Anestesia epidural

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anestesia peridural»)
Anestesia epidural
Clasificación e recursos externos
MeSHD000767
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A anestesia epidural ou peridural, tamén denominado ás veces bloqueo epidural ou administración epidural, é unha técnica anestésica e analxésica empregada fundamentalmente para o control da dor. Xunto coa anestesia espinal ou intratecal, forma parte das técnicas anestésicas neuroaxiais, por ter como diana o neuroexe. Recibe o nome de epidural posto que a medicación utilizada é depositada no espazo homónimo. A epidural é o principal mecanismo de analxesia obstétrica ou control da dor durante o parto, aínda que tamén se usa habitualmente como técnica analxésica en intervencións cirúrxicas como a laparotomía, para o control da dor oncolóxica ou nas unidades da dor para o tratamento da dor crónica. Polo xeral, a anestesia epidural adminístrase por un catéter insertado no espazo epidural, a través do cal se administran diferentes medicacións: anestésicos locais, opioides e outros coadxuvantes.

Após da súa popularización, sobre todo en pacientes embarazadas, na linguaxe coloquial abreviouse a técnica como "epidural" (p. ex. "poñer a epidural").

Historia[editar | editar a fonte]

O neurólogo estadounidense James Leonard Corning (1855-1923) foi o primeiro en realizar un bloqueo neuraxial en 1885 cando inxectou 111 mg de cocaína no espazo epidural dun voluntario. En 1921 o cirurxián militar español Fidel Pagés (1886–1923) desenvolveuna converténdose así no inventor desta técnica, de acordo á sociedade científica internacional. Ademais desenvolveu a anestesia lumbar epidural de inxección única que logo popularizou o cirurxián italiano Achille Mario Dogliotti (1897–1966). O primeiro uso dunha anestesia de caudal continuo durante un parto foi en 1942 e foi desenvolto por Robert Andrew Hingson (1913-1996) e Waldo B. Edwards. En 1947, o cubano Manuel Martínez Curbelo.

Uso[editar | editar a fonte]

A anestesia epidural ten diferentes usos médicos.

No traballo de parto emprégase habitualmente se a muller o solicita. A anestesia epidural durante o parto presenta numerosos beneficios, como o control da dor provocada polas contraccións. Ademais, é unha técnica que permite anestesiar a barriga no caso dunha eventual cesárea. Tamén produce anestesia no caso de seren necesarias medidas máis invasivas como a instrumentación do parto con fórceps ou ventosas ou a realización de episiotomías.

A epidural tamén se emprega para o control da dor en intervencións cirúrxicas que son potencialmente dolorosas, como laparotomías con grandes incisións na cavidade abdominal, intervencións traumatolóxicas nos membros inferiores ou cirurxía xinecolóxica ou urolóxica.

Técnica[editar | editar a fonte]

Agulla de tipo Tuohy, empregada habitualmente para canalizar os catéteres epidurais.

A epidural insértase no espazo epidural, o cal se atopa no interior do canal espinal pero xusto por enriba da duramáter. En contacto coa superficie interna da duramáter atópase a membrana aracnoides, a cal contén o líquido cefaloraquídeo.

En adultos, a epidural realízase insertando unha agulla de diferentes tamaños nas costas do paciente, entre as diferentes apófises espinosas das vértebras. Dita agulla é insertada até chegar ao espazo epidural, un espazo virtual que xera unnha presión negativa con respecto ás estruturas veciñas. Unha vez alcanzado o espazo epidural, insértase por dentro da agulla un catéter, denominado catéter epidural. Unha vez insertado o catéter, o cal permanecerá no espazo epidural o tempo que precisa, procederase a retirar a agulla. O catéter epidural permite a inxección de medicamentos ao seu través.

Para a inserción e colocación da epidural é preciso unha desinfección e unha técnica aséptica para evitar infeccións. A epidural está contraindicada en casos no que o paciente ou a xestante teña alteracións analíticas que propicien un maior risco de sangrado, como a plaquetopenia ou a alteración da coagulación.

Complicacións[editar | editar a fonte]

Polo xeral a anestesia epidural apenas ten complicacións, e estas polo xeral só aparecen cando non se toman as medidas pertinentes. Entre as máis importantes, destacan:

  • Punción dural accidental (PDA): consiste na punción do espazo espinal ou subaracnoideo en lugar do espazo epidural. Trátase dunha complicación leve, que pode ter como consecuencia unha dor de cabeza denominada [[cefalea postpunción dural), que se caracteriza por presentarse durante a bipedestación e ceder en posición deitada.
  • Infección ou absceso epidural: trátase dunha complicación moi infrecuente pero potencialmente grave. É fundamental a desinfección cirúrxica meticulosa antes da realización da técnica para evitar esta complicación.
  • Hematoma epidural: é unha complicación moi infrecuente pero grave, que pode provocar lesións neurolóxicas como paraplexía. De aparecer, pode requirir unha intervención urxente para realizar unha laminectomía descompresiva.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]