Saltar ao contido

Carrán real africano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carrán real africano

Parella de T. albididorsalis en Senegal
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Laridae
Xénero: Thalasseus
Especie: Thalasseus albididorsalis
(Hartert, 1921)

O carrán real africano[1] (Thalasseus albididorsalis) é unha especie de ave da familia Laridae. Ata 2020 era considerado unha subespecie do carrán real americano, Thalasseus maximus.[2][3]

Taxonomía e sistemática

[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo pensouse que o carrán real africano era unha subespecie do carrán real americano. Porén, un estudo publicado en 2005 mostrou que está máis relacionado co carrán bengalés (Thalasseus bengalensis).[4] Unha publicación de 2017 ampliou estes resultados.[5] A Unión Ornitolóxica Internacional aceptouno plenamente como especie na versión 10.1 de xaneiro de 2020 da súa publicación,[2] e a Sociedade Ornitolóxica Americana fixo o mesmo o 30 de xuño de 2020.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Esta especie está entre os carráns con crista de maior tamaño. A súa cola está profundamente forcada e o bico dos adultos é longo e alaranxado. A súa masa media é de 367 g cunha envergadura alar entre 125 cm e 135 cm. Na plumaxe reprodutora a súa parte inferior é branca e as partes dorsais son prateadas; a parte superior da cabeza é negra cunha crista espeluxada na parte traseira. As plumas rémixes primarias teñen puntas negras. As patas do adulto son negras. A plumaxe non reprodutora adulta é similar excepto en que a parte negra da cabeza está restrinxida á crista.

Os individuos novos teñen plumaxe variable. A parte ventral é branca e a dorsal manchada e esborranchada. O bico é máis pequeno e amarelo claro; as patas raramente son negras e poden ser verdes, amarelas ou rosas.[6]

Distribución

[editar | editar a fonte]

O carrán real africano reprodúcese só nunhas poucas illas da costa de África entre Mauritania e Senegal, aínda que se sospeita que tamén se reproduce máis ao leste en Nixeria. Na estación non reprodutora pode atoparse ao longo da costa desde Marrocos ata Namibia.[6]

Como todos os carráns do xénero Thalasseus, o carrán real africano aliméntase mergullándose directamente para capturar peixes ou camaróns, xeralmente en zonas costeiras pouco profundas e augas de marea. Entre os seus alimentos están algúns peixes Clupeidae, Mugilidae, Haemulidae, Carangidae e Ephippidae.[6]

A IUCN non avaliou aínda o status de conservación do carrán real africano.

  1. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  2. 2,0 2,1 Gill, F.; Donsker, D.; Rasmussen, P. (xaneiro de 2020). "IOC World Bird List (v 10.1)". Arquivado dende o orixinal o 2020-04-27. Consultado o 27 de abril de 2020. 
  3. 3,0 3,1 R. Terry Chesser, Shawn M. Billerman, Kevin J. Burns, Carla Cicero, Jon L. Dunn, Andrew W. Kratter, Irby J. Lovette, Nicholas A. Mason, Pamela C. Rasmussen, J. V. Remsen, Jr., Douglas F. Stotz, and Kevin Winker. "Sixty-first supplement to the American Ornithological Society’s Check-list of North American Birds". The Auk 2020, vol. 137:1-24 consultado o 1 de xullo de 2020
  4. Bridge, E. S.; Jones, A. W. & Baker, A. J. (2005). A phylogenetic framework for the terns (Sternini) inferred from mtDNA sequences: implications for taxonomy and plumage evolution Arquivado 2006-07-20 en Wayback Machine.. Molecular Phylogenetics and Evolution 35: 459–469.
  5. Collinson, J.M.; Dufour, P.; Hamza, A.A.; Lawrie, Y.; Elliott, M.; Barlow, C.; Crochet, P.-A. (2017). "When morphology is not reflected by molecular phylogeny: the case of three 'orange-billed terns' Thalasseus maximus, Thalasseus bergii and Thalasseus bengalensis (Charadriiformes: Laridae)". Biological Journal of the Linnean Society 121 (2): 439–445. doi:10.1093/biolinnean/blw049. hdl:2164/10159. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Buckley, P. A. and F. G. Buckley (2020). Royal Tern (Thalasseus maximus), version 1.0. In Birds of the World (S. M. Billerman, Editor). Cornell Lab of Ornithology, Ithaca, NY, USA. https://doi.org/10.2173/bow.royter1.01 Consultado o 17 de abril de 2021