Bastet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Representación da deusa Bastet. Nas súas mans ten o ankh e un sistro, un instrumento musical

Bastet ou Bast é unha deusa do antigo Exipto, adorada principalmente dende a Segunda Dinastía (2890 a. C.). Representa a protección, o amor e a harmonía, e é a protectora dos fogares e os templos. Foi a deusa da guerra no Baixo Exipto, na rexión do Delta do Nilo, antes da unificación das culturas do antigo Exipto.[1]

Iconografía[editar | editar a fonte]

Era representada coa forma dun gato doméstico ou como unha muller con cabeza de gato. Levaba nas mans un ankh (a cruz da vida) ou un sistro (instrumento musical), xa que lle agradaba especialmente que se bailase e se tocase música na súa honra.

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Era a personificación dos raios do Sol e exercía os seus poderes benéficos. Encarnaba os aspectos pacíficos de deusas perigosas como Sekhmet, que expresaba as calidades maléficas do Sol. Como ollo de Atum, estaba asociada á Lúa e protexía os nacementos e ás embarazadas das doenzas e os malos espíritos.

Era unha deusa pacífica. Porén, cando se enfadaba, transformábase nunha muller con cabeza de leoa, semellante á deusa Sekhmet e, nalgunhas ocasións moito máis violenta ca esta. Do mesmo xeito que o animal que a representa, Bastet era unha deusa impredicíbel, e podía mostrarse tenra ou feroz en calquera momento.

Era identificada coa estrela Sirius e considerada Señora desta, e coa deidade sumeria Inanna. Segundo algúns eruditos, como M. Oldfield Howey, o seu nome significa a desgarradora, malia o seu carácter principalmente benigno.

Culto[editar | editar a fonte]

No Antigo Exipto, os gatos eran considerados como manifestacións da deusa Bastet

O seu culto remóntase aos primeiros tempos da civilización exipcia. É mencionada nos Textos das Pirámides e no Libro dos mortos.

A antiga cidade de Bubastis, no delta do Nilo, estaba consagrada ao seu culto. De feito, apareceron restos asociados a ela en torno á IV Dinastía. O culto a Bastet foi tan importante que nos seus templos criáronse gatos, e ao morreren, eran coidadosamente momificados e enterrados en tumbas específicas. Tamén hai necrópoles adicadas a estes animais en Saqqara, Tanis, Beni Hassan e Tebas.

De acordo coa lenda, Exipto rendeuse ante o exército persa cando este portou gatos nos seus escudos, pois sabían que o exército exipcio era capaz de renderse antes de magoar a algún gato. Así foi como perderon a cidade de Pelusio.

Na cidade de Bubastis celebrábase en honra a Bastet a "Festa da embriaguez", en que se consumía viño en abundancia, bailábase e tocábase música. Así, a deusa mostraríase contenta e halagada, e non se tornaría nunha leoa enfurecida.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Badawi, Cherine. Footprint Egypt. Footprint Travel Guides, 2004.
  2. Rosa Thode (1999). El panteón egipcio (en castelán).

Véase tamén[editar | editar a fonte]