Observatorio espacial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O telescopio Hubble, un dos Grandes Observatorios.

Un observatorio espacial ou telescopio espacial é un telescopio no espazo exterior usado para observar obxectos astronómicos. Os primeiros telescopios espaciais operativos foron o estadounidense OAO 2 en 1968 e o soviético Orion a bordo da estación espacial Saliut 1 en 1971. Os telescopios espaciais evitan o filtrado e distorsión da radiación electromagnética causada pola atmosfera e a contaminación luminosa que afectan aos observatorios terrestres. Divídense en dous tipos: satélites que cartografían o ceo completo e satélites que estudan obxectos ou partes concretas do ceo.

Historia[editar | editar a fonte]

Wilhelm Beer e Johann Heinrich Mädler discutiron xa en 1837 as vantaxes dun observatorio na Lúa.[1] En 1946 o astrofísico teórico Lyman Spitzer propuxo poñer un telescopio no espazo[2]. A proposta de Spitzer consistía nun gran telescopio que non estivese limitado pola atmosfera terrestre. Despois de meter presión durante os anos 1960 e 1970 para que fose construído, a visión de Spitzer materializouse finalmente no telescopio Hubble, lanzado o 24 de abril de 1990 durante a misión STS-31[3][4].

Vantaxes[editar | editar a fonte]

A astronomía desde observatorios terrestres está limitada polo filtrado e a distorsión da radiación electromagnética causada pola atmosfera.[1] Un telescopio en órbita evita tanto a distorsión como a contaminación das fontes lumínicas terrestres, co que a súa resolución angular é normalmente moi superior á dos observatorios terrestres cunha apertura similar. De tódolos xeitos esta vantaxe redúcese en observatorios terrestres que usan óptica adaptativa.

A astronomía baseada no espazo é máis importante nos rangos de frecuencia que están fora da fiestra óptica e da fiestra de radio, os dous únicos rangos do espectro electromagnético que non están atenuados en exceso pola atmosfera. Por exemplo, a astronomía de raios X é practicamente imposible desde a superficie terrestre e só pode practicarse desde o espazo con telescopios como o Chandra da NASA e o XMM-Newton da ESA. A luz infravermella e ultravioleta tamén son bloqueadas en gran parte pola atmosfera.

Desvantaxes[editar | editar a fonte]

Os telescopios espaciais son moito máis caros de construír que os telescopios terrestres e debido á súa localización son moi difíciles de manter. O telescopio espacial Hubble podía ser mantido polos transbordadores espaciais, pero é a excepció ná regra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ley, Willy; Menzel, Donald H.; Richardson, Robert S. (June 1965). "The Observatory on the Moon". For Your Information. Galaxy Science Fiction: 132–150. 
  2. "Hubble Essentials: About Lyman Spitzer, Jr.". Hubble Site. Space Telescope Science Institute. 
  3. "Hubble Essentials: Quick Facts". Hubble Site. Space Telescope Science Institute. 
  4. "The Hubble Space Telescope". Vic Stathopoulos. Arquivado dende o orixinal o 2010-12-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]