Antonio María de Castro e Neira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio María de Castro e Neira
Nacemento6 de outubro de 1771
 Mondoñedo
Falecemento10 de outubro de 1826
 Mondoñedo
NacionalidadeEspaña
Alma máterSeminario de Mondoñedo
Ocupaciónsacerdote e escritor
editar datos en Wikidata ]

Antonio María de Castro e Neira, nado en Mondoñedo o 6 de outubro de 1771 e finado na mesma cidade o 10 de outubro de 1826[1], foi un relixioso e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou nos seminarios de Mondoñedo e Santiago de Compostela e en 1810 foi nomeado párroco de San Pedro de Argomoso.

Da súa produción literaria en latín destaca a Oda a la muerte de Luís XVI e Phisica Tentamina (1798). En castelán escribiu En elogio de don Andrés Gacio[2], amais de moitos poemas escritos para ser cantados nas festividades relixiosas[3].

Consérvanse del varios vilancicos en galego e atribúenselle outros anónimos que seguen a tradición das composicións galegas do Nadal compostelán. Estes vilancicos foron cantados na catedral de Mondoñedo (consérvanse os manuscritos no arquivo catedralicio) con música do mestre de capela don Xosé Pacheco[4]. O máis coñecido titúlase Noite boa e foi publicado varias veces. Alén de Noite boa (Brinquen todos de alegría), escribiu unha Alborada (Sudando desde Argomoso), unha Tonadilla (Ende Seivane) e varios Vilancicos (Alegrádevos, pastores, Vinde axiña, compañeiros; Albricia, que nesta noite).

A maioría das composicións están escritas para se cantar por un solista (un galego ou rústico) e coro. A Alborada é unha introdución á muiñeira escrita en coplas populares. As demais son romances. A máis bonita para Carballo Calero (Noite boa) remata así

Manteiga ou leitiño... nada;
non quer manxares o neno;
quer corazóns humildados,
quer un amor verdadeiro[5]

Segundo Xosé María Álvarez Blázquez “a musa de Castro e Neira é sinxela, labrega e pastoril; gusta de lembrar topónimos e traer á escena os pegoreiros polos seus nomes, segundo inxel recurso que exemplifica amplamente a clásica fórmula castelá e que temos ollado agromar nos anónimos de Lisboa e Coimbra. No tocante ás formas, as preferidas do autor son a cuadra popular e o romance, penta e octosílabo. O léxico é xa moito máis puro, máis escolleito e áxil que o dos autores devanceiros” [6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernández del Riego, Francisco (1990). Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro. p. 74. ISBN 84-7492-465-0. 
  2. Ledo Cabido, Bieito (editor) (2002). Enciclopedia Galega Universal, 5. Editorial Ir Indo. p. 75. ISBN 84-7680-293-5. 
  3. Vilavedra, Dolores (Coord.) (1995). Diccionario da literatura galega I. Galaxia. p. 132-133. ISBN 84-8288-019-5. 
  4. Carballo Calero, Ricardo (1975). Historia da literatura galega contemporánea. Editorial Galaxia. p. 46-47. ISBN 84-7154-227-7. 
  5. Carballo Calero 1975, p. 47.
  6. Vilavedra 1995, p. 133.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]