A lebre e a tartaruga é unha fábula clásica narrada por Esopo e versionada en multitude de ocasións posteriores, incluídas as adaptacións en debuxos animados de Looney Tunes (que darían lugar ao personaxe da tartaruga Cecil)[1] ou Walt Disney[2], ou o filme brasileiro homónimo de 2005,[3] entre outros.
Unha tartaruga desafía a unha lebre a unha carreira. Convencida de que vai gañar, a lebre para a metade para botar unha sesta pero dorme demasiado e ao espertar descobre que a tartaruga, paso a paso, xa chegou á meta.
A primeira interpretación da fábula anima a non confiar nas propias virtudes e a traballar con valentía, o exceso de confianza ou orgullo da lebre é o que a fai perder, así como a súa preguiza, que a leva a durmir en lugar de completar a tarefa. A tartaruga, pola contra, encarna a perseveranza.
A fábula foi utilizada por Zenón de Elea para falar do movemento, substituíndo a lebre por Aquiles. Félix María Samaniego tamén reescribiu a historia, facendo fincapé no carácter negativo da lebre. Jean de La Fontaine recolleu a historia con algunhas variantes da súa colección; por exemplo, o feito de que as tartarugas fosen máis de unha turnándose e enganando con enxeño á pobre lebre, feito habitual nos contos, sendo nesa versión moi similar ao conto Der Hase und der Igel (en galego O ourizo e a lebre),[4] ambientado en Buxtehude, Baixa Saxonia, recollido polos irmáns Grimm.