Banco Gallego
Banco Gallego | |
---|---|
Sede do Banco Gallego na Coruña. | |
Tipo | negocio |
Data de fundación | 1991 |
Data de disolución | 4 de agosto de 2014 |
Sede | Santiago de Compostela |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Banco Gallego foi unha entidade financeira de ámbito principalmente galego, aínda que unha parte das 181 sucursais (en 2007) que posuía estaban espalladas por toda España.
Historia
[editar | editar a fonte]O que hoxe se coñece co nome de Banco Gallego naceu a partir da sociedade que fundou Manuel Pérez Sáenz no século XIX. Posteriormente a sociedade foi mudando de nome, así chamouse Hijos de Pérez Sáenz e posteriormente Olimpio Pérez, o nome do seu fillo Olimpio Pérez Rodríguez, e Olimpio Pérez e Hijos. En 1957 pasou a chamarse Banca Hijos de Olimpio Pérez. En 1965 o banco fusiónase co Banco de Crédito e Inversiones e xa a finais da década dos 70 o banco deixou de ser controlado pola familia Pérez Sáenz.
En 1972 o 30% das accións foron compradas por Banca Catalana e por unha sociedade vencellada a José María Ruiz Mateos producíndose entre ambas unha poxa polo control do banco. En 1974 a familia de Ruiz Mateos perdía o control e Banca Catalana controlaba máis do 57,5% do banco. En 1982 repartiuse a participación do banco entre Banca Catalana, que quedou co 39,22% e o Banco Industrial de Cataluña, co 18,37%. A crise deste último fixo tremer o Banco de Crédito e Inversiones e este pasou ó Fondo de Garantía, quen puxo á cantidade simbólica dunha peseta o valor das accións. Entón o banco foi comprado polo entón Banco Central que uniu os fondos do Gallego aos do Banco del Noroeste, outro banco galego que tamén entrara no Fondo de Garantía Social como consecuencia da expropiación do grupo Rumasa.
En 1987 pasou a ser coñecido co actual nome de Banco Gallego despois de que o banco volvese a mans galegas, cando o Grupo 21 lle comprou as accións ó Banco Central. Posteriormente a Caixa de Aforros Municipal de Vigo adquiriu en 1998 o 50% das accións do banco. A Caixa de Aforros Municipal de Vigo fusionouse coas de Ourense e Pontevedra formando Caixanova.
En 2010 o 49 % do banco pertencía a Caixanova, mentres que outros pequenos accionistas controlaban tamén partes importantes: os empresarios Epifanio Campo Fernández (10,1 %), Javier Ungría (10 %) ou Inditex (3 %)[1]. Caixanova á súa vez fusionouse con Caixa Galicia, para pasar a formar logo de varias vicisitudes Novagalicia Banco. Nesta época o presidente era Juan Manuel Urgoiti
Adquisición por Banco Sabadell
[editar | editar a fonte]O 15 de marzo de 2013 Banco Gallego quedou nacionalizado ao 99,95%. Á ampliación de capital só respondeu o FROB a través de NCG Banco que inxectou 80 millóns de euros, e outros pequenos investidores, que achegaron 42 148 euros[2][3]
O 5 de abril de 2013 finalizou o prazo para a presentación de ofertas vinculantes, na que participaron Banco Sabadell, Banco Espírito Santo e Banesco[4]. Logo do FROB analizar as propostas, foi adquirido por Banco Sabadell[5] polo prezo simbólico de 1 € e trala inxección de 245 millóns de euros por parte do FROB para completar o seu saneamento, ascendendo as axudas públicas a 325 millóns de euros. O contrato non incluíu a concesión dun Esquema de Protección de Activos[6].
O 25 de xullo de 2013 a Comisión Europea aprobou a reestruturación de Banco Gallego e a súa venda a Banco Sabadell, que o integrou no seu propio negocio, desaparecendo como entidade independente[7].
En outubro de 2013 levouse a cabo a segunda ampliación de capital polos 245 millóns de euros anteriormente mencionados, subscritos e desembolsados polo FROB. Por outra banda, os 42 148 títulos (cada un cun valor nominal dun euro) de accionistas minoritarios foron traspados a Banco Sabadell[8][9].
Finalmente, o 28 de outubro de 2013 Banco Sabadell culminou o proceso de compra de Banco Gallego[10]. A plena integración de Banco Gallego no grupo Sabadell concluíu en marzo de 2014[11].
Entre o 14 e o 16 de marzo do 2014, produciuse a plena integración do Banco Gallego no Banco Sabadell coa unificación dos sistemas operativos e tecnolóxicos e o cambio da marca. As oficinas do Banco Gallego en Galiza, que foron renomeadas coa marca SabadellGallego, integráronse á plataforma tecnolóxica do grupo Banco Sabadell. Por outra banda, as 28 oficinas do banco que aínda operaban coa marca de SabadellAtlántico na comunidade galega pasaron a denominarse SabadellGallego. A rede do Banco Gallego localizada fóra de Galiza integrouse coa marca SabadellAtlántico,[12] agás nas provincias onde operaba coas marcas SabadellHerrero ou SabadellGuipuzcoano, onde adquiriron devanditas denominacións.
En xullo do 2015, anunciouse que Banco Sabadell decidira unificar as súas marcas territoriais baixo o nome 'Sabadell'. En agosto, comezarían a desenvolverse as modificacións de rotulación nas oficinas coas marcas SabadellAtlántico e SabadellCAM. SabadellHerrero, SabadellGuipuzcoano e SabadellGallego pasarán a adoptar tamén a nova denominación no futuro. SabadellUrquijo e SabadellSolbank mantenránse.[13] Desta modificación non se sabe aínda nada a día de hoxe[cando?], xa que a marca SabadellGallego segue a operar con normalidade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Caixanova non logra calar as novas sobre a venda do Banco Gallego" Galicia Confidencial, '21/10/2010.
- ↑ "El Estado asume el 99,95% del capital del Banco Gallego", Faro de Vigo, 15 de marzo de 2013 (en castelán).
- ↑ "Sabadell parte como favorito en la puja por el Gallego, que cierra hoy el plazo de ofertas", Faro de Vigo, 5 de abril de 2013 (en castelán).
- ↑ "Banco Sabadell, Espíritu Santo y Banesco presentan oferta vinculante por el Gallego", artigo en Faro de Vigo, 6 de abril de 2013 (en castelán).
- ↑ "Sabadell se queda con Banco Gallego", artigo en Cinco Días', 17 de abriil de 2013 (en castelán).
- ↑ "Sabadell compra Banco Gallego por 1 euro tras otra inyección pública de 245 millones para saneamiento", Faro de Vigo, 20 de abril de 2013 (en castelán).
- ↑ "La CE aprueba la reestructuración del Banco Gallego y su venta al Sabadell", El Economista (en castelán).
- ↑ "El Sabadell ofrece canjear las subordinadas del Gallego con una quita del 10% pero bonos convertibles al 5%", Faro de Vigo, 1 de outubro de 2013 (en castelán).
- ↑ "El FROB acuerda la transmisión a Sabadell de más de 42 000 acciones de minoritarios de Banco Gallego", Europa Press (en castelán).
- ↑ "Sabadell culmina el proceso de compra de Banco Gallego", El Economista (en castelán).
- ↑ "Bienvenido a Banco Sabadell", na web de Banco Gallego (en castelán).
- ↑ "Banco Sabadell culmina con éxito las integraciones de Lloyds Banking Group España y Banco Gallego" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16/03/2014. Consultado o 16/3/2014.
- ↑ "El Banc Sabadell comienza el proceso de unificación de sus marcas" El Periódico de Catalunya, 3/7/2015 (en castelán).