Burdette Johnson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBurdette Johnson
Biografía
Nacemento2 de xaneiro de 1885
De Soto, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte24 de febreiro de 1947 (62 anos)
St. Louis, Missouri.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
Actividade
Campo de traballoComercio numismático.
Ocupaciónnumismático Editar o valor em Wikidata
Influencias en


Burdette Garner Johnson, nado en De Soto, Missouri, o 2 de xaneiro de 1885 e finado en San Luís, Missouri, o 24 de febreiro de 1947, foi un numismático estadounidense.

Johnson centrou a súa actividade no comercio numismático e foi coñecido sobre todo polo seu labor como mentor de futuros numismáticos estadounidenses, entre os que destaca a figura de Eric P. Newman.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Burdette Johnson naceu en 1885, na pequena vila de De Soto, no condado de Jefferson, Missouri, fillo de Luella Lou Conway (1859-1914) e de William A. Johnson (1849-1931).[1] A súa familia trasladouse a San Luís cando el tiña 12 anos.[2][3]

Johnson educouse en gran medida de xeito autodidacta,[2] e tiña por costume a lectura dun libro diario, rutina que continuou ata a súa idade adulta.[4] Na súa infancia espertouse nel a afección pola numismática e aos quince anos comezou a manter correspondencia coa distribuidora de moedas Chapman Brothers, para se facer con moedas romanas para a súa daquela incipiente colección persoal. Máis tarde traballou para familiares seus, como caixeiro en Columbus, Indiana, logo de concluír a educación primaria en 1900.[1]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

En setembro de 1902, Johnson abandonou Indiana e regresou a San Luís. Primeiro traballou como empregado de Frank Elmer Ellis, o propietario do comercio numismático St. Louis Stamp & Coin. Ao xuntar a súa afección co seu labor profesional, non tardou en destacar entre os numismáticos da zona de San Luís como especialista en moedas da época romana, e axiña, en 1903, ingresou na American Numismatic Association, cando aínda tiña 18 anos.[1]

Ao ser un ávido lector, Johnson distinguiuse polos seus vastos coñecementos xa desde a súa xuventude.[5] O 7 de xullo de 1907, Johnson comproulle a Ellis a metade da compañía St. Louis Stamp & Coin, e a outra metade comprouna o seu curmán, David Sutherland, con quen constituíu unha sociedade.[2] Mais esta sociedade foi efémera, e en setembro do ano seguinte Johnson comprou a parte da empresa que lle correspondía a Sutherland,[3] co pasou a ser o seu único propietario, aínda que mantivo relacións comerciais co seu exsocio.[4]

Xunto con Sutherland comprou en 1942 os cinco exemplares coñecidos da moeda de 5 centavos Liberty Head de 1913, anteriormente pertencentes á colección do coronel Green.[1][6][7] Tamén recibiu grandes remesas de moedas procedentes da herdanza de Virgil Brand,[5] para as vender en nome de Armin Brand.[1][2][4]

Johnson converteuse nun dos numismáticos estadounidenses máis salientables da súa época. A partir de 1912 comezou a desprazarse anualmente a Europa para investigar, estudar e coleccionar moedas antigas;[3] concretamente, sábese que en 1919 viaxou a Inglaterra, Italia, Francia, Alemaña, Bélxica, Suíza, Checoslovaquia e os Países Baixos.[1] Encargábaselle con regularidade a taxación das coleccións privadas de coleccionistas de moedas e, simultaneamente estudaba e determinaba a atribución dos milleiros de moedas da súa colección.[5]

Tamén se lle recoñece ter sido o mentor de Eric P. Newman cando este era aínda un rapaz e frecuentaba adoito o seu establecemento.[5] Johnson negábase sempre a venderlle moeda ningunha ata que Newman non entendese o seu contexto histórico e a súa atribución.[8] Á parte de Newman, Johnson fomentou outras moitas relacións con persoas que se converteron en destacados numismáticos, e era ben coñecido poña súa franqueza e o seu entusiasmo na difusión do interese pola numismática nos demais.[4]

As súas coleccións incluían grandes cantidades de moedas coloniais norteamericanas, moedas europeas antigas e medievais, moedas mexicanas da época do Imperio Español e dos inicios da independencia, e moedas menores de cobre das illas Filipinas e da India portuguesa.[5]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Johnson estivo sempre solteiro.[2][4] Durante a Gran Depresión, acolleu unha rapaza chamada Mary Cruzan, que fora abandonada polos seus pais, á que criou e educou como a unha filla propia,[1] e Cruzan herdou máis adiante a totalidade das existencias de moedas coloniais estadounidenses que posuía Johnson. Estas moedas foron vendidas nunha poxa por 1,1 millóns de dólares logo do falecemento de Mary Cruzan en 1996.[1]

Burdette Johnson morreu dun ataque ao corazón o 24 de febreiro de 1947, aos 62 anos, mentres viaxaba nun tranvía cara ao seu establecemento comercial.[2][5] Foi soterrado no cemiterio de Valhalla, no condado de San Luis, Missouri.[1][3][4]

A súa colección persoal de moedas foi sacada a poxa pola compañía Hans Schulman en 1951 e 1952.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Lupia, J. N. (2028). "Johnson, Burdette Garner". NumismaticMall.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Smith, P. (2012).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Obituary: Burdette G. Johnson, A.N.A. 473". En The Numismatist. Maio de 1947. Páxina 366.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "St. Louis coin dealer Burdette G. Johnson ". En The E-Sylum. Vol. 12. Nº 8. 22 de febreiro de 2009.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 The Asylum. Numismatic Bibliomania Society. Vol. XVI. Nº 3. Setembro de 1998. Páxinas 4-5.
  6. Bowers, Q. D. (2001). "Pedigree of Five Known 1913 Liberty Nickels". Professional Coin Grading Services.
  7. "1913 nickel: the nickel that never was". American Numismatic Association (Money.org).
  8. Healey, M. (2014). "In Coins, Man Found a Century of Learning". En The New York Times. 18 de maio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]