A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) é unha Axencia Estatal de España, cuxo obxectivo básico é a prestación de servizos meteorolóxicos, que sexan competencia do Estado. Foi creada por Real Decreto 186/2008 de 8 de febreiro de 2008 (Boletín Oficial do Estado n.º 39 de data 14 de febreiro de 2008), substituíndo o antigo Instituto Nacional de Meteoroloxía. Está adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Secretaría de Estado de Medio Ambiente.
Segundo o Decreto de creación ten personalidade xurídica pública, patrimonio e tesouraría propios, e autonomía de xestión dentro dos límites estabelecidos pola Lei de Axencias Estatais.
Estación da AEMET no monte da Cerdeira (Rodís, Cerceda).
O antecesor desta axencia foi o Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM), que era o organismo oficial da Administración do Estado responsábel de dirixir, xestionar e planificar todo tipo de tarefas meteorolóxicas de calquera natureza no ámbito nacional de España. O INM ten a súa orixe no ano 1887 cando, mediante un Real Decreto en tempos da raíña rexenteMaría Cristina de Habsburgo-Lorena, creouse o Instituto Central Meteorolóxico, un pequeno organismo encargado de recompilar os datos dos diferentes observatorios meteorolóxicos. Case un século antes, o tempo xa era unha preocupación no territorio español, pois as primeiras observacións meteorolóxicas datan da primeira metade do século XVIII.[1]
A científica e meteoróloga galega Pilar Sanjurjo Carro, experta en predición marítima, accedeu mediante unha oposición ao Corpo Facultativo de Meteorólogos (hoxe denominado Corpo de Meteorólogos do Estado), e xunto a Dolores Parra foron as primeiras mulleres que, despois da guerra civil española, accederon por oposición libre a este corpo. Sanjurjo, tras o seu paso pola TVE (foi a primeira muller en poñerse diante das cámaras para realizar a predición do tempo),[2] incorporouse ao Instituto Nacional de Meteoroloxía, no que desempeñou o cargo de xefa de quenda do Centro Nacional de Predición até a súa xubilación a principios dos anos 2000.[3]