Saltar ao contido

A columna rota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A columna rota
ArtistaFrida Kahlo
Data1944
TécnicaPintura ó óleo sobre lenzo
MovementoSurrealismo
Dimensións39 cm × 30,5 cm
LocalizaciónMuseo Dolores Olmedo Patiño (México)

A columna rota[1] é unha pintura ao óleo sobre masonita (taboleiro aglomerado)[2] da artista mexicana Frida Kahlo, pintado en 1944, despois de se someter a unha operación cirúrxica na columna para corrixir problemas recorrentes por mor dun grave accidente de circulación cando a pintora tiña dezaoito anos. O orixinal está exposto no Museo Dolores Olmedo, en Xochimilco, na Cidade de México.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Como con moitos dos autorretratos de Kahlo, a dor e o sufrimento son o foco do traballo,[4] mais, ao contrario de moitos dos seus outros traballos, que inclúen papagaios, cans, macacos e outras persoas,[5] neste cadro aparece ela completamente soa.[6] A súa presenza en solitario nunha paisaxe rota e árida simboliza tanto o seu illamento[4] como as forzas externas que afectaron á súa vida: de igual xeito que un sismo racha e fende a paisaxe, o accidente de Kahlo crebou o seu corpo.[7]

No cadro, o torso espido de Kahlo divídese, reproducindo a terra desolada detrás dela e revelando unha columna xónica fracturada no lugar da súa columna vertebral, e que dá título á obra. O seu rostro está a ollar cara a adiante con firmeza mentres as bágoas están a correr polas meixelas. Aínda que o seu corpo está roto, a súa sensualidade externa está contaminada con cravos perforando o corpo o que suxire a iconografía do martirio.[8] O pano que se envolve na parte inferior do corpo e que ten nas mans, non é un signo de modestia,[7] senón que reflicte unha iconografía cristiá, igual que os cravos do rostro e do corpo.[9]

Martirio de san Sebastián, realizado por Il Sodoma, contra 1525

O xustillo de metal, que representa un aparello contra a poliomielite, non un aparello cirúrxico,[10] pode referirse á súa historia de poliomielite[5] ou simbolizar as limitacións físicas e sociais na vida de Kahlo.[7] En 1944, os médicos de Kahlo recomendáronlle que levase un xustillo de aceiro no canto dos moldes de xeso que usara con anterioridade.[10] A faixa da foto é unha das moitas que realmente levou ao longo da súa vida, agora aloxada na súa casa e museo, a Casa Azul.[11] Na Columna rota, este xustillo mantén unido o corpo danado de Kahlo.[8][9][12]

Kahlo como mártir

[editar | editar a fonte]

Pódese realizar unha comparación ou trazar paralelismo entre o retrato de Kahlo e o "martirio de san Sebastián".[13] Na lenda referida ao santo, descobreuse que el era cristián e, por iso, foi amarrado a unha árbore e usado como un branco do tiro con arco. Pesie a ser abandonado para que morrese, conseguiu sobrevivir, para perecer a mans do imperio romano pola súa relixión. A miúdo, é retratado amarrado á árbore co corpo cheo de frechas.

Un poeta estadounidense chamado Bruce Bond explica que "a dor é unha frecha que cravou un corpo no óso" nun poema de 2013 que leva o nome do Santo.[14] Frida aliñouse visualmente co mártir e, sendo criada nun fogar católico, estaría familiarizada co patrón dos soldados. Tamén, Desmond O'Neill, un médico, describe o cadro de Frida como unha ferramenta vital para comprender a dor nos pacientes. O doutor eloxia a capacidade de Frida para retratar a sensación intanxible de dor crónica. Deste xeito convértese en mártir para os que sofren esa doenza. Na súa disposición a expo-la súa alma ao espectador, permite unha maior comprensión do que significa vivir cunha dor constante e intensa. Aínda que a dor está ao noso redor, carecemos da capacidade de "comprendela ou expresala", Frida Kahlo é a excepción ao problema de representar a dor.[13]

  1. "The Broken Column. Frida Kahlo". artsandculture.google.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2021. Consultado o 23 de setembro de 2021. 
  2. Vicente 2021, p. 264
  3. Stavans, Ilan. "Art: The Broken Column". learner.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2018. Consultado o 24 de setembro de 2021. 
  4. 4,0 4,1 Finger et al. 2013, p. 246
  5. 5,0 5,1 Griffiths, Jay (26 de marzo de 20014). "Frida Kahlo: a life of hope and defiance". theguardian.com (en inglés). Consultado o 24 de setembro de 2021. 
  6. "Frida Kahlo: a life of hope and defiance". 
  7. 7,0 7,1 7,2 Lindauer 2011, p. 68
  8. 8,0 8,1 "Frida Kahlo: Room Guide: Room 11". tate.org.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2021. Consultado o 24 de setembro de2021. 
  9. 9,0 9,1 Kettenmann 2000, p.67
  10. 10,0 10,1 Collins, Amy Fine. "Diary Of A Mad Artist". vanityfair.com (en inglés). Consultado o 24 de setembro de 2021. 
  11. Kardos, "Casa Azul," A City A Month.
  12. Grosenick 2001, p. 252
  13. 13,0 13,1 O’Neill 2011, p. 1031
  14. Bond 2013, p. 679

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]