Anders Celsius

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anders Celsius
Anders-Celsius-Head.jpg
Anders Celsius
Datos persoais
Nacemento 27 de novembro de 1701
Lugar Ovanåker, Suecia Flag of Sweden.svg
Falecemento 25 de abril de 1744
Lugar Ovanåker, Suecia
Residencia Suecia
Nacionalidade sueco
Actividade
Campo astronomía, física
Alma máter Universidade de Uppsala
Contribucións e premios

Anders Celsius, nado en Ovanåker o 27 de novembro de 1701 e falecido na mesma vila o 25 de abril de 1744, foi un físico e astrónomo sueco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Profesor de astronomía na Universidade de Uppsala (1730-1744). Supervisou a construción do Observatorio de Uppsala, do que foi nomeado director en 1740. En 1733 publicou unha colección de 316 observacións de auroras boreais. En 1736 participou nunha expedición a Laponia para medir un arco de meridiano terrestre, o cal confirmou a teoría de Isaac Newton de que a Terra achatábase nos polos. Nunha memoria que presentou á Academia de Ciencias Sueca propuxo a escala centígrada de temperaturas, coñecida posteriormente como escala Celsius.

Celsius é coñecido como o inventor da escala centesimal do termómetro. Aínda que este instrumento é un invento moi antigo, a historia da súa gradación é do máis caprichosa. Durante o século XVI era graduado como "frío" colocándoo nunha cova e "quente" expoñéndoo aos raios do sol estival ou sobre a pel quente dunha persoa. Máis tarde o francés Réaumur e o alemán Farenheit en 1714, graduárono baseándose na temperatura do xeo no seu punto de fusión e na do vapor da auga ao ferver, pero a escala alemá ía de 32 a 212 graos, mentres que a francesa facíao de 0 a 80 graos.

En 1742, Celsius propuxo substituír a escala do científico alemán por outra dun manexo máis sinxelo. Para iso creou a escala centesimal que ía de 0 a 100 graos e inventou o termómetro de mercurio. O punto correspondente á temperatura 100 °C coincidía co punto de conxelación da auga mentres que a temperatura a 0 °C equivalía á temperatura de ebulición da auga a nivel do mar. A escala, polo tanto, indicaba un descenso de temperatura cando a calor aumentaba, ao contrario de como é coñecida actualmente. O seu compatriota o científico Carl von Linné (coñecido como Linneo) invertería esta escala tres anos máis tarde.

Esta escala centígrada de temperaturas foi proposta nunha memoria que presentou á Academia de Ciencias Sueca. O termómetro de Celsius foi coñecido durante anos como "termómetro sueco" pola comunidade científica, e tan só se popularizou o nome de "termómetro Celsius" a partir do século XIX.