As sete de Edimburgo
As Sete de Edimburgo foron o primeiro grupo de mulleres universitarias matriculadas nunha universidade británica. Comezaron a estudar medicina na Universidade de Edimburgo en 1869 e, a pesar de que en última instancia se lles impediu tanto graduarse como converterse en médicas, lograron captar a atención nacional e conseguiron numerosos apoios, entre eles o de Charles Darwin. O dereito das mulleres a unha educación universitaria pasou a formar parte da axenda política do país e, en 1876 aprobouse unha lei que amparaba e aseguraba o dereito das mulleres a estudar medicina na universidade (UK Medical Act 1876).
O grupo tamén recibe o nome de Septem contra Edinam (“As Sete contra Edimburgo”, termo inspirado no mito grego de “Os sete contra Tebas”). Aínda que durante os catro anos de campaña algunhas das sete integrantes orixinais marcharon e outras novas incorporáronse, considérase que As Sete de Edimburgo son: Sophia Jex-Blake, Isabel Thorne, Edith Pechey, Matilda Chaplin, Helen Evans, Mary Anderson, Emily Bovell. Estes nomes figuraban na petición feita o 15 de novembro de 1869 ao Royal Infirmary, solicitando a súa admisión en Medicina. Todas elas aparecían no Rexistro de Estudantes de Medicina do CMX (Colexio Xeral de Médicos) entre 1869 e 1870 como estudantes bona fide (de pleno dereito), e esixíuselles recibir instrución clínica no Infirmary para así cumprir cos requisitos necesarios e obter o título.[1]
O inicio da campaña de Edimburgo
[editar | editar a fonte]Sophia Jex-Blake solicitou praza para estudar Medicina en marzo de 1869 e, aínda que a Facultade e o Senatus Academus votaron a favor, o Tribunal Universitario rexeitou a súa petición alegando que a Universidade non podía facer os cambios necesarios “en prol dunha soa dama”.[2]
Jex-Blake publicou unha noticia en The Scotsman e outros xornais nacionais para que máis mulleres se unisen á súa causa. As dúas primeiras en escribirlle foron Isabel Thorne e Edith Pechey. A carta de Edith Pechey dicía «Cre que é necesario algo máis que certa capacidade e unha boa dose de perseveranza para ter éxito? Creo dispor de ambas ademais de paixón polas materias de estudo, pero en canto ao meu coñecemento actual destas, temo non estar á altura. Preocúpame non ser capaz de superar o exame de acceso sen moito estudo previo.»
De todos os xeitos, esta humilde carta non facía xustiza á súa capacidade intelectual.
No verán de 1869 enviouse unha segunda solicitude en nome dun grupo formado por cinco mulleres ao que se sumarían outras dúas ese mesmo ano, constituíndo "As Sete de Edimburgo". Nela pedían dereito a matricularse e todo o que implicaba, como poder asistir a todas as clases e exames necesarios para graduarse. A súa solicitude foi aceptada polo tribunal universitario e instaláronse no número 15 de Buccleuch Place, actual sede do “Student Experience Office” da Universidade de Edimburgo. Pronto comezarían a prepararse para a proba de acceso. Dos 152 candidatos que se presentaron ao exame o 19 de outubro do 1869, cinco eran mulleres e catro delas estiveron entre as sete primeiras posicións.
As primeiras universitarias en Gran Bretaña
[editar | editar a fonte]O 2 de novembro de 1869 as mulleres matriculáronse na Universidade de Edimburgo. Ao facelo, esta converteuse na primeira en abrirlles as súas portas. Un dos documentos máis relevantes da campaña é o Programa Académico da universidade do ano 1870, o cal contiña unha nova sección, baixo o título de “Regulamento da educación de mulleres estudantes de medicina”. Nel declarábase que as mulleres deberían recibir as súas clases en aulas separadas dos homes e deberían pagar unha taxa de matrícula máis elevada debido ao menor tamaño das súas clases. En todos os demais aspectos recibirían o mesmo trato que os homes: “estarán suxeitas a todas as normas en vigor agora ou en calquera momento futuro da Universidade en canto á matriculación de estudantes, a súa asistencia a clase, exames e demais.”
Crece a hostilidade cara ás mulleres
[editar | editar a fonte]O profesor Robert Christison foi un dos principais opositores dos dereitos femininos. En abril de 1870, o Tribunal Universitario celebrou un debate co fin de decidir se se lles debería permitir ás estudantes asistir a clases mixtas; e por tanto, ser tratadas de maneira igualitaria aos seus compañeiros homes, reducindo as matrículas considerablemente máis elevadas que tiñan que pagar e proporcionándolles do mesmo xeito o dereito a bolsas. Durante este debate os profesores Robert Christison e Laycock ofreceron os seus puntos de vista gañándose a atención da prensa nacional, a cal se posicionou a favor delas.
Foi a influencia de Christison a que causou que moitos membros do persoal docente, que inicialmente as apoiaban, deixasen de impartirlles clase durante o resto do curso. Unha crecente proporción de estudantes homes comezaron a comportarse de maneira ofensiva e insolente, pechándolles a porta nos narices ás súas compañeiras e ocupando os seus habituais asentos, “estalando en risas e burlas” cada vez que se achegaban.
Máis tarde Sophia escribiu que era “coma se se formase unha conspiración para facer que a nosa estancia fose o máis incómoda posible”. E decidiu describir o acoso recibido: arrincaron o timbre da porta e estragaron a placa de identificación ata cinco veces, colocaron xirándulas nas súas portas, botábanlles o fume do tabaco na cara, enviábanlles cartas indecentes, abordábanas en canellóns solitarios e gritábanlles obscenidades en público.
Edith Pechey, nunha carta ao xornal escocés The Scotsman, conta como a perseguiron polas rúas e como foi tratada con cualificativos en grao sumo ofensivos, por exemplo “raposa”.[3]
Tanto amigos como simpatizantes chegaron a crer que algúns dos profesores estaban a incitar deliberadamente os estudantes a comportarse así. As mulleres comezaron a tomar precaucións, só camiñaban polo campus en grupo, pero ningunha estaba preparada para os acontecementos que terían lugar o venres 18 de novembro de 1870.
Os disturbios no Surgeon’s Hall
[editar | editar a fonte]Ás catro da tarde do venres 18 de novembro de 1870 as mulleres debían presentarse a un exame de anatomía no Surgeon' s Hall. A medida que se achegaban déronse conta de que a rúa Nicholson estaba bloqueada por centos de persoas. Cando viron que as mulleres se achegaban, moitos dos alí reunidos comezaron a lanzarlles lixo e barro mentres lles gritaban e insultaban.
Abríronse paso até chegar á entrada principal da Universidade e ao chegaren pecháronlles as portas de forma brusca. Negándose a entrar por calquera porta lateral, resistiron a hostilidade da multitude ata que un estudante compasivo acudiu na súa axuda e abriulles a porta principal.[4] Os disturbios no Surgeon's Hall, como son coñecidos hoxe en día, foron un fito na historia da campaña dos médicos; atraendo así unha ampla publicidade que conseguiu que moita xente se unise á súa causa.[5]
Este acontecemento tamén avivou o apoio de varios estudantes homes que se conmocionaron pola maneira na que foran tratadas aquel día e decidiron escoltalas de volta até o número 15 de Buccleuch Place ao terminar o exame.[6]
A campaña nacional
[editar | editar a fonte]Máis mulleres sumáronse ás clases. Algúns doutores instruíranas con moito gusto, e os seus simpatizantes crearon un Comité Xeral para apoiar a unha Educación en medicina para Mulleres con máis de 300 afiliados, incluíndo a Charles Darwin. Con todo, perderon a batalla para poder graduarse. En 1873, o Tribunal Supremo apoiou o dereito da Universidade de rexeitar as titulacións femininas. Tamén ditaminaron, por maioría absoluta, que as mulleres non deberían ser admitidas en primeiro lugar. Esta derrota e outros problemas motivaron a maioría delas a continuar a loita, non só por razóns persoais, senón tamén por un ben común.
Despois de 1873
[editar | editar a fonte]Sophia Jex-Blake mudouse a Londres para continuar coa loita. Traballou activamente para crear a London School of Medicine for Women (Escola de Medicina para mulleres de Londres), que abriu as súas portas no outono de 1874, e á que asistiron doce das catorce estudantes que cursaran previamente en Edimburgo. Seis das sete “orixinais” tamén se instruíron nesa escola.
Cinco desas sete —Bovel, Chaplin, Jex- Blake, Marshall e Pechey— tiveron a oportunidade, a finais dos 70, de facer o doutoramento de medicina tanto en Berna como en París. En 1876, a nova lexislación estableceu (aínda que isto non se cumpriu) que os órganos examinadores tratasen os alumnos de ambos os sexos por igual. O Irish College of Physicians (Colexio de médicos Irlandés), naquel entón coñecido como o Kings and Queens College of Physicians, "Colexio de Médicos de Reis e Raíñas", foi o primeiro en concederlles a licenza para exercer medicina, unha grande oportunidade para catro das mulleres recentemente graduadas.
En 1878, Jex-Blake regresou a Edimburgo para converterse na primeira doutora de Manor Place, en New Town. Ademais de precursora do Hospital Brunstfield, abriu unha clínica para pacientes sen recursos. Unha vez que Escocia comezou a outorgarlles títulos, Jex-Blake colaborou na fundación da Edimburgh School of Medicine for Women (Escola de Medicina para Mulleres de Edimburgo), con prácticas no Hospital Leith. Edith Perchey exerceu en Leeds antes de converterse en médica supervisora nun hospital para nenos e mulleres en Bombai. Bovell e Marshall traballaron no New Hospital for Women in London (Novo Hospital para mulleres en Londres). Chaplin fundou unha escola de matronas en Toquio, pero volveu máis tarde para dedicarse á práctica privada en Londres.
Finalmente, a Universidade de Edimburgo e outras universidades escocesas admitiron mulleres no curso de 1892 tras a Lei de 1889, a cal establecía un marco legal para iso. Todas as clases eran mixtas excepto as de medicina.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2015, as Sete de Edimburgo recibiron unha homenaxe cunha placa na Universidade de Edimburgo, como parte do Sistema de Placas Conmemorativas Históricas de Escocia.[7]
En 2019, Edinburgh Medical School outorgoulles o título honorario póstumo de MBChB.[8][9] Sete estudantes recibiron os certificados en nome das Sete de Edimburgo. A cerimonia de gradación formou parte dunha serie de eventos para honrar os seus logros.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Scotsman, The (15 de noviembre de1870). "Female Medical Students at the Infirmary".
- ↑ Jex-Blake, Sophia (1886). Medical Women (2ª ed.). Edimburgo: Oliphant, Anderson, & Ferrier. pp. 70–71. Consultado el 24 de febrero de 2017.
- ↑ Knox, William (2006). The Lives of Scottish Women: Women and Scottish Society, 1800–1980. Edinburgh University Press.
- ↑ "The Female Medical Students in Edinburgh". The Glasgow Herald. 22 de novembro de 1870. p. 5 col. 2. Consultado o 1 de abril de 2018.
- ↑ "A Bit of Edinburgh Medical History". Edinburgh University Science Magazine. Archivado del original el 19-10-2014.
- ↑ Roberts (1993)
- ↑ "Tribute paid to first UK women to go to university" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2019. Consultado o 23 de agosto de 2019.
- ↑ "Honorary Graduates in 2019" (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2019.
- ↑ Redacción (6 de xullo de 2019). "First female medical students get degrees at last". bbc.com (en inglés). Consultado o 17 de maio de 2021.
- ↑ Press Asociation (6 de xullo de 2019). "Edinburgh gives female medical students their degrees – 150 years late". theguardian.com (en inglés). Consultado o 17 de maio de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: As sete de Edimburgo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Roberts, Shirley (1993). Sophia Jex-Blake (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-0-415-75606-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Edinburgh Seven Project (en inglés).
- Las siete de Edimburgo: una renovada lección de anatomía no blog Mujeres con Ciencia (en castelán).