ARNm precursor
O ARNm precursor ou pre-ARNm (ou pre-mRNA) é un ARNm monocatenario inmaturo, que orixinará o ARNm definitivo despois de sufrir un procesamento nos eucariotas. O pre-ARNm sintetízase a partir dun molde de ADN (o xene ou unidade de transcrición) situado no núcleo celular. O pre-ARNm é moito máis grande ca o ARNm definitivo.
O pre-ARNm comprende a gran maioría do chamado ARN heteroxéneo nuclear ou ARNhn [1] (ou tamén ARN nuclear heteroxéneo ou hnRNA). O termo ARNhn é máis antigo, xa que unha das primeiras características utilizadas para distinguir os ARNs do núcleo foi o seu tamaño, e inclúe todos os transcritos da ARN polimerase II [1]. A miúdo utilízase ARNhn como sinónimo de pre-ARNm, aínda que en senso estrito, o ARNhn pode incluír transcritos de ARN nuclear que non acaban orixinando un ARNm citoplasmático.
A maduración do pre-ARNm nos eucariotas ten lugar no núcleo. Unha vez que o pre-ARNm foi completamente procesado, pasa a denominarse "ARNm maduro" ou simplemente "ARNm", que se unirá a un ribosoma citoplasmático para ser traducido a proteínas.
O pre-ARNm é un transcrito primario, xa que é o produto de ARN monocatenario tal como é sintetizado durante a transcrición do ADN, que despois é procesado para dar o produto de ARN maduro, neste caso o ARNm maduro, pero o termo tamén se utiliza para os transcritos iniciais doutros tipos de ARN como o ARNt e ARNr.
Procesamento dos pre-ARNm
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Procesamento do ARN.
O pre-ARNm eucariótico ten unha vida breve antes de ser procesado para dar lugar ao ARNm. Un pre-ARNm contén dous tipos de segmentos, exóns e intróns. Os exóns son segmentos que se conservan no ARNm final, xa que comprenden as partes codificantes, entanto que os intróns, que se encontran intercalados entre os exóns, non son codificante e son eliminados nun proceso chamado splicing, realizado xeralmente polo espliceosoma formado polas ribonucleoproteínas snRNP (excepto nos intróns con auto-splicing).
Outros pasos que se producen na maduración do pre-ARNm eucariótico é a modificación dos seus dous extremos 5' e 3'. No extremo 5' engádese unha 7-metilguanosina (cap) e no 3' unha cola poli(A).[2][3]
Unha vez que unha cadea de pre-ARNm foi debidamente procesada a un ARNm, este é exportado desde o núcleo ao citoplasma, onde se une a un ribosoma para ser traducido a proteínas.
Nos procariotas os xenes non teñen en xeral intróns, polo que non é necesario un splicing para os ARNm similar ao dos eucariotas, pero si se cortan con ribonucleases os outros ARN.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. 1986. Páxina 440. ISBN 84-282-0752-6.
- ↑ Weaver, Robert F. (2005). Molecular Biology, p.432-448. McGraw-Hill, New York, NY. ISBN 0-07-284611-9.
- ↑ Wahl, M. C.; Will, C. L.; Lührmann, R. (2009). "The Spliceosome: Design Principles of a Dynamic RNP Machine". Cell 136 (4): 701–718. doi:10.1016/j.cell.2009.02.009. PMID 19239890.