Benito Casasnovas
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de maio de 1886 Ribadavia, España |
Morte | 1 de setembro de 1972 (86 anos) Ponteareas, España |
Alcalde | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Lingua | Lingua castelá |
Benito Casasnovas Rodríguez, nado en Ribadavia o 6 de maio de 1886 e finado en Ponteareas o 1 de setembro de 1972, foi un político socialista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Emigrado en América, retornou nos anos dez do século XX. Foi presidente da Sociedade Agraria de Ribadavia (1916) e da Federación de Sociedades Agrarias do Partido de Ribadavia en 1920.[1] Trasladado a Ponteareas, fundou a Agrupación Socialista de Ponteareas da que foi elixido o seu primeiro presidente en 1924 e asistiu ao XVI congreso de UGT de 1928 como delegado de dous sindicatos de Ponteareas.
Durante a República foi elixido concelleiro polo PSOE e despois nomeado deputado provincial. Dirixiu o voceiro socialista Renovación. Foi elixido alcalde de Ponteareas o 11 de maio de 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e agochouse en casas de amigos, despois pasou á casa dun irmán en Ribadavia, logo a Santiago de Ribarteme na casa dun crego coñecido da familia onde pasou un ano escondido. No entanto foi xulgado en Vigo por rebelión e declarado en rebeldía. Logo, amparado polos edictos do gobernador que chamou a presentarse aos fuxidos sen delitos de sangue, regresou a Ponteareas, e pasou unha tempada en Vigo.
Finalmente saíu do país por Salvaterra de Miño e pasou a Portugal, onde permaneceu un ano, embarcando finalmente para Nova York en 1940, grazas a axuda da JARE que abonou o importe da pasaxe, de onde marchou a México arribando a Nuevo Laredo o 17 de xullo de 1941. En México DF formou parte do Grupo Galego da UGT e da Agrupación de Refugiados Socialistas Gallegos do PSOE. Traballou nunha farmacia e despois nunha empresa de obras públicas que construía a estrada Panamericana no istmo de Tehuantepec en Oaxaca. Tamén foi xerente do hotel Diligencias de Veracruz. En 1955 trasladouse a vivir co seu fillo a Oaxaca.
Visitou Ponteareas a finais da década dos cincuenta, e regresou definitivamente a Galicia en 1967. Viviu entre Vigo e Ponteareas, onde morreu en 1972.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María Camba Fernández, que logo do golpe de Estado foi detida e estivo presa en Ponteareas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Voz de Galicia, 8-9-1920, p. 2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Candeira Mosquera, Francisco (1999). O Condado na IIª República (1931-1939). Ponteareas: Egasur. ISBN 84-930739-0-3.
- Rodríguez Gallardo, Ángel (2006). O ruído da morte. A represión franquista en Ponteareas (1936-1939). Sada: Do Castro. pp. 132–133. ISBN 84-8485-236-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Emilio Garra Castellanzuelo |
Alcalde de Ponteareas 1936 |
Sucesor: Mauricio Troncoso Penedo |