Boloria euphrosyne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Boloria euphrosyne
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Familia: Nymphalidae
Subfamilia: Heliconiinae
Tribo: Argynnini
Xénero: Boloria
Especie: B. euphrosyne
Nome binomial
'Boloria euphrosyne'
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
  • Clossiana euphrosyne
  • Argynnis morrisii Reakirt, (1866)

Boloria euphrosyne é un insecto lepidóptero ropalócero da familia Nymphalidae, foi descrita por Linnaeus en 1758.[1][2][3]

Descrición[editar | editar a fonte]

A Boloria euphrosyne é cor leonada con lunares negros no anverso das súas ás, as cales son de 38-46 mm. O envés das ás posteriores do insecto son cor avermellada e teñen unha fila de marcas perladas nas marxes (que lle dá o seu nome pearl-border en inglés). É moi común confundila con Boloria selene, pero pode ser distinguida desta última polo triángulo ao longo do seu perlado bordo (mentres que a B. selene ten galóns en zigzag), así como o lunar no reverso da á posterior prateado. A femia ten dúas marcas negras e unhas ás máis redondeadas que as do macho. As eirugas son negras de puntos brancos con espiñas negras ou amarelas nas súas costas.

Como outras especies de bolorias, os machos teñen unhas glándulas con aromas especiais nas súas ás para ser recoñecidos polas femias da súa mesma especie, e así atopar a parella ideal para eles.

Distribución[editar | editar a fonte]

Estendida por Europa, desde Escandinava até o norte de España, desde o leste de Irlanda até Rusia e Asia. En Inglaterra e Gales, xunto con outros dez países, diminuíuse rapidamente a poboación e aumentou o grao de ameaza da especie. Dentro da Península Ibérica podémola atopar só no norte, aínda que en Asturias é pouco común, podémola atopar máis en poboacións illadas próximas á Cordilleira Cantábrica e zonas da provincia de Huesca, sobre todo preto dos Pireneos.[1]

Hábitat e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Zonas de claros de bosques caducifolios e coníferas, así como matogueiras ben drenadas e luminosas, e plantas nutricias en zonas esparexidas onde é abundante a biomasa morta, alcanza os 1.800 m s. n. m.. A eiruga vese asociada a plantas do xénero Viola, Vaccinium e Primula, das cales se alimenta. Pon os seus ovos individualmente sobre fentos mortos (Pteridium aquilinum) e algunhas violetas (Viola canina e Viola palustris); poden ser atopados desde maio até finais de xuño, son amarelo pálido e eclosionan pasados de dez a catorce días.

Hibernación e ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Unha xeración voa ao norte de Europa e a elevadas altitudes ao sur, entre finais de abril e xuño; no resto pode ser bivoltina (dúas veces ao ano) coa primeira xeración entre abril e xuño e a segunda entre xullo e inicios de setembro. Hiberna como eiruga en estadios intermedios, envota nunha folla morta, polo xeral.

A eirgua emerxe e comeza a alimentarse enseguida, mudará tres veces nas primeiras cinco ou seis semanas. Cada eiruga hibernará posteriormente nunha cuberta protectora feita dunha folla na base da planta (xeralmente ao final de xullo). Ao espertar, en marzo do ano seguinte, terán a metade do tamaño que na súa hibernación. Pasado un período de crecemento e alimentación, no cal se encolle unha vez máis, a eiruga está lista para a pupa. A crisálide é agrisada e permanece sobre a planta nutricia até o final do período, entre dez e catorce días.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]