O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xustificou a creación da carteira de Transición Enerxética pola necesidade de concentrar as políticas encamiñadas a construír un futuro sustentable .[1] Neste sentido, este novo ministerio aglutinará todas as competencias enerxéticas e ambientais coas que se pretende, entre outros, acelerar a descarbonización en España .[2]
Segundo o Real Decreto 864/2018, de 13 de xullo, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio para a Transición Ecolóxica, corresponde ao Ministerio para a Transición Ecolóxica:[3]
A proposta e execución da política do Goberno en materia de loita contra o cambio climático, protección do patrimonio natural, da biodiversidade e do mar, auga, e enerxía para a transición a un modelo produtivo e social máis ecolóxico.
A elaboración da lexislación estatal en materia de augas e costas, medio ambiente, meteoroloxía e climatoloxía.
A xestión directa do dominio público hidráulico, do dominio público marítimo-terrestre.
A representación do Estado nos organismos internacionais correspondentes a estas materias, sen prexuízo das competencias do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.
A coordinación de actuacións, a cooperación e a concertación no deseño e aplicación de todas as políticas que afecten o ámbito de competencias das comunidades autónomas e das restantes Administracións públicas, propiciando a súa participación a través dos órganos e instrumentos de cooperación adecuados.
O desenvolvemento da política enerxética e mineira nacional, xunto coas medidas destinadas a asegurar o abastecemento enerxético e a coordinación da proxección exterior na materia, garantindo unha correcta regulación do sector e a análise e seguimento destes mercados, xunto coas competencias en minería, todo iso no marco da transición ecolóxica.