Saltar ao contido

At Bertram's Hotel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

At Bertram's Hotel
Título orixinalAt Bertram's Hotel e Mistério em Hotel de Luxo
Autor/aAgatha Christie
CubertaBrian Russell[1]
OrixeReino Unido
Linguainglés
Xénero(s)Novela policíaca
EditorialCollins Crime Club
Data de pub.15 de novembro de 1965
Páxinas256
ISBN0-553-35063-3
Precedido porStar Over Bethlehem and other stories
Seguido porThird Girl
editar datos en Wikidata ]

At Bertram's Hotel é unha novela policíaca de Agatha Christie, publicada no Reino Unido por Collins Crime Club o 15 de novembro de 1965[2]. Está protagonizada pola detective Miss Marple.

Jane Marple, a anciá detective afeccionada, está de vacacións no Hotel Bertram's en Londres, un lugar do cal ten bos recordos da súa mocidade. O establecemento conserva unha atmosfera mestura da era Eduardiana e Vitoriana, desde a decoración até os traballadores e hóspedes. No seu salón de té Miss Marple atopa unha amiga dos tempo da guerra, Lady Selina Hazy, quen lle conta que frecuentemente saúda xente no hotel pensando que a coñece pero que acaban por ser estraños. Miss Marple está intrigada polo resto de hóspedes, como a famosa aventureira Bess Sedgwick, a moza Elvira Blake e o seu responsable legal o Coronel Luscombe, e un crego anódino, Canon Pennyfather.

O finado pai de Elvira legoulle unha gran suma de cartos, dos que poderá dispor cando faga vinte e un anos. A súa nai abandonáraa cando era un bebé, e están separadas. Logo de preguntarlle ao seu avogado quen herdaría os seus cartos no caso de que morrese, Elvira deixa caer a idea de que quizais case, e di que a intentaran envelenar cando estudaba en Italia. Coa axuda da súa amiga Bridget Melford, voa a Irlanda para descubrir algo de grande importancia.

O mesmo día en que Elvira viaxa a Irlanda, Canon Pennyfather debía ir a un congreso en Lucerna (Suíza). Con todo, o crego confúndese e chega ao aeroporto un día despois do previsto, co que perde o seu voo. Logo de ir ao cinema, regresa cara á medianoite ao Bertram's, e descobre un intruso no seu cuarto. Recbe un golpe e esperta catro días despois nunha casa a varias horas de Londres, pero preto do lugar onde esa mesma noite tivera lugar un asalto ao ferrocarril Irish Mail. Unha familia encontrouno á beira da estrada e levouno para casa sen avisar á policía. Pennyfather é incapaz de lembrar nada desde que collera o taxi ao aeroporto, pero algunhas testemuñas do estado roubo viron alguén similar a el a carón do tren. Con todo, Miss Marple tamén o mirara deixando o seu cuarto do hotel ás 3 da mañá, tres horas despois de ser agredido e algunhas horas antes do roubo.

Bess Sedgwick, pola súa banda, abandonara a súa filla Elvira porque non se consideraba unha nai adecuada. Con todo, ambas as dúas comparten o mesmo gusto polos homes, sendo amantes do mesmo home, o piloto de carreiras francés/polonés Ladislau Malinowski. Un coche deportivo semellante a un conducido por Malinowski parece estar ligado ao roubo do Irish Mail e a varios outros asaltos recentes.

Miss Marple escoita a Bess Sedgwick falar co porteiro do hotel, Michael "Micky" Gorman, co que casara moitos anos atrás en Irlanda. Daquela, Gorman dixéralle que o matrimonio fora só un xogo e non unha voda legal, pero o enlace fora lexítimo, co cal os catro matrimonios posteriores dela foran involuntariamente bígamos. Elvira, a filla de Bess, tamén escoita iso, e preocúpase porque podería invalidar a súa herdanza, ao ser a filla dun dos maridos posteriores de Sedgwick. Elvira viaxara a Irlanda para comprobar o matrimonio, mais non sei di se voou de volta a Inglaterra ou se tomou un tren, quizais o tren Irish Mail, co que podería ser unha testemuña ou mesmo unha das autoras do roubo.

Unha noite de néboa mesta escóitanse dous tiros fóra do hotel, seguidos de berros. Elvira Blake está a carón do cadáver do porteiro do hotel, Gorman. A moza afirma que logo dun primeiro disparo que lle pasou a carón da cara, Gorman se botou enriba dela para protexela e recibiu un tiro mortal. Ao cabo, descóbrese que a arma é de Malinowski.

A policía comezara a investigar a desaparición de Pennyfather. O inspector "Father" Davy entrevistou aos hóspedes e traballadores do hotel, e decátase axiña de que Miss Marple entende aspectos da natureza humana que fornecen pistas importantes. Tras atopar a Pennyfather, Miss Marple convénceo para recrear os seus movementos a partir do momento en que ela cre que o viu no corredor, situación que Pennyfather non lembra. Mentres o ve camiñar polo corredor, ela comprende que non foi el a quen viu. Pennyfather recupera a memoria, e lembra que se viu a si mesmo sentado nunha cadeira pouco antes de quedar inconsciente. Cun doppelgänger, golpeárono e levárono para o lugar do asalto ao tren, para así involucralo no crime.

Miss Marple cóntalle ao Inspector Davy a súa decepción respecto á falsa atmosfera do Bertram's. Recoñece que o pasado non pode ser revivido dun modo real, aínda que os traballadores sexan exppertos. A pesar de que algúns dos hóspedes son reais, outros parecen estar actuando ou finxindo ser o que non son. Marple e Davy decátanse de que o hotel está a ser usado por unha banda criminal, e os actores fanse pasar por outras persoas durante os asaltos para proporcionar coartadas aos seus compañeiros.

Davy e Miss Marple desenmascaran a Bess Sedgwick como a ideóloga dos roubos, xunto cos propietarios e empregados do hotel. Sedgwick confesa non só iso, senón tamén o asasinato de Michael Gorman. Logo de confesar escapa pola ventá, monta nun coche deportivo e sae ás présas, e sofre un accidente mortal. Miss Marple non está convencida de que Sedgwick matase realmente a Gorman, e cre que confesou para protexer a verdadeira asasina, a súa filla Elvira. A moza herdeira namorara de Ladislaus Malinowski e sabía que este estaba interesado principalmente no diñeiro dela, pero estaba preocupada porque se Michael Gorman revelaba que casara con Bess Sedgwick podía pór en perigo o legado do seu pai.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

A obra foi levada á serie de televisión en 1987 pola BBC con Joan Hickson como Miss Marple. No ano 2007 foi adaptada por ITV con Geraldine McEwan como protagonista, aínda que con numerosos cambios respecto á trama orixinal.

A novela foi traducida ao checo (V hotelu Bertram), neerlandés (In hotel Bertram), estoniano (Bertrami hotellis), finés (Bertramin hotellissa), alemán (Bertrams Hotel), grego (Ξενοδοχείο Μπέρτραμ), noruegués (Den forsvunne domprost), portugués do Brasil (O Caso do Hotel Bertram) e de Portugal (Mistério em Hotel de Luxo), eslovaco (V hoteli Bertram), castelán (En el Hotel Bertram), turco (Cinayetler Oteli) e húngaro(A Bertram szálló).

  1. Existential Ennui: Beautiful British Book Jacket Design of the 1950s and 1960s
  2. Chris Peers, Ralph Spurrier and Jamie Sturgeon. Collins Crime Club – A checklist of First Editions. Dragonby Press (Second Edition) March 1999 (p. 15)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]