Saltar ao contido

Casa consistorial de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Casa Consistorial de Lugo»)
Casa consistorial de Lugo
Fachada
Edificio
TipoPalacio
EnderezoPraza Maior
LocalizaciónLugo
Coordenadas43°00′36″N 7°33′21″O / 43.010098, -7.555729
PropietarioConcello de Lugo
Uso(s)Casa do concello, recepcións e eventos cerimoniosos
Equipo
Arquitecto(s)Lucas Ferro Caaveiro
editar datos en Wikidata ]

A Casa Consistorial do Concello de Lugo é un dos máximos expoñentes do barroco civil galego. Sitúase no centro da cidade de Lugo, na cabeceira da praza Maior.

Situación Previa

[editar | editar a fonte]

As primeiras orixes constadas sitúanse nun documento do século XIV do bispo don Lope, quen di que o Concello reuníase nunha casa situada na praza das Cortiñas. Porén, o primeiro documento claro en relación á súa localización data do século XVI e sitúa con claridade o lugar de celebración das sesións da autoridade civil. Sinálase que o Concello se celebraba nunha das torres da muralla chamada a Muriega. Esta construción tamén era usada para a elección do deputado do común, o de abastos e a celebración de concellos públicos.

No ano 1546 documéntase que esta construción atopábase en mal estado obrigando ao traslado de sesións a outro edificio.

Antigas Casas Consistoriais

[editar | editar a fonte]
Peite do concello

En 1570 o Concello asinou un troco co bispado polo cal a autoridade civil cedía o lugar do Canedo e a cambio recibíase a titularidade das Casas de Feira Vella ou Casas Grandes. O concello pretendía levantar nese lugar a súa sede. Para conseguilo, o rei concedeulles a posibilidade de cobrar un imposto sobre o comercio de viño, aceite e carne principalmente. Encargouse a obra ao canteiro Pedro de Artiaga.

Situouse no mesmo terreo onde se acha o actual edificio, con fachada principal de cantería labrada, de estilo manierista, influencias locais e da arquitectura palaciana santiaguesa co uso de arcos sostidos por columnas. Orixinalmente constaba de cinco vans, o central e o do extremo da dereita eran portas-fiestras. Nun documento do século XVII fálase de protexer as seis fiestras do edificio do sol durante os festexos. No ano 1587 Juan de Arce Solórzano foi contratado para realizar unha serie de obras. Uns anos máis tarde, ante a ausencia dun balcón na fachada principal, construíuse unha estrutura de madeira para que a raíña Mariana de Neoburgo puidese asistir aos festexos da cidade.

A principios do século XVIII os rexedores de Lugo fixeron chegar ao real Consello de Filipe V datos sobre o estado de ruína no que estaba a sede municipal. O rei atendeu a solicitude e ordenou un estudo de gastos. Frei Gabriel das Casas encargouse de preparar un proxecto coa aprobación dos mestres de Ourense e Santiago, Francisco Castro Canseco e Fernando de Casas e Novoa.

Edificio actual

[editar | editar a fonte]

O proxecto de restauración quedou paralizado ata que en 1735, o alcalde José Montenegro das Seijas recuperou o proxecto da necesidade de construír unha nova casa consistorial. Encargouse un informe a Lucas Ferro Caaveiro e Pedro da Silva que puxo de manifesto o mal estado da fachada, que estaba apontoada e ameazaba con derrubarse.

Encargouse o proxecto de reforma tanto exterior como interior ao primeiro deles. A prioridade que se lle deu á reforma permitiu que en febreiro de 1736 se aprobasen os planos de Ferro Caaveiro, así como a demolición do edificio anterior para levantar no seu lugar o novo. Ferro Caaveiro propuxo ampliar a superficie a edificar engadindo dúas salas máis á planta, e para iso mercou unha horta que limitaba coa parte posterior e occidental do edificio anterior. A obra prolongouse ata ben avanzada a seguinte década. Aínda que na fachada aparece inscrita a data de 1738, non foi ata 1744 cando se completou.

O palacio municipal

[editar | editar a fonte]

A fachada principal do consistorio ten unha composición de dúas alturas. A inferior posúe un soportal con oito arcos de medio punto apoiados sobre nove alicerces. Na planta de piso as oito portas-fiestra dispostas sobre os arcos inferiores dan paso a dúas balconadas de forxa de ferro sustentadas por ménsulas decoradas.

As placas da fachada están en relación directa co barroco compostelán. A decoración da fachada é moi semellante á deseñada por Casas e Novoa na capela dos Ollos Grandes. A fachada complétase con escudos e unha cornixa moldeada con seis gárgolas sobre outros tantos pináculos. Esta composición péchase con dúas torres nas esquinas de corpo único. O peite da sección central ten unha cartela orlada que sinala a José Vaamonde, rexedor da cidade en 1738.

Ampliación e torre do reloxo

[editar | editar a fonte]
Torre do reloxo.

Ao rematar as obras de Ferro Caaveiro foi necesario realizar pequenas intervencións. No ano 1759 restaurouse o arco da portada do patio que estaba danado. En 1834 o arquitecto Alejo Andrade Yañez refixo a cuberta da fachada pois o seu estado ameazaba a estabilidade da fachada principal. Na primeira metade do século XIX ordenouse branquear a fachada tratando de mellorar a aparencia externa, pero os problemas de mantemento producidos pola choiva provocaron o retorno a unha fachada coa cantería a vista. A forxa orixinal dos balcóns doadas polo bispo Francisco Esquerdo e Távira foron substituídas na década dos setenta.

Pero a maior intervención sobre o conxunto tivo lugar cando por causa do aumento de labores administrativos necesitouse unha ampliación da sede. En 1862 aprobouse o proxecto da súa ampliación. Con este fin mercaron as casas do número 2 e 4 da plazuela da Nova, as que unidas ao instituto de segundo ensino proporcionaron o terreo necesario. Os planos de ampliación foron asinados polo arquitecto municipal Ángel Cosín e Martín que era tamén membro da Academia de San Fernando.

Esta construción consta de muro liso de cachotería encalada e perpiaño no recercado dos vans, zócolos, esquinais e a liña que divide as dúas plantas. Esta aparencia sobria sitúaa dentro dos gustos da corrente neoclásica.

Finalizadas as obras observouse a carencia dun elemento básico para un edificio que representaba ao poder civil dunha capital de provincia. Na sesión do 1 de xaneiro de 1865 reflíctese a necesidade de:

establecer un reloxo na fachada da Casa consistorial, xa porque o da catedral anda case sempre adiantado, xa porque seguindo aos pobos dalgunha importancia, Lugo non pode prescindir desta mellora sen rebaixarse da consideración que se merece.

Nesta observación é perfectamente visible a rivalidade entre poder civil e eclesiástico por controlar á poboación. As dificultades económicas obrigaron a pospor o proxecto ata 1871 e encárgase o deseño ao delineante municipal Luís Vázquez. Antes de terminar a súa construción detectáronse fallas que fixeron necesaria a súa derriba. Ao mesmo tempo que se levaba a cabo á reedificación adquiriuse en Londres un reloxo. Curiosamente este reloxo estaba orixinalmente destinado á catedral de Málaga.

Sucesivos atrasos e escarmentados polo fracaso de 1871, encárgase ao arquitecto Nemesio Cobreros e Cuevillas un proxecto máis ambicioso co anterior impóndoselle como único requisito a altura. Este requisito fixo renunciar ao arquitecto a colocar a torre sobre a fachada. Optou por atrasar a súa localización, apoiándoa sobre catro alicerces, dous no muro posterior e dous no patio interior. As obras comezaron en 1873 e finalizaron ao ano seguinte. A entrada en funcionamento do reloxo coincidiu co paso da procesión do Corpus pola praza maior póndose de novo de relevo as rivalidades entre os dous poderes.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]