Antonio Pérez del Hierro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio Pérez del Hierro
Antonio Perez, Ponz.jpg
Nacemento1534 e 1540
Lugar de nacementoValdeconcha
Falecemento7 de abril de 1611
Lugar de falecementoParís
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Salamanca e Universidade de Alcalá
Ocupaciónpolítico, diplomático e escritor
CónxuxeJuana Coello
editar datos en Wikidata ]
Ana de Mendoza, princesa de Éboli
Antonio Pérez. Detalle dun gravado de 1791, Biblioteca Nacional de España, Madrid.

Antonio Pérez del Hierro, nado en Valdeconcha (Guadalaxara) en 1540 e finado en París (Francia) o 7 de abril de 1611, foi secretario de cámara e Secretario de Estado do rei Filipe II de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Gonzalo Pérez, secretario de Carlos V[1]. Criouse nas terras do príncipe de Éboli (Ruy Gómez de Silva) e estudou nas máis prestixiosas Universidades do seu tempo, como as de Alcalá de Henares, Salamanca, Lovaina, Venecia e Padua.

O seu pai iniciouno nos asuntos de Estado. Antonio foi nomeado, en 1553, secretario do príncipe (e logo rei) Filipe. Cando o emperador Carlos abdica os seus reinos españois no seu fillo, que se converte no rei Filipe II, Antonio Pérez continuou como seu secretario particular mentres que seu pai, Gonzalo Pérez, segue como secretario de Estado.

Gonzalo Pérez morre en 1566 e o seu fillo Antonio é nomeado Secretario de Estado un ano máis tarde, aínda que as súas competencias foron recortadas respecto ás do seu pai, facéndose cargo só dos asuntos atlánticos (Países Baixos, Francia, Inglaterra e Alemaña). A través da súa secretaría no Consello de Castela tamén tiña acceso á correspondencia interna. Os asuntos do Mediterráneo quedaron baixo cargo de Diego de Vargas, tras cuxa morte Antonio intentou por todos os medios conseguir así mesmo esta secretaría. Isto fixo que Filipe II comezase a desconfiar del.

Co apoio do marqués de los Vélez e do arcebispo Quiroga, Antonio Pérez pediu para si a oficina vacante de Vargas en 1588, ao cal se opuxeron o conde de Chinchón e todos os que temían o poder de Antonio Pérez. O rei confiou finalmente os asuntos mediterráneos e italianos a Gabriel de Zayas.

Durante os seus primeiros dez anos de secretario, Antonio Pérez exerceu unha grande influencia sobre Filipe II, quen normalmente seguía os seus consellos, recoñecendo a súa intelixencia, coñecemento dos asuntos do Estado e instinto infalíbel. Esta confianza real serviulle para conseguir máis poder e, como a maioría dos seus contemporáneos, enriquecerse no cargo.

Xa desde a época de Carlos I existían dúas faccións na Corte española, a parte liberal, liderada polo príncipe de Éboli e o seu secretario Francisco de Eraso, e a parte conservadora, liderada polo duque de Alba e o inquisidor xeneral Fernando de Valdés y Salas. Tras a morte do príncipe de Éboli en 1573, Antonio Pérez pasou a liderar a facción liberal e comenzou a súa asociación coa princesa de Éboli (Ana de Mendoza), de quen Antonio aproveitou os contactos que ela tiña coa aristocracia, beneficiándose economicamente ambos desta avinza. Antonio Pérez reveloulle á princesa de Éboli segredos de Estado e xuntos traficaron con información gobernamental.

Durante o goberno de Xoán de Austria nos Países Baixos, Antonio Pérez e os seus aliados propuxéronlle ao rei unha paz negociada cos rebeldes e unha invasión de Inglaterra, consello que o rei ignorou naquel momento, pois non se consideraba preparado para acometer tal invasión. Por razóns descoñecidas, Antonio Pérez xogou coas xa tensas relacións entre Filipe II e o seu medio irmán Xoán de Austria, facendo aparecer aos ollos do rei como subversivas as pretensións deste acerca de Inglaterra. Pero Filipe xa desconfiaba do seu secretario, polo que en 1578, Xoán de Escobedo (secretario de Xoán de Austria) chegou á Corte para explicar a posición do seu superior ao rei, o cal podería deixar ao descuberto a Antonio. Por iso, Antonio culpou a Escobedo das ambicións de Xoán e aconsellou ao rei que o eliminase. O rei parece que accedeu a se desfacer de Escobedo. Antonio Pérez primeiro tratou de envelenalo, no que fallou, e despois contratou un grupo de asasinos que acabaron con el en Madrid o 31 de marzo de 1578.

Logo esparexeuse o rumor da implicación de Antonio no asasinato de Escobedo. Filipe II intentou nun principio protexer a Antonio Pérez, en parte polo seu propio sentimento de culpabilidade, e en parte polo que puidese este revelar nun proceso. Pero cando seu medio irmán Xoán morreu e os seus documentos chegaron a Madrid, descubriu as mentiras de Antonio Pérez, constatando que Xoán sempre lle fora fiel. Considerándose traizoado, Filipe II empezou a desconfiar da asociación de Antonio Pérez e a princesa de Éboli, e a barruntar que estaban a traficar con segredos de Estado.

Na noite do 28 de xullo de 1579, Antonio Pérez foi detido en saíndo do seu despacho. Pérez tiña liberdade para moverse por Madrid, aínda que vixiado pola Coroa, pois o rei necesitaba os seus documentos, xa que podían implicalo a el tamén no asasinato de Escobedo.

Pola súa banda, a princesa de Éboli foi posta baixo custodia, primeiro na Torre de Pinto, logo no castelo de Santorcaz e, finalmente, foi recluída no seu propio palacio de Pastrana, onde pasou o resto da súa vida. Pouco despois, o posto de Antonio Pérez foi ocupado por Granvela.

Máis tarde, os Escobedo e os seus aliados meteron presión na Corte e conseguiron que Antonio Pérez fose detido por segunda vez en 1585 baixo os cargos de tráfico de segredos e corrupción (sen mencionar o asasinato). Foi declarado culpábel e condenado a dous anos de prisión e unha enorme multa. En 1590 recoñeceu baixo tortura a súa implicación no asasinato de Escobedo.

En abril de 1590, axudado pola súa esposa, Xoana Coello, Antonio Pérez escapou da prisión en Madrid e fuxiu a Zaragoza, acolléndose á protección dos foros aragoneses. No reino de Aragón encontrou o apoio do duque de Villahermosa, do conde Aranda e de Diego de Heredia. Mentres tanto e na súa ausencia, en Madrid foi condenado a morte (sen el sabelo). Filipe II fixo unha alegación perante o Xustiza de Aragón contra Antonio Pérez polos cargos de asasinato de Escobedo, tráfico de segredos de Estado e fuxida de prisión. Filipe II, desesperado pola lentitude da xustiza aragonesa e porque non esperaba unha condena favorable, retirou os cargos e usou un tribunal ao cal os foros e xustiza aragoneses non se podían opor: a Inquisición. Pérez non era un herexe, mais non foi difícil argallar un caso contra el. En maio de 1591, Antonio Pérez foi trasladado da prisión do Xustiza á da Inquisición, polo que os seus defensores organizaron unha revolta en Zaragoza, coñecida como revolta de Antonio Pérez, no marco das Alteracións de Aragón. Foi devolto á prisión da xustiza aragonesa e desde alí levou unha campaña contra a Coroa. En setembro foi trasladado de novo á prisión da Inquisición. Heredia e os seus seguidores volvérono sacar e nesta ocasión deixárono ceibe, derivando a situación nunha crise en Aragón pola defensa dos foros.

En outubro de 1591 Filipe II enviou un exército a Zaragoza. Xoán V de Lanuza, Xustiza de Aragón, puxérase á fronte das protestas, polo que foi detido e executado, póndose así fin á sublevación. Antonio Pérez fuxiu ao Bearne, onde recibiu o apoio de Henrique de Navarra para intentar unha invasión francesa, que fracasou. Máis tarde, Pérez trasladouse a Inglaterra, onde ofreceu información que serviu para o ataque inglés a Cádiz en 1596, e promoveu a lenda negra contra Filipe II. Após intentar sen éxito conseguir o perdón da Corona, Antonio Pérez faleceu en París na máis absoluta pobreza en 1611.

Antonio Pérez deixou diversos escritos que tratan de xustificar a súa conduta. Destacan as Relaciones, publicadas so o pseudónimo de Rafael Peregrino en París en 1598, e as Cartas, cuxo valor literario xa foi sinalado no século XVIII, ao seren incluídas no Catálogo do Diccionario de Autoridades da Real Academia Española.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A súa orixe e o lugar de nacemento foi moi discutido. No século XIX afirmábase que nacera en Madrid, ou en Monreal de Ariza. véxase aquí a nota 1. Porén, en 1542, foi lexitimado polo emperador como fillo de Gonzalo Pérez, o seu secretario. Véxase a Lexitimación de Antonio Pérez, na Colección de documentos inéditos para la Historia de España, vol. XIII, Madrid, 1848, páxs. 389-393.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]