Banco Gallego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sede do Banco Gallego na Coruña.

Banco Gallego é unha entidade financeira de ámbito principalmente galego, aínda que unha parte das 181 sucursais (2007) que posúe están espalladas por toda España.

Historia[editar | editar a fonte]

O que hoxe se coñece co nome de Banco Gallego naceu a partir da sociedade que fundou Manuel Pérez Sáenz no século XIX. Posteriormente a sociedade foi mudando de nome, así chamouse Hijos de Pérez Sáenz e posteriormente Olimpio Pérez, o nome do seu fillo Olimpio Pérez Rodríguez, e Olimpio Pérez e Hijos. En 1957 pasou a chamarse Banca Hijos de Olimpio Pérez. En 1965 o banco fusiónase co Banco de Crédito e Inversiones e xa a finais da década dos 70 o banco deixou de ser controlado pola familia Pérez Sáenz.

En 1972 o 30% das accións foron compradas por Banca Catalana e por unha sociedade vencellada a José María Ruiz Mateos producíndose entre ambas unha poxa polo control do banco. En 1974 a familia de Ruiz Mateos perdía o control e Banca Catalana controlaba máis do 57,5% do banco. En 1982 repartiuse a participación do banco entre Banca Catalana, que quedou co 39,22% e o Banco Industrial de Cataluña, co 18,37%. A crise deste último fixo tremer o Banco de Crédito e Inversiones e este pasou ó Fondo de Garantía, quen puxo á cantidade simbólica dunha peseta o valor das accións. Entón o banco foi comprado polo entón Banco Central que uniu os fondos do Gallego aos do Banco del Noroeste, outro banco galego que tamén entrara no Fondo de Garantía Social como consecuencia da expropiación do grupo Rumasa.

En 1987 pasou a ser coñecido co actual nome de Banco Gallego despois de que o banco volvese a mans galegas, cando o Grupo 21 lle comprou as accións ó Banco Central. Posteriormente a Caixa de Aforros Municipal de Vigo adquiriu en 1998 o 50% das accións do banco. A Caixa de Aforros Municipal de Vigo fusionouse coas de Ourense e Pontevedra formando Caixanova.

En 2010 o 49 % do banco pertencía a Caixanova, mentres que outros pequenos accionistas controlaban tamén partes importantes: os empresarios Epifanio Campo Fernández (10,1 %), Javier Ungría (10 %) ou Inditex (3 %)[1]. Caixanova á súa vez fusionouse con Caixa Galicia, para pasar a formar logo de varias vicisitudes Novagalicia Banco. Nesta época o presidente era Juan Manuel Urgoiti

Adquisición por Banco Sabadell[editar | editar a fonte]

O 15 de marzo de 2013 Banco Gallego quedou nacionalizado ao 99,95%. Á ampliación de capital só respondeu o FROB a través de NCG Banco que inxectou 80 millóns de euros, e outros pequenos investidores, que achegaron 42 148 euros[2][3]

O 5 de abril de 2013 finalizou o prazo para a presentación de ofertas vinculantes, na que participaron Banco Sabadell, Banco Espírito Santo e Banesco[4]. Logo do FROB analizar as propostas, foi adquirido por Banco Sabadell[5] polo prezo simbólico de 1 € e trala inxección de 245 millóns de euros por parte do FROB para completar o seu saneamento, ascendendo as axudas públicas a 325 millóns de euros. O contrato non incluíu a concesión dun Esquema de Protección de Activos[6].

O 25 de xullo de 2013 a Comisión Europea aprobou a reestruturación de Banco Gallego e a súa venda a Banco Sabadell, que o integrou no seu propio negocio, desaparecendo como entidade independiente[7].

En outubro de 2013 levouse a cabo a segunda ampliación de capital polos 245 millóns de euros anteriormente mencionados, subscritos e desembolsados polo FROB. Por outra banda, os 42 148 títulos (cada un cun valor nominal dun euro) de accionistas minoritarios foron traspados a Banco Sabadell[8][9].

Finalmente, o 28 de outubro de 2013 Banco Sabadell culminou o proceso de compra de Banco Gallego[10]. A plena integración de Banco Gallego no grupo Sabadell está prevista para marzo de 2014[11].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]