Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba
Tipogrupo musical e asociación cultural
Data de fundación14 de abril de 1991
EnVilalba
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba é unha agrupación musical constituída o 14 de abril de 1991 no concello de Vilalba, cuxa principal finalidade é a difusión e promoción da música de bandas.

Historia[editar | editar a fonte]

Trala desaparición das últimas bandas existentes en Vilalba nos anos da Guerra Civil, a vila pasou por unha etapa de seca ata 1987, ano no que o Concello, encabezado polo daquela alcalde José María García Leira, decidiu crear unha escola de música da que máis tarde xurdiu a nova Banda de Música de Vilalba. Tras varios anos de clases de linguaxe musical e despois de que o Concello mercase os instrumentos, tivo lugar na Semana Santa de 1990 a primeira actuación da banda e o 14 de abril de 1991 a súa presentación oficial, constituíndose xa como Asociación Cultural.

Ó longo da súa traxectoria foron varios os directores que estiveron a cargo da mesma. O primeiro deles foi Xosé Guntín Currás, persoa moi vinculada ás actividades musicais da Terra Chá. En 1993, colleu a batuta Xosé Rodríguez Ramos e dende o ano 1995 diríxea César Concheiro Guerrico, mestre de frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A andaina desta asociación pasa por actuacións en toda a xeografía galega, Asturias, Castela e León e Portugal ben sexa mediante intercambios con outras bandas, contratacións por distintos concellos e circuítos culturais patrocinados pola Xunta de Galicia, as deputacións provinciais, a Federación Galega de Bandas de Música Populares ou o Concello de Vilalba.

Entre as moitas actuacións destacan as ofrecidas na Televisión de Galicia, Radio Galega e Televisión Española en Galicia. Por outro lado, a banda conta con dúas gravacións editadas, unha do ano 1995 e outra do ano 2001 co gallo do X Aniversario desta Asociación.