Angmar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Angmar
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Carn Dûm.
Primeira apariciónO Señor dos Aneis
Información
GobernanteRei Bruxo de Angmar
LocalizaciónNorte da Terra Media
LugaresCapital: Carn Dûm

Angmar (sindarin: «casa de ferro») é un lugar ficticio pertencente ó legendarium do escritor británico J. R. R. Tolkien. É un reino fundado no ano 1300 da Terceira Idade do Sol, no extremo norte das Montañas Bretemosas polo que resultou ser o Señor dos Nazgûl, quen foi coñecido como o Rei Bruxo de Angmar. Xa que o Rei Bruxo era un vasalo do Señor Escuro Sauron, as guerras de Angmar contra os reinos dos dúnedain foron levadas a cabo por orde de Sauron.

A capital de Angmar era Carn Dûm. O reino estaba conformado por homes malvados, inimigos dos Dúnedain, e por orcos.

Historia[editar | editar a fonte]

Pouco tempo despois da súa fundación, guerreou contra os reinos divididos dos Dúnedain: Arthedain, Cardolan e Rhudaur. O Rei Bruxo conquistou Rhudaur, o máis feble dos reinos que sucederon a Arnor, e substituíu o rei por Hwaldar, un dos homes da liñaxe "maldita" de Ulfang.

Baixo o control do Rei Bruxo, Rhudaur invadiu en 1356 da T.E. a Arthedain e no ataque o rei Argeleb I morreu. Porén, coa axuda dos exércitos de Cardolan, Arthedain conseguiu manter unha liña defensiva.

No 1409 T.E., Angmar atacou Cardolan, destruíndo este reino. Ó mesmo tempo, Rhudaur desapareceu, polo que só quedaba Arthedain como único remanente do reino dos Dúnedain en Arnor. Arthedain, privado de aliados, loitou durante 500 anos máis.

No 1974 T.E., Angmar reuniu as súas forzas e lanzou un asalto final sobre Arthedain. Angmar tomou a capital, Fornost, acabando así co último reino dos Dúnedain do norte. O rei Arvedui foi empurrado cara ó extremo norte e refuxiouse cos homes da Baía do xeo de Forochel. Pediu axuda a Gondor valéndose dunha das Palantír que tiña no seu poder.

Un ano máis tarde, o Príncipe Eärnur de Gondor desembarcou nos Portos Grises cun exército de Dúnedain para axudar a Arthedain, pero chegou demasiado tarde. Os seus homes reuníronse cun exército de elfos enviado por Elrond encabezado por Glorfindel. Xuntos destruíron completamente as forzas de Angmar na Batalla de Fornost, pero o Rei Bruxo non foi eliminado. Escapou e refuxiouse en Mordor. O exército de elfos e homes marchou cara Carn Dûm destruíndo a cidade e matando a tódolos seus habitantes, chegando así a fin do reino de Angmar.