Atmosfera de Venus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Atmosfera de Venus

A atmosfera de Venus é a capa de gases que rodea a Venus. Está composta principalmente por dióxido de carbono e unha pequena cantidade de nitróxeno. A súa atmosfera é máis densa e quente que a atmosfera terrestre.

Características[editar | editar a fonte]

Composición[editar | editar a fonte]

Está composta por dióxido de carbono (96,5 %), nitróxeno (3,5 %), dióxido de xofre (150 ppm ), argon (70 ppm), vapor de auga (20 ppm), monóxido de carbono (17 ppm), helio (12 ppm), cloruro de hidróxeno (0,1–0,6 ppm) e fluoruro de hidróxeno (0,001–). 0,005 ppm). A masa atmosférica é 93 veces a da atmosfera terrestre.

Temperatura[editar | editar a fonte]

A temperatura media na superficie é de 467 °C (740 K, 872 °F). A atmosfera rica en CO2, xunto con espesas nubes de dióxido de xufre, xeran o maior efecto invernadoiro do Sistema Solar, tendo temperaturas na superficie de até 500 °C. Isto fai a superficie de Venus máis quente que a de Mercurio, que ten unha temperatura superficial mínima de −220 °C e unha máxima de 420 °C, a pesar de que Venus está case ao dobre de distancia do Sol e polo tanto recibe só o 25% da irradiación solar relativa de Mercurio. A superficie de Venus adoita describirse como infernal[1].

A inercia térmica e a transferencia de calor por ventos na atmosfera inferior fan que a temperatura da superficie de Venus non varíe significativamente entre a cara nocturna e a diúrna, a pesar da lenta rotación do planeta. Os ventos na superficie son lentos, movéndose a uns poucos quilómetros por hora pero, debido á alta densidade da atmosfera na superficie, exercen unha forza significativa contra as obstrucións, e transportan po e pequenas pedras a través da superficie. Isto, por si só, podería facerlle difícil a un humano camiñar, mesmo se a calor, a presión ou a falta de osíxeno non fosen un problema.

Variacións[editar | editar a fonte]

A superficie de Venus é abondo isotérmica; ten unha temperatura case constante non só entre o día e a noite senón tamén entre o ecuador e os polos. A oblicuidade da elíptica do planeta é menos de 3°, comparados cos 23° da Terra, o que tamén minimiza a variación de temperatura estacional. A única variación apreciable da temperatura ocorre coa altitude. En 1995, a sonda Magalláns fotografou unha substancia altamente reflectiva na cima das montañas máis altas que tiña un gran parecido á neve terrestre. Esta substancia podería dicirse que se forma dun proceso semellante ao da neve, aínda que a unha temperatura moito máis alta. Demasiado volátil como para condensarse na superficie, elévase en forma de gas para arrefriarse en elevacións máis altas, onde cae en forma de precipitación. Non se coñece con certeza a identidade desa substancia, pero as especulacións van dende que pode ser telurio elemental até galena.

Habitabilidade[editar | editar a fonte]

Algúns estudos suxeriron que hai milleiros de millóns de anos a atmosfera venusiana era máis semellante á da Terra do que é, e que debía ter cantidades substanciais de auga líquida na superficie, pero, tras un período de entre 600 millóns e varios milleiros de millóns de anos, un desmedido efecto invernadoiro foi a causa da evaporación de toda a auga da superficie, xerando un nivel crítico de gases invernadoiros na súa atmosfera. Aínda que as condicións na superficie do planeta non son en absoluto hospitalarias para calquera tipo de vida terrestre aparecida antes dese evento, non pode ser excluída a posibilidade de que exista un nicho habitable nas capas medias e baixas das nubes de Venus. Porén, un estudo publicado en Nature Astronomy expuxo que a atmosfera venusiana é 100 veces máis seca que o limiar mínimo para os extremófilos coñecidos na Terra[2].

En 2020 un achado de fosfanos levou a un grupo de científicos a concluír que o planeta estaba habitado[3], pero unha revisión dos datos cuestionou esa conclusión[4].

Presión[editar | editar a fonte]

A presión na súa superficie é de 93 bar (9,3 MPa)[5], unhas 92 veces a da Terra.

Densidade[editar | editar a fonte]

A densidade na superficie é de 65 kg/m³, 6,5% da da auga.

Meteoroloxía[editar | editar a fonte]

Por riba da densa capa de CO2 hai espesas nubes formadas principalmente por dióxido de xofre e pingas de ácido sulfúrico. Esas nubes reflicten e dispersan ao redor do 90% da luz solar que cae nelas devolvéndoas ao espazo, e evitando a observación da superficie venusiana. A cobertura permanente de nubes fai que, aínda que Venus está máis preto do Sol que a Terra, a súa superficie non estea tan ben iluminada. Fortes ventos de 300 km/h na parte superior das nubes rodean o planeta cada catro ou cinco días terrestres. Os rápidos ventos venusianos e a lenta rotación do planeta fan que a relación entre ambos sexa de até 60 unidades, mentres que os ventos máis rápidos da Terra son só do 10–20% da velocidade de rotación terrestre (0,1-0,2 unidades).


As nubes de Venus son capaces de producir lóstregos igual que as da Terra. A existencia de lóstregos ten sido motivo de controversia dende que foron detectados os primeiros tronos polas sondas soviéticas Venera. En 200607 a Venus Express detectou claramente ondas modo whistler, a sinatura do lóstrego. A súa aparición intermitente indica un patrón asociado coa actividade meteorolóxica. A taxa de lóstregos é polo menos a metade que a da Terra. No ano 2007 a sonda Venus Express descubriu que existía un enorme vórtice dobre atmosférico no polo sur do planeta.

Outro descubrimento realizado pola Venus Express en 2011 é que existe unha capa de ozono na atmosfera superior de Venus.

O 29 de xaneiro de 2013 científicos da ESA informaron de que a ionosfera do planeta ten correntes cara o exterior semellantes á cola iónica dun cometa en condicións parecidas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Redacción GCiencia (2021-06-03). "A NASA anuncia dúas misións para chegar ao "inferno" de Venus antes do 2030". gciencia.com. Consultado o 2022-06-19. 
  2. Redacción GCiencia (2021-06-29). "Non pode haber vida en Venus, polo menos tal e como a coñecemos". gciencia.com. Consultado o 2022-06-19. 
  3. Redacción GCiencia (2020-09-14). "Anuncian o achado de indicios de vida en Venus". gciencia.com. Consultado o 2022-06-19. 
  4. Redacción GCiencia (2020-10-28). "Unha revisión dos datos cuestiona o achado de indicios de vida en Venus". gciencia.com. Consultado o 2022-06-19. 
  5. Basilevsky, Alexander T; Head, James W (2003-09-10). "The surface of Venus". Reports on Progress in Physics (en inglés) 66 (10): 1699–1734. ISSN 0034-4885. doi:10.1088/0034-4885/66/10/r04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]