Saltar ao contido

Alberto Mira Cons

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Berto»)
Modelo:BiografíaAlberto Mira Cons
Biografía
Nacemento5 de xullo de 1999 Editar o valor en Wikidata (26 anos)
Pontevedra, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico, produtor musical Editar o valor en Wikidata

Facebook: alberto.miracons Twitter: bertomusica Instagram: bertomusica Editar o valor en Wikidata

Alberto Mira Cons, nado en Pontevedra o 17 de xullo de 1997, é un compositor, guitarrista e produtor musical galego, coñecido como Berto.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezou estudando medicina na Universidade de Santiago de Compostela.

Con Fernando Peleteiro, "Fer" formou un grupo independente de música pop, disco e trap galego que comezou en 2019: Verto. Foron considerados un dos grupos pioneiros da música pop en galego, tendo millóns de escoitas na plataforma Spotify.[2] Publicaron dous LP e varios sinxelos, sendo o máis famoso o tema "Oie Gayego".

Proxecto Berto

[editar | editar a fonte]

Desde decembro de 2021 lidera como vocalista, compositor e produtor o seu proxecto persoal: Berto. Ademais tamén exerce de produtor musical para outros artistas e colaborou cunha gran cantidade de artistas do pop electrónico galego: Fillas de Cassandra, Mondra, Hydn, Rivadulla, Nia twee ou Maiko Leinad.[3]

O seu primeiro LP, Viaxe ao espazo interior (2021), está composto a modo conceptual, nel o artista inspírase no simbolismo e a introspección durante o tránsito por unha profunda depresión ata lentamente mellorar e volver a atopar a felicidade. Son 11 cancións dun álbum conceptual centrado na depresión que o propio músico sufriu ao longo dun ano e que se estrutura en capítulos que reflicten diferentes fases da doenza mental ata a recuperación.[4] Conta con colaboracións de Toni Martelo, Hevi de Malandrómeda e Fer.

En marzo de 2022 publicou Bailar Chikito,[5] un EP en colaboración coa cantante Marinha, onde explora unha mestura orgánica entre o pop, a música electrónica, o trap e o techno, sempre desde unha óptica centrada no baile, no hedonismo e o desfrute.[6]

En maio de 2022 presentou o sinxelo Absolución, que podería denominarse provisionalmente como a "muiñeira reguetoneira". Vai acompañado dun videoclip sorprendente e provocador, dirixido por Onion Cultural. Gravado no mosteiro de Carboeiro e nunha igrexa, pódese ver nel unha particular mestura de bailarinas perreando con pandeireteiras, unha muller facendo de sacerdote e un Berto obnubilado atopando a conexión divina.[7]

En novembro de 2022 presentou o LP Sinto. Son trece cancións que van desde a electrónica ao trap, pasando polo post punk, o RnB e o synth pop. Himnos bailables e vitalistas que nos falan do día a día, da amizade, do amor e da perda. Colaboraron Fillas de Cassandra, Marinha, Nia Twee, Sleepy Spice, Ash Diz ou Guadi Galego. Bágoas de cocodrilo é un dos vídeos deste novo traballo. Temas entre o pop, o trap, a electrónica ou o post-punk entre o pracer do existir, do resistir e sobre todo do sentir.[8]

En 2024 Berto é un dos compositores e tamén voz de Resaca Emocional, proxecto que integra a Ash Diz (composición, voz e percusión), Lorena Cachito (percusión e voz), Brais Iriarte (baixo, guitarra e voz), Zeltia Iglesias (deseño e merchandising), Ro Campoy (debuxo, maquillaxe, fotografía e merchandising), Gala Rodríguez (escenografía e fotografía), Xurxo Pinheiro (técnico de son), Dani Ábalo (técnico de luces) e Manu Tarrío (management e apoio emocional).[9] O seu primeiro tema foi Bolboretas, que tamén ten un videoclip.

No 2023 impartiu un Curso de Produción Musical da SGAE en Santiago de Compostela.[10]

  1. "Alberto Mira "Berto": El músico gallego que visibiliza la salud mental". El Español (en castelán). 2022-04-03. Consultado o 2024-06-29. 
  2. ""Haberá quen pense que somos un par de 'gilipollas' e quen pense que o que facemos é bo para a normalización"". Praza Pública. 2021-09-24. Consultado o 2021-09-27. 
  3. "Berto – Tremendo Audiovisual". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2024. Consultado o 2024-06-29. 
  4. "BERTO - Viaxe ao espazo interior (2021) POP MeGA música en galicia". culturagalega.gal. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2024. Consultado o 2024-06-29. 
  5. "Berto abre ‘Lugo Cultural’ coa presentación do seu último traballo ‘Bailar Chikito’ Universidade de Santiago de Compostela". www.usc.gal. Consultado o 2024-06-29. 
  6. Margarit, Júlia Català (2022-05-28). "Berto lleva el twerking a la iglesia en el clip de “Absolución”". MondoSonoro (en castelán). Consultado o 2024-06-29. 
  7. "Berto dá unha pirueta musical e inventa a muiñeira reguetoneira". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-05-30. Consultado o 2024-06-29. 
  8. "Berto: "Non sei se acabarei só de produtor. Algo que me 'flipa' é axudarlles a parir un pouco"". G24. Consultado o 2024-06-29. 
  9. Diario, Nós (2024-06-28). "Resaca Emocional: "'Bolboretas' fala desde a perspectiva do amor que ten unha persoa con baixa autoestima"". Nós Diario. Consultado o 2024-06-29. 
  10. SGAE, Fundación. "Curso Producción Musical con Berto en Santiago de Compostela". Fundación SGAE (en castelán). Consultado o 2024-06-29.