Balantidium coli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Balantidium coli
Trofozoíto de Balantidium coli
Trofozoíto de Balantidium coli
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Chromalveolata
Superfilo: Alveolata
Filo: Ciliophora
Clase: Litostomatea
Orde: Vestibuliferida
Familia: Balantiididae
Xénero: Balantidium
Especie: B. coli
Nome binomial
'Balantidium coli'
(Malmsten, 1857)
Balantidium coli procedente dunha mostra húmida de feces. Poden verse os cilios que o rodean.

Balantidium coli é unha especie de protozoo ciliado parasito que causa en humanos a enfermidade chamada balantidíase.[1][2] É o único protozoo ciliado coñecido patóxeno para os humanos.[1][2]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Balantidium coli ten dous estadios no seu desenvolvemento, un estadio de trofozoíto e outro de quiste. Os trofozoítos teñen un grande tamaño de ata 170 microns de longo (xeralmente de 30 a 150) e teñen dous núcleos, mscronñúcleo e micronúcleo. O macronúcleo é longo e con forma de salchicha, e o micronúcleo esférico e está situado moi preto e a miúdo queda tapado polo macronúcleo. A abertura da célula chamada peristoma, situada no extremo anterior puntiagudo dá paso ao citostoma ou "boca". Os quistes son menores que os trofozoítos, arredondados e cunha rexa e pesada parede constituída por unha ou dúas capas. Xeralmente só son visibles no quiste o macronúcleo e ás veces os cilios e vacúolos contráctiles. Os trofozoítos e quistes vivos son amarelados ou verdosos.[3]

Transmisión[editar | editar a fonte]

Balantidium é o único protozoo ciliado que infecta aos humanos, causando balantidíase. A balantidíase é unha enfermidade zoonótica e os humanos adquírena pola ruta fecal-oral a partir do seu hóspede normal, que é o porco, no cal é asintomática. A inxestión de auga contaminada é o mecanismo de transmisión máis común.[4]

Patoxenia[editar | editar a fonte]

Balantidium coli vive no cego e colon de humanos, porcos, ratas e outros mamíferos. Non se transmite facilmente dunha especie hóspede a outra, porque necesita un período de tempo para adaptarse á flora simbiótica do novo hóspede. Unha vez que se adaptou a un hóspede novo, pode converterse nun serio patóxeno, especialmente en humanos. Os trofozoítos multiplícanse e enquístanse debido á deshidratación das feces.[5]

A infección ten lugar cando se tragan os quistes, xeralmente ao tomar auga ou alimentos contaminados. A infección por Balantidium en individuos inmuncompetentes non é imposible, pero raramente causa unha enfermidade grave no tracto gastrointestinal. Pode vivir no tracto gastrointestinal sen causar síntomas de disenteríacon con tal de que exista un balance entre o protozoo e o hóspede. A infección prodúcese con maior probabilidade en persoas malnutridas debido á baixa acidez do seu estómago ou en persoas con sistemas inmunitarios comprometidos.[4]

Na enfermidade aguda, pode producirse unha diarrea explosiva cada vinte minutos, e tamén poden darse casos de perforación do colon, que poden poñer en perigo a vida.[4]

O protozoo é sensible á tetraciclina e o metronidazol, e non se observou a aparición de resistencias.[4]

Ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Ciclo de vida de Balantidium coli.

Cando se inxire un quiste do protozoo ao consumir auga ou alimentos contaminados,[1][6] este chega ao sistema dixestivo do hóspede.[7] O quiste está en parte protexido pola súa parede do pH ácido estomacal, pero xeralmente non resiste pH menores de 5, o que explica que sobreviva máis facilmente nos estómagos de persoas malnutridas que teñen menor acidez estomacal.[6][7] unha vez que o quiste chega ao intestino delgado, produce os trofozoítos.[1][7] Os trofozoítos colonizan o intestino groso, onde viven no lume e aliméntanse da flora intestinal.[1][7] Algúns trofozoítos invaden a parede do colon utilizando encimas proteolíticos e multiplicándose, e algúns volven ao lume.[1][6][7] No lume os trofozoítos poden desintegrarse ou enquistarse.[1][7] O enquistamento é causado pola deshidratación dos contidos intestinais e xeralmente ten lugar na porción distal do intestino groso, pero pode tamén ocorrer fóra do hóspede nas feces.[1][7] Os quistes maduros libéranse ao ambiente exterior, onde poden infectar a un novo hóspede.[1][7]

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

A balantidíase en humanos é máis común nas Filipinas, pero pode darse en todo o mundo, especialmente onde as persoas están en contacto estreito cos porcos. A doenza cconsidérase rara e só se dá no 1% da poboación humana.[5] Causa máis problemas nos países subdesenvolvidos, onde as augas poden estar contaminadas con feces porcinas e humanas.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Parasites and Health: Balantidiasis [Balantidium coli]." DPDx - Balantidiasis. 5 Dec. 2008. CDC Division of Parasitic Diseases. 16 May 2009 <http://www.dpd.cdc.gov/dpdx/HTML/Balantidiasis.htm>.
  2. 2,0 2,1 Ramachandran, Ambili. "Introduction." The Parasite: Balantidium coli The Disease: Balantidiasis. 23 May 2003. Stanford University. 16 May 2009 <http://www.stanford.edu/group/parasites/ParaSites2003/Balantidium/Balantidium_coli_ParaSite.htm>.
  3. Ramachandran, Ambili. "Morphology." The Parasite: Balantidium coli The Disease: Balantidiasis. 23 May 2003. Stanford University. 7 December 2009 http://www.stanford.edu/group/parasites/ParaSites2003/Balantidium/Morphology.htm.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Schister, Frederick L. and Lynn Ramirez-Avila (2008). "Current World Status of Balantidium coli". Clinical Microbiology Review 21 (4): 626–638. PMC 2570149. PMID 18854484. doi:10.1128/CMR.00021-08. 
  5. 5,0 5,1 Roberts, Larry S. and John Janovy, Jr. (2009). Foundations of Parasitology Eighth Edition. New York: McGraw-Hill. ISBN 978-0-07-302827-9. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Roberts, Larry S., and John Janovy Jr. Gerald D. Schmidt & Larry S. Roberts' Foundations of Parasitology. 8th ed. New York: McGraw-Hill, 2009.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Ramachandran, Ambili. "Life Cycle of Balantidium coli." The Parasite: Balantidium coli The Disease: Balantidiasis. 23 May 2003. Stanford University. 16 May 2009 <http://www.stanford.edu/group/parasites/ParaSites2003/Balantidium/Life_Cycle.htm>.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]