instalacións están formadas por un bar, un restaurante, salóns ambientados con equipo musical e TV, biblioteca e un patio exterior. O bar e o restaurante están abertos a todo o público, lugares onde todo o mundo pode degustar a gastronomía tradicional galega.

A Casa Galicia de Valladolid foi evolucionando paulatinamente até conseguir a concesión da personalidade xurídica o 29 de novembro de 1978 en pleno auxe de crecemento. De feito, o ano anterior, en 1977, a asociación acadou o maior número de socios histórico con 412 membros. Outro dato importante é que o seu crecemento non truncou a participación de galegos e galegas posto que, se en 1988 existían 273 socios, 119 eran galegos ou galegas e 24 descendentes directos. Unha situación similar tivo lugar en 1991, ano en que de 300 socios, 205 eran galegos ou galegas e 55 descendentes directos. Tamén en 1998, cando de 350 socios, 225 eran galegos ou galegas (un 65%). Porén, non foi só o número de socios o que aumentou, senón tamén a cota destes. Se no ano fundacional apuntamos a cifra de 25 ptas./mes, en 1988 serían 500 ptas./mes e en 1998 750 ptas./mes. Na actualidade, a asociación trasladouse á Praza Colegio de Santa Cruz nº4.

Actividades culturais[editar | editar a fonte]

As actividades culturais[2] da Casa Galicia de Valladolid representan os asuntos centrais da cultura galega e os máis recorrentes. En consecuencia, entre elas atópanse cursos de galego (tanto de reforzo para galegos e galegas como para persoas que descoñecen a lingua), grupos de baile tanto de adultos como de nenos, grupos de música, un grupo coral e a publicación da revista Abrente.

Cursos de galego[editar | editar a fonte]

Os cursos de galego comezaron en 1986 con periodicidade anual. Realizáronse 6 cursos[3] cun número medio de 40 alumnos por curso.

Grupos de baile[editar | editar a fonte]

O grupo de baile de adultos recibiu o nome de "Axousere"[4] e fundouse en 1979. Formado por 30 compoñentes, en 1998 a súa directora era Esther Domínguez Calleja.

O grupo de baile formado por nenos recibiu o nome de "Anaquiños" e fundouse en 1977. Formado por 10 compoñentes, en 1998 a súa directora era Esther Domínguez Calleja.

Grupo de música[editar | editar a fonte]

O grupo de música da asociación é o grupo "Nivaria", formado por 22 músicos. O seu director en 1998 era César Mayorga Muñoz.

Grupo coral[editar | editar a fonte]

O grupo coral "Casa de Galicia" está formado por 22 membros. A súa directora en 1998 era Mari Luz Abia Cuadrado.

Ademais destas actividades culturais, a Casa de Galicia de Valladolid tamén celebra a Semana do Día das Letras Galegas, unha Semana cultural anual en que se celebran conferencias, concursos de fotografía, pintura, certames literarios, etc. Tamén realizan excursións a Galicia e, como xa comentamos anteriormente, posúen unha biblioteca que contaba en 1998 cun fondo aproximado de 2500 exemplares.

Outras actividades[editar | editar a fonte]

Ademais das actividades culturais, a asociación leva a cabo actividades recreativas, deportivas e sociais. Entre as recreativas, destacan a conmemoración de festas galegas como o Entroido, o Día de Santiago Apóstolo ou o Magosto. Dende a asociación practícase fútbol sala e baloncesto feminino, con 22 participantes en cada modalidade. Por último, tamén participan no ámbito social con donativos á Asociación Española contra o Cancro e apoian economicamente a persoas sen medios, especialmente para regresaren a Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Extraído literalmente do libro de Sixirei.
  2. Os datos que se presentan en toda a entrada como actuais están extraídos do libro de Sixirei e, en consecuencia, representan as cifras do ano 2000.
  3. Recordamos que os datos son os que presenta o libro de Sixirei.
  4. O nome é un desvío da norma da Real Academia Galega (RAG).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]