Advanced Composition Explorer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Advanced Composition Explorer
Advanced Composition Explorer
TipoObservatorio espacial
OrganizaciónNASA
Destino actualPunto de Lagrange L1 do sistema Terra-Sol[1]
Data de lanzamento25 de agosto de 1997[2][3][4]
Foguete portadorDelta II 7920[3][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial Kennedy[3]
Obxectivo da misiónEstudo das abundancias de diferentes elementos no medio interplanetario.[3]
NSSDC ID1997-045A
Masa596 kg (máis 189 kg de hidracina)[1][3][5]
Dimensións1,6 m de ancho por 1,0 m de alto (sen os paneis solares[1]
Potencia464 vatios[1][3]

Advanced Composition Explorer, tamén coñecido polo acrónimo ACE, é un satélite artificial pertencente ó programa Explorer da NASA que foi lanzado o 25 de agosto de 1997 a bordo dun foguete Delta II 7920 desde o Centro Espacial Kennedy, en Florida, Estados Unidos.[1][3][5]

Historia[editar | editar a fonte]

ACE foi ideado nunha reunión que tivo lugar o 19 de xuño de 1983 na Universidade de Maryland organizada por George Gloecker e Glen Mason. Nela participaron os doutores L. F. Burlaga, S. M. Krimigis, R. A. Mewaldt e E. C. Stone. A reunión organizouse en base a documentación proveniente do Laboratorio de Física Aplicada da Universidade Johns Hopkins (APL) e da Universidade de Maryland, propóndose inicialmente unha misión denominada Cosmic Composition Explorer. A solicitude de proposta enviouse á oficina do programa Explorer da NASA a finais dese mesmo ano, sen que fose admitida. A proposta foi retomada a petición do doutor Vernon Jones e a solicitude enviouse de novo á NASA en 1986. A misión foi seleccionada para un estudo dun ano na fase A en 1988, durante o cal se estudiaría a viabilidade e se sopesarían os pros e contras da misión.[1][6]

A misión de ACE comezaría oficialmente o 22 de abril de 1991 cando, tras superar a fase A, se firmou o contrato entre o Centro Goddard de Voo Espacial e o Instituto Tecnolóxico de California, co APL como deseñador e construtor da nave, para comeza-la planificación da fase B, adicada á definición en si da misión. Durante esta fase tiveron lugar as especificacións do soporte da misión e dos sistemas e interfaces da nave. A fase B comezou oficilamente en agosto de 1992.[1][6]

A revisión de deseño preliminar da misión tivo lugar en novembro de 1993, co que as fases C e D comezaron pouco despois.[1][6]

Características[editar | editar a fonte]

ACE está baseado no deseño do satélite Charge Composition Explorer (parte da misión AMPTE) e está adicado a comparar e determina-la composición elemental e isotópica de distintos tipos de materia, entre eles o vento solar, o medio interestelar e outra materia de orixe galáctico. O satélite pesa 596 kg, ó que hai que sumar 189 kg de hidracina para o sistema de propulsión. Foi situado nunha órbita de Lissajous arredor do punto de Lagrange L1, situado entre o Sol e a Terra, a unha distancia duns 1,5 millóns de km desta última, e estabilízase mediante xiro, a 5 revolucións por minuto, co eixo de rotación apuntando cara o Sol cunha marxe de erro de 20 graos.[3][5][6]

A nave produce electricidade mediante células solares e estaba deseñada para durar como mínimo cinco anos, xa cumpridos desde o comezo da misión. Leva unha gravadora a bordo para garda-los datos e descargalos posteriormente cando pasa sobre algunha das estacións da Rede do Espazo Profundo da NASA. As velocidades típicas de descarga de datos son de 6,7 e 78 Kbps e 434 bps. Mide 1,6 m de ancho por 1,0 m de alto.[3][6]

Os estudos de ACE inclúen análises de abundancia isotópica dos elementos desde o hidróxeno ó cinc (número atómico entre 1 e 30), con estudos exploratorios ata o circonio (número atómico 40).[3][5]

ACE ten suficiente propelente como para permanecer no punto L1 ata 2024.[6]

Instrumentos[editar | editar a fonte]

O satélite leva nove instrumentos[5], entre os que se atopan seis espectrómetros de alta resolución optimizados para o seu particular rango de enerxías[3]:

  • CRIS (Cosmic Ray Isotope Spectrometer) é un espectrómetro de isótopos de raios cósmicos. Está formado por unha pila de catro capas de detectores de silicio, que se encarga de determinar a enerxía dos raios cósmicos incidentes, e un sistema de determinación da traxectoria por fibra óptica centelleante (SOFT polo seu acrónimo en inglés, Scintillating Optical Fiber Trajectory).[5][7]
Instrumento CRIS.
  • SIS (Solar Isotope Spectrometer) é un espectrómetro de isótopos solares deseñado para proporcionar medicións de alta resolución da composición isotópica de núcleos enerxéticos dos elementos desde o helio ata o níquel (número atómico de 2 a 28) no rango de enerxías entre 10 e 100 MeV.[5][8]
Instrumento SIS.
  • ULEIS (Ultra Low Energy Isotope Spectrometer) é un espectrómetro de isótopos de enerxía ultra baixa para o rango entre 45 keV e uns poucos MeV. A velocidade de transmisión de datos do instrumento é de aproximadamente 1 kbps.[5][9]
Instrumento ULEIS.
  • SEPICA (Solar Energetic Particle Ionic Charge Analyzer) é un analizador de carga iónica de partículas enerxéticas solares. O instrumento deixou de funcionar o 4 de febreiro de 2005 tralo fallo das válvulas de control de fluxo do gas usado como parte do detector.[5][6]
Instrumento SEPICA.
  • SWIMS (Solar Wind Ion Mass Spectrometer) é un espectrómetro de masas para medi-la composición química e isotópica do vento solar para elementos entre o helio e o níquel e enerxías de ata 10 keV.[5]
Instrumento SWIMS.
  • SWICS (Solar Wind Ion Composition Spectrometer) é un espectrómetro de tempo de voo para determina-la composición química e iónica do vento solar, diferenciando entre isótopos de hidróxeno e helio de orixe interestelar e solar. O instrumento tamén mide as funcións de distribución tanto de nubes interestelares como de po a enerxías de ata 100 keV.[5]
Instrumento SWICS.
  • EPAM (Electron, Proton, and Alpha Monitor) é un monitor de electróns, protóns e partículas alfa composto por cinco telescopios de tres tipos. Dous espectrómetros de lámina de baixa enerxía (LEFS, Low Energy Foil Spectrometers) para medi-lo fluxo e dirección de electróns con enerxías por enriba de 30 keV, dous espectrómetros magnéticos de baixa enerxía (LEMS, Low Energy Magnetic Spectrometers) para medir o fluxo e dirección de ións con enerxías superiores a 50 keV e a apertura de composición (CA, Composition Aperture) para medi-la composición elemental dos ións.[5][10]
Instrumento EPAM.
  • SWEPAM (Solar Wind Electron, Proton, and Alpha Monitor) é un monitor de electróns, protóns e partículas alfa do vento solar. Os ións e os electróns son medidos con diferentes sensores. O sensor de ións mide enerxías de entre 0,26 e 36 keV e o de electróns entre 1 e 1350 eV.[5][11]
Instrumento SWEPAM.
Instrumento CRIS.

Resultados[editar | editar a fonte]

Ata outubro de 2010 escribíronse 635 artigos científicos baseados nos datos de ACE.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mark Wade (2011). "ACE" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2011. 
  2. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "ACE" (en inglés). Consultado o 6 de agosto de 2011. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 NASA (8 de xullo de 2011). "ACE" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2011. Consultado o 6 de agosto de 2011. 
  4. "Note verbale dated 12 June 1998 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE. 24 de xuño de 1998. 98-54610. Consultado o 6 de agosto de 2011. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Explorer: ACE" (en inglés). Consultado o 6 de agosto de 2011. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Eric R. Christian e Andrew J. Davis (xaneiro de 2012). "Advanced Composition Explorer (ACE) Mission Overview" (en inglés). Consultado o 29 de febreiro de 2012. 
  7. "CRIS: The Cosmic Ray Isotope Spectrometer" (en inglés). 28 de novembro de 2007. Consultado o 29 de febreiro de 2012. 
  8. "SIS: The Solar Isotope Spectrometer" (en inglés). 28 de novembro de 2007. Consultado o 29 de febreiro de 2012. 
  9. G. M. MASON, R. E. GOLD, S.M. KRIMIGIS, J. E. MAZUR, G. B. ANDREWS, K.A. DALEY, J. R.DWYER, K. F. HEUERMAN, T. L. JAMES, M. J. KENNEDY, T. LEFEVERE, H.MALCOLM, B. TOSSMAN e P. H. WALPOLE (1998). "THE ULTRA-LOW-ENERGY ISOTOPE SPECTROMETER (ULEIS) FOR THE ACE SPACECRAFT". Space Science Reviews (86): 409–448. 
  10. JHU/APL, ed. (21 de setembro de 2011). "The EPAM Homepage" (en inglés). Consultado o 1 de marzo de 2012. 
  11. Los Alamos National Laboratory, ed. (2006). "SWEPAM" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2013. Consultado o 1 de marzo de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • S. B. Jacob, E. R. Christian, D. L. Margolies, R. A. Mewaldt, J. F. Ormes, P. A. Tylere e Tycho von Rosenvinge; deseñado por T. B. Griswold, ed. (2002). "ADVANCED COMPOSITION EXPLORER" (PDF) (en inglés). p. 24. 
  • E. C. Stone, A. M. Frandsen, R. A. Mewaldt, E. R. Christian, D. Margolies, J. F. Ormes e F. Snow (1998). "The Advanced Composition Explorer" (PDF) (en inglés). p. 24. 
  • M. C. CHIU, U. I. VON-MEHLEM, C. E. WILLEY, T. M. BETENBAUGH, J. J. MAYNARD, J. A. KREIN, R. F. CONDE, W. T. GRAY, J. W. HUNT, JR., L. E. MOSHER, M. G. McCULLOUGH, P. E. PANNETON, J. P. STAIGER e E. H. RODBERG (1998). "ACE SPACECRAFT" (PDF). Space Science Reviews (86): 257–284. Consultado o 28 de febreiro de 2012. 
  • Varios. "ACE Bibliography" (en inglés). 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]