Saltar ao contido

Batalla de Portela de Areas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Portela de Areas
Parte de Guerra civil galego-leonesa
Data 982 ou 983
Lugar Monterroso (Lugo)
Resultado Retirada do rei Ramiro III
Belixerantes
Reino de Galicia Reino de León
Líderes
Vermudo II Ramiro III

A batalla de Portela de Areas[1], Portela Arenaria ou Portela d´Arenas foi unha batalla acontecida no ano 982 ou 983 preto de Monterroso (Lugo), enfrontando a Vermudo II, recentemente coroado en Santiago de Compostela, contra Ramiro III, rei en León.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Ramiro III foi rei dende 966, sucedeu ao seu pai Sancho I aos cinco anos de idade. Como rei, ratificou o tratado de paz co califa Al-Hakam II e nomeou lugartenente a Rosendo de Celanova, quen derrotou aos viquingos que desembarcaron en Galicia no 968. No 976 morreu Al-Hakam II herdando Hixam II de tan só once anos. Da man do novo califa, chegou Almanzor, nomeado visir aos poucos días da investidura de Hixam. Circa 980 Almanzor lanzou a primeira aceifa polas terras do reino de León: Zamora, Roda, Atienza, Sepúlveda entre outras, que caeron en mans do caudillo musulmán.

A desafección dos nobres galegos e portugueses cara ao rei Ramiro III, xa manifestada en tempos de Sancho I, non minguou coa maioría de idade deste. As continuas derrotas sufridas de mans dos musulmáns non fixeron máis que aumentar o descontento. Finalmente, estes nobres, liderados polo conde Gonzalo Menendiz rebeláronse contra Ramiro III e proclamaron rei a Vermudo Ordóñez no ano 981, coroado en Compostela o 15 de outubro do 982.

A batalla

[editar | editar a fonte]

No inverno do ano 982 Ramiro III lanzou unha ofensiva contra Vermudo II, producíndose unha sanguenta batalla en Portela de Areas, unha chaira do monte Farelo que pertence a Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla) e, que limita coa parroquia de San Xulián de Ventosa; as crónicas da época sinalan dito lugar como preto de Monterroso (Lugo). As dúas forzas estaban moi igualadas e a batalla foi cruenta, de tódolos xeitos, quizais non querían arriscar moito tendo a Almanzor na fronteira que o resultado de dita batalla foi incerto; Ramiro III volveu a León, quizais centrándose en defender as súas terras persoais dos ataques musulmáns, por outra banda, Vermudo foi xunto a Menendiz, ao castelo de Sobroso (Vilasobroso).[2]

Resultado

[editar | editar a fonte]

Ante tal situación o reino quedou dividido en dúas grandes zonas de influencia: o territorio galaico-portugués que apoiaba a Vermudo II, mentres o territorio leonés e castelán permanecía fiel a Ramiro III. Malia iso, a posición de Vermudo II conseguiu consolidarse, establecendo a súa corte en Galicia mentres Ramiro se refuxiaba en León e era lentamente abandonado polos seus aliados. Finalmente, a capital leonesa foi tomada polos seguidores de Vermudo e Ramiro refuxiouse en Astorga, onde morrería o 26 de xuño de 985.

Localización

[editar | editar a fonte]
Castelo de Sobroso, onde se retirou Vermudo despois da batalla.

Existe unha hipótese alternativa que sitúa a batalla preto do castelo de Sobroso, xa que o antigo nome de Vilasobroso era "Portela", topónimo moi común en Galicia. Neste caso, Ramiro non se dirixiría cara Compostela, senón contra o centro de poder de Menendiz; e a retirada ao castelo sería unha manobra da propia batalla, quizais Ramiro ante a imposibilidade de sitiar o castelo retirouse a defender as súas posesións das aceifas de Almanzor.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Trala proclamación como rei, Vermudo II tivo que poñerse baixo a protección do califato de Córdoba, xa que o aumento de poder do condado de Castela e as rebelións internas no reino facían imposible soster a situación sen axuda. Nesta época a influencia de Córdoba sobre os reinos cristiáns é máxima, moitos nobres acoden directamente a Córdoba en embaixadas, sen contar co rei, e renden vasalaxe a Almanzor. Incluso o propio Vermudo II ten que pedir a súa axuda, algo que Almanzor acepta e mesmo promete devolverlle a recentemente conquistada cidade de Zamora (984).

Como resultado e baixo o protectorado do califato logrou recuperar Zamora, pero os exércitos de Almanzor quedáronse no reino. No 987 Vermudo II trata de desfacerse do xugo cordobés e rompe a tregua. Almanzor respondeu violentamente, contando coa axuda dalgúns condes galegos.

Ese mesmo ano Almanzor destrúe Coímbra e arrasa León obrigando a Vermudo a refuxiarse primeiro en Zamora (que tamén foi tomada de novo por Almanzor) e logo en Lugo. As acometidas de Almanzor non cesaron: Astorga (996), Santiago de Compostela (997). Esta última aceifa obrigou a Vermudo a negociar unha nova paz. No ano 999 faleceu Vermudo II no mosterio de Villabuena, O Bierzo; sucedéndolle seu fillo Afonso V.