Saltar ao contido

Día da Candeloria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Candeloria»)
<< Febreiro >>
Lu Ma Xo Ve Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29
2024
Todos os días

O Día das Candeas ou Día da Candeloria celébrase o 2 de febreiro.

O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase do ritual do lume, coas súas virtudes apotropaicas (de afastamento de desgrazas, protectoras).

Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite.

No ano 492, o Papa Xelasio crea a festa da Purificación da Virxe María, que é conmemorada o 2 de febreiro. O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas, festa que substitúe e cristianiza a festa pagá romana e que posibelmente sexa orixe do actual Día da Candeloria.

Características

[editar | editar a fonte]
Igrexa de San Xoán de Meaño.

No 2 de febreiro, nas parroquias o crego bendice as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse, posteriormente, para a casa pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.

Esta festa das luces celébrase en parroquias como Oseiro, Becerreá, Cervo, Meaño, O Rosal e Cedeira.

Noutras parroquias, como a de Cordeiro, no concello pontevedrés de Valga, realízase unha procesión en que as mulleres portan lacóns en cestos con que, posteriormente se organiza unha poxa.

Presenza no refraneiro

[editar | editar a fonte]

Os distintos refraneiros populares de Galiza recollen refráns sobre a Candeloria e o seu día:

  • Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
  • Cando a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro.
  • O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
  • Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
  • Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola.
  • Pola Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.
  • Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.
  • Pola Candeloria, mitá do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda entra.
  • Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
  • Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
  • Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
  • Se a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir
  • Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.
  • Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
  • Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria ri, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
  • Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]