A metade da vida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A metade da vida
Ficha técnica
Título orixinalA metade da vida
DirectorRaúl Veiga
GuiónRaúl Veiga, parcialmente baseado nun conto de Xosé Luís Méndez Ferrín
IntérpretesAlfonso Agra, María Bouzas, Evaristo Calvo, Flor Carballas, Cuqui Carreira, Mela Casal, Ernesto Chao, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Santi Prego, Rodrigo Roel, Nuria Sanz, Mercedes Seixo, Marisa Soto, Isabel Vallejo
MúsicaAntonio R. Ferreiro, Bernardo Martínez
FotografíaJuan Carlos Gómez
MontaxeLuis del Pino
Estrea24 de outubro de 1994
Duración84 minutos
OrixeGalicia Galicia
Xénerodrama
Na rede
IMDB: tt0216912 Filmaffinity: 243917 Editar o valor em Wikidata

A metade da vida é unha película galega dirixida por Raúl Veiga no ano 1994 e revisada en 2005, ano da versión definitiva. A duración de 84 minutos indicada na ficha técnica xa é a da versión definitiva.

Hai unha parte que reelabora o conto Boas noites, Eire de Xosé Luís Méndez Ferrín,[1] despois Raúl Veiga construíu o resto do guión ao seu xeito, estre drama de 87 minutos de duración (84 tras a revisión de 2005) rodouse na Coruña, Oleiros e Culleredo e a súa estrea tivo lugar o 24 de outubro de 1994.

É a única longametraxe filmada en versión orixinal galega durante ese decenio.

En 2020 no OUFF estréase a versión remasterizada da película. É unha peza restaurada e reeditada, con mudanzas na montaxe respecto da versión orixinal pensando «no beneficio do espectador, agora é unha experiencia máis agradable froito dos anos de experiencia que fun acumulando. A esencia do filme é a mesma, non se desnaturalizou en absoluto, mellorou», segundo Raúl Veiga. A imaxe foi restaurada totalmente e o son «é moito máis amable co público». Trátase dunha versión ‘redux’, o carácter do filme presérvase pero a comunicación mellora».[2]

Argumento[editar | editar a fonte]

Nunha cidade galega, no final dos oitenta, H. Eire (Evaristo Calvo) mal soporta a insatisfacción dos amores clandestinos que ten con Amalia (María Bouzas), compañeira estábel do seu amigo e colega Pedro (Alfonso Agra). Eire vai cumprir trinta anos e está canso de pelexar para malvivir como músico de “jazz” sen facer concesións alimenticias. Aparecen entón na súa vida Violeta (Isabel Vallejo) e Carlos Bao (Ernesto Chao), tío e sobriña que coñece nunha das reunións que María Días (Mela Casal) acostuma organizar na súa quinta.

A partir de aí, os ires e vires do amor entre Eire e Amalia –contemplados por Pedro á distancia, con intelixente ironía– crúzanse coas peculiares andanzas de Carlos Bao e a descuberta dunha Violeta cada vez máis fascinante. Pois se Carlos Bao vive a fin de dúas obsesións para el fundamentais (a literatura, Galicia), Violeta sabe manter vivo todo o que nesta fase da vida do seu tío comeza a tinxirse de velada amargura, de frustración persoal e xeneracional.

Un día do medio do verán en que todos os personaxes volven coincidir en cas de María Días, Eire ve como se rompe definitivamente a súa relación con Amalia e segue o Carlos Bao nunha noite de despedidas. Porén, vida e música nunca cesan e así, algún tempo despois, cando Eire se encontra con Violeta e quere internarse no seu mundo, é arrastrado a un xogo moito máis complexo do que, á partida, imaxinara. Alí, para el e para nós, todo recomeza.

Proxección[editar | editar a fonte]

O filme mereceu, entre outras, as seguintes distincións:

  • Foi presentado na sección oficial do 23º Festival Internacional de Cinema da Figueira da Foz (1994, competición).
  • Tamén foi seleccionado para o Gwyl Ffilm Ryngwladol Cymru/Welsh International Film Festival (Gales, 1994). Festival non competitivo.
  • Seleccionado para o Festival de Cine de Alcalá de Henares (1994, competición oficial).
  • Seleccionado para o XX Festival de Cine Iberoamericano de Huelva (1994).
  • Seleccionado para o International Film Festival in Sochi (recoñecido pola International Federation of Film Producers Associations, F.I.A.P.), Sochi, Rusia, 1995.
  • Seleccionado polo Euro Aim para os Euro Aim Screenings Donostia 1995, onde foi unha das producións máis vistas (11ª ex aequo sobre un total de 285 producións presentadas).
  • Seleccionado para o XXIV Encuentro Internacional de Cine, Burgos, 1995, competición oficial.
  • Seleccionado para o 1995 New Orleans Film&Video Festival, USA, 1995, competición oficial.
  • Seleccionado para o Eremu Urriko Hizkuntzen Zinemaldia / Festival do Cinema das Linguas de Reducida Difusión, 1996, competición oficial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. G. Refoxo, Anxa. "A metade da vida de Raúl Veiga". www.as-pg.gal. Consultado o 2020-06-26. 
  2. "O OUFF estreará a nova versión da película «A metade da vida»". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-06-18. Consultado o 2020-06-20. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]