Saltar ao contido

Ganso de Exipto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Alopochen»)
Ganso de Exipto
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Tadorninae
Xénero: Alopochen
Especie: A. aegyptiaca
Nome binomial
'Alopochen aegyptiaca'
(Linnaeus, 1766)
Distribución nativa
Distribución nativa

Distribución nativa

O ganso de Exipto (Alopochen aegyptiacus) é un ganso da familia Anatidae e a subfamilia Tadorninae. Esta especie é o único membro sobrevivente do xénero Alopochen. Investigacións xenéticas recentes (Sraml et al. 1996) suxiren que a súa relación coas especies do xénero Tadorna deberían ser obxecto de estudo.

Os gansos de Exipto eran considerados unha ave sagrada polos antigos exipcios, polo que están representados en moitas das súas obras artísticas. É unha das aves incluídas no acordo de protección do AEWA.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Vista de preto dun ganso do Exipto

Os dous sexos son semellantes, aínda que os machos sexan algo meirandes. Miden entre 63 e 73 cm de longo. A coloración dos adultos, que aparece ós catro ou cinco meses de vida, é, globalmente, castaña avermellada, coa cabeza máis clara e unha mancha marrón preto de cada ollo. Hai unha notable variación na plumaxe e algúns individuos son máis agrisados que castaños. Tamén a cor do bico varía entre o vermello pálido e o intenso. Os exemplares fuxidos da catividade amosan a miúdo bicos moi vermellos. A penuxe dos polos pola parte superior é de cores que van da da terra ata ó canela. Os polos teñen manchas da cor da palla nas ás e o ventre branco e o bico, o iris e os pés grises amarelados.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Os gansos de Exipto vivían orixinalmente en case toda África, agás nas zonas de clima máis seco nos bosques mestos. Neste continente son localmente abundantes, e atópanse sobre todo no val do Nilo e ó sur do Sáhara. En tempos históricos estaban tamén presentes nos Balcáns, onde están extinguidos. No século XIX criaban aínda nalgúns puntos de Hungría e Bulgaria. Son mantidos en catividade en Europa dende o século XVIII. En Inglaterra, unha poboación pequena pero relativamente estable da especie está establecida dende comezos do século X. Dende os anos 1970 o ganso do Exipto está a espallarse rapidamente ó longo do río Rin e os seus afluentes, a partir de poboacións dos Países Baixos, froito de animais fuxidos ou ceibados. A especie chega xa polo sur á fronteira de Suíza e polo leste o Danubio austríaco.

Na actualidade está a expandirse tamén cara ó norte e nos estados alemáns de Schleswig-Holstein, Niedersachsen e Hessen hai pequenas poboacións reprodutoras. O ganso do Nilo é unha das novas especies de animais presentes en Europa de máis éxito, e probablemente recuperará nun prazo non moi longo os seus vellos territorios balcánicos. Mesmo os invernos moi fríos, coma os de 995/96 e 1996/97 non parecen influír nas súas poboacións.

Parella con tres polos na beira do río Lippe
Familia con oito polos en Frankfurt

Durante a época reprodutora son moi territoriais e non toleran outros exemplares de patos ou gansos (Anatidae) no seu territorio. Esta agresividade non o fai unha ave moi apreciada, malia a súa coloración e causa en parte as soltas de exemplares domésticos ou o pouco interese en buscar as aves fuxidas.

Aliméntanse sobre todo de vexetais herbáceos, incluíndo plantas cultivadas e o uso de fontes de alimentación de orixe agrícola é unha das causas da súa rápida colonización do continente europeo. Sementes, follas e, ocasionalmente, saltóns, vermes e outros animaliños forman tamén parte da súa dieta. Os exemplares que viven en parques comen, coma os lavancos, pan.

Son aves moi terrestres, que se pousan tamén con facilidade en árbores e edificios. Nadan ben e teñen un voo de aparencia pesada, que recorda ó dos gansos típicos máis có dos patos.

Forman habitualmente parellas para toda a vida e fan os niños en sitios moi variados, con preferencia polos furados nas árbores.

O ganso de Exipto como ave ornamental

[editar | editar a fonte]
Parella de gansos
Gansos de Exipto no Rin, preto de Bingen

Esta especie foi utilizada como ave ornamental no antigo Exipto, en Grecia e no Imperio Romano. Na Europa occidental a súa cría en catividade comezou nos séculos XVII e XVIII. Na actualidade é raro atopalos en coleccións privadas. O seu tamaño, que fai necesario instalacións grandes para conservalos, o feito de seren moi ruidosos e o seu carácter agresivo fannos máis frecuentes como ave de parques.

Ovos de ganso de Exipto.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • T. Bartlett: Ducks And Geese - A Guide To Management. - The Crowood Press, 2002. ISBN 1-85223-650-7
  • Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. - Ulmer Verlag, Stuttgart, 1999. ISBN 3-8001-7442-1
  • Sraml, M.; Christidis, L.; Easteal, S.; Horn, P. & Collet, C. (1996): Molecular Relationships Within Australasian Waterfowl (Anseriformes). Australian Journal of Zoology 44(1): 47-58. (HTML abstract)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]