A Pedra, Cariño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Pedra
Igrexa da Pedra.jpg
Igrexa da Santa María da Pedra.
Mapa A Pedra.PNG
Concello Cariño
Poboación 914 hab. (2010)
Entidades de poboación 30

Santa María da Pedra é unha parroquia do concello de Cariño. Segundo o IGE en 2010 tiña 914 habitantes (463 mulleres e 451 homes), distribuídos en 30 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 990 habitantes.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A Pedra esténdese polas últimas ramificacións orientais da Serra da Capelada montes da Herbeira e Montefaro, e os picos da Miranda. Confina polo norte coa parroquia de Cariño dende a praia no lugar dos Pedrouzos até a outra beira do mar pasando polo alto de Montefaro (vixía do Limo). Polo leste a división vai dende a praia de Cariño até o escoamento do regato Richoz na enseada da Caleira. Polo sur linda coa parroquia de Sismundi dende o anterior regato Richoz até a Fonte da Miranda e a Pena do Fraile, e tamén coa parroquia de Landoi. Polo oeste o linde é o mar.

A estrada de Mera a Cariño atravesa a parroquia polos lugares de Pousadoiro, A Ortigueira, A Cerca e Os Pedrouzos.

O río Lourido e os regatos Morela e Pousadoiro regan esta parroquia que ten nos cantís de Vixía Herbeira, con 613 metros a súa maior altitude.

Principais núcleos de poboación[editar | editar a fonte]

  • A Cerca: centro xeográfico e social da parroquia e no que están localizados a igrexa, o centro da terceira idade, a antiga escola e o edificio da sala de cine.
  • A Area: situada ao norte da Cerca, inclúe a praia da Basteira, a máis grande do concello e situada en fronte do porto de Cariño. Parte da súa superficie foi gañada ao mar.
  • Figueiroa: Comprende a península formada polo coto Mazanteo, ao oeste da Cerca. Internada na ría, ten dúas praias: Fornos e Figueiras.
  • O Lourido: Está situada ao sur da Cerca e comprende o val do río do mesmo nome.

Institucións[editar | editar a fonte]

A parroquia conta cunha comunidade de montes veciñais. A orixe desta institución pérdese no tempo, mais, como se acepta pola maior parte dos historiadores, a súa orixe máis probábel sexan as invasións xermánicas da Alta Idade Media. A comunidade administra unha superficie de 1400 hectáreas, entre monte e praderías.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A orixe do topónimo vén dada por unha lenda que dá conta dunha imaxe da virxe María realizada en pedra e atopada no lugar. A aparición foi atribuída a esta divindade. A comezos do século XXI non se conserva xa esa imaxe.

Historia[editar | editar a fonte]

Na súa fundación como parroquia, nos inicios do cristianismo na Galiza, era a máis setentrional da península do ortegal e incluía o territorio da actual parroquia de Cariño. Ao comezar o século XX, a auxe do núcleo urbano situado no porto de Cariño provocou a creación desta nova parroquia e a súa excisión da da Pedra.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A igrexa parroquial, na honra de Santa María ten planta de cruz latina e a tradición dinos que o nome da parroquia débese a unha virxe en pedra de toelo que se atopou no lugar de Cabaneiro. No interior ten dúas capelas románicas interesantes pola súa antigüidade.

No lugar da Cerca os indianos construíron unha escola, que hoxe é centro social dos veciños. Na beiramar desta parroquia atópase a Punta do Castro, que foi un asentamento castrexo típico con murallas e foxo por un lado e cantís costeiros polo outro. Está catalogado como o Castro da Moura.

Festas[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares da Pedra[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia da Pedra no concello coruñes de Cariño

O Airado | A Area | Barreiros | A Basanta | A Boca da Leira | O Cabaneiro | O Cadro | O Campanario | O Campo do Monte | As Cañotas | As Casas Novas | O Castelo | A Castiñeira | O Castro | A Cerca Pequena | A Cerca | A Corredoira | O Esteiro | Figueiras | Figueiroa | Fontao | Fornos | A Golpa | Lodeiro | O Lourido | As Maciñeiras | Murela | A Ortigueira | O Outeiro | A Postiña | O Pousadoiro | Reboredo | Sagrón | O Sisto | Vilanova

Parroquias de Cariño[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Cariño

Cariño (San Bartolomeu) | Feás (San Pedro) | Landoi (Santiago) | A Pedra (Santa María) | Sismundi (Santo Estevo)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]