Xosé Mosquera Pérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Xosé Mosquera Pérez, en Santiago de Compostela

Xosé Mosquera Pérez, nado no Carballal (antigo concello da Enfesta) o 18 de setembro de 1895 e finado en Santiago de Compostela o 30 de decembro de 1965, foi un profesor galeguista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xosé Mosquera caracterizado como O Vello dos Contos, retrato en Vida Gallega, 1933.

Dirixiu o grupo de teatro Cativezas (1923-1925). Popularizou o personaxe "O vello dos contos" na emisora santiaguesa Unión Radio Galicia (1932-1936), co que fixo campaña a favor do Estatuto de Galicia de 1936. Militante do Partido Galeguista, en febreiro de 1936 abandona o Partido con Manuel Beiras para unirse á Dereita Galeguista.

Na posguerra foi redactor de La Noche. En 1946 saíu á venda a Casa da Matanza por 100.000 pesetas. Mosquera coñeceu a noticia por medio de Xesús Rey-Alvite e, xunto con Manuel Beiras e Camilo Agrasar foron a Padrón para negociar coa dona da casa[1]. Ao darse conta de que non tiñan medios suficientes para comprala, Mosquera decidiu pedirlle axuda económica ao seu amigo José Villar Granjel[2] e contoulle a intención que tiña de adquirir a casa para convertela nun símbolo de galeguidade e para fundar un Padroado composto por galegos ilustres que conservasen a casa e a memoria de Rosalía. O 15 de novembro de 1947 Mosquera convocou en Santiago un grupo de antigos galeguistas (Ramón Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román, Luís Iglesias Iglesias, Fermín Bouza-Brey, Paulino Pedret Casado, Felipe Cordero Carrete, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Beiras García, Xaime Illa Couto, Antonio Fraguas Fraguas e Xesús Ferro Couselo) e constituíron o Padroado Rosalía de Castro co propósito de facerse cargo do inmoble e de transformar a casa nun verdadeiro museo rosaliano, con biblioteca especializada, aberto ao público. Dúas semanas despois faleceu José Villar Granjel e legou a súa metade da casa ao Padroado. Mosquera estaba gravemente endebedado co pago da súa metade da casa, débeda que pagou o Centro Galego de Bos Aires, conseguindo así que toda a casa fose propiedade do Padroado. Como agradecemento colocóuselle unha placa ao lado do Mausoleo de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres. Foi presidente do Padroado. Foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega en 1952.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Domínguez, Raimundo (1999). Fundación Rosalía de Castro, ed. Papeis de Borobó. A cantora do Sar: da man de Rosalía e co seu patronato. Padrón. pp. 115–116. ISBN 84-87668-11-9. 
  2. El Correo Gallego (ed.). "La Casa de Rosalía" (en castelán). Consultado o 26 de abril de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]