Arxénteo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arxénteo de Constancio Cloro, ca. 294-295, cuñado na ceca de Antioquía, co busto do emperador no anverso e os catro tetrarcas no reverso

O arxéneo (en latín: argenteus) foi unha moeda romana de prata aparecida en época imperial, baixo a Tetrarquía, coa reforma monetaria de Diocleciano de 294, cun valor equivalente ao do denario da época de Nerón.[1][2][3][4]

A denominación argenteus utilizouse por primeira vez na Naturalis Historia de Plinio o Vello, na frase argenteus nummus (moeda de prata). O historiador do século IV Amiano Marcelino utilizou a mesma expresión.

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto histórico do seu nacemento[editar | editar a fonte]

Diocleciano, que chegou ao poder en 283, uniuse como augusto a Maximiano entre 285 e 286, que se encargou de eliminar os usurpadores, especialmente no Oeste, instaurando a diarquía. Posteriormente, ambos uníronse a Galerio e Constancio Cloro en 293, instituíndo as bases da Tetrarquía.[5]

O antoniniano, a moeda de prata que fora creada por Caracalla, con valor de dous denarios, perdera unha parte notable do seu valor ao longo do século III e, paralelamente, fora perdendo tamén case todo o seu contido de prata. A reforma de Aureliano, arredor dos anos 270 ou 275, devolveulles valor, inicialmente, aos antoninianos, aínda que estes axiña retomaron novamente unha desvalorización que os levaron á súa desaparición.

Tres exemplares de arxéneos cos catro Tetrarcas nos seus reversos, todos do obradoiro monetario de Tréveris. O primeiro a nome de Diocleciano, o segundo de Constancio Cloro e o terceiro de Galerio.

Unha das raíces do problema estaba en que os áureos de ouro foran tesaurizados e, xa que logo, abandonaran a circulación, e todas as moedas consideradas de boa lei seguiran o mesmo camiño. Os impostos pagábanse en moedas febles. Neste contexto, fíxose necesaria a cuñaxe dun gran número de moedas cunha boa aliaxe, restaurando así as moedas de valor intermedio entre o antoniniano e o áureo, ambos de pouca utilidade nas transaccións cotiás.[6]

Logo de estabilizado o Imperio deste xeito, Diocleciano emprendeu unha profunda reforma do sistema monetario, en 294. Creou entón dous novos valores: o nummus ou follis, unha moeda grande de bronce con baño de prata, e o arxéneo, moeda de prata de boa lei.[7]

Declive e desaparición do arxénteo[editar | editar a fonte]

No entanto, estas moedas tiveron unha escasa circulación e de camiño empezaron a ser tamén acumuladas pola poboación, do mesmo xeito que as outras de boa lei (un tesouro atopado na localidade croata de Sisak, oculto en torno ao ano 295, por exemplo, contiña 1.415 arxénteos).

Os obradoiros monetarios que se ocupaban da súa cuñaxe deixaron, gradualmente, a súa produción: Aquileia, Cartago, Serdica (en 307), Tréveris, Ostia (en 309) e Roma (en 310).

Ao final do Tetrarquía, Licinio e Maximino Daia aínda emitiron algunhas moedas baixo o modelo do arxénteo, pero en billón.

A partir dese momento, cumprirá esperar a tempos de Constantino para atopar unha nova moeda romana de prata: a siliqua, de 2,24 gramos.

Características[editar | editar a fonte]

O peso teórico desta nova moeda fixouse en 96 pezas por libra de prata, é dicir, arredor dos 3,38 Gramos, o que a equiparaba co denario dos tempos de Nerón. Este gran contido de prata foi visto na época como extraordinario e, con frecuencia, aparece indicado nos reversos como XCVI (96 = 1/96 de libra).[8][9]

O máis común é que nos seus reversos amosen unha imaxe dos catro tetrarcas diante dun campamento fortificado, coa lenda VIRTVS MILITVM (tamén é frecuente a lenda VICTORIA SARMAT), celebrando a vitoria sobre os sármatas. Estes reversos inciden na idea da unidade e a concordia entre os catro emperadores, dun xeito moi estandarizado, da mesma maneira que os follis difunden a imaxe do xenio do Pobo Romano (genio populi romani) para reforzar a idea de comunidade, de unidade da poboación en todo o mundo romano.[10]

En todos os casos os anversos amosan a figura dun dos tetrarcas laureados, coas súas lendas alusivas.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Arxénteo". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Argénteo".
  3. "Argenteus". En Forvm Ancient Coins (en inglés)
  4. "Argenteus". En Monete-Romane.com (en inglés)
  5. Rees, Roger. Diocletian and the Tetrarchy. Edimburg University Press. Edinburgo, 2004. ISBN 9780748616619
  6. Depeyrot (1987).
  7. Lafaurie, Jean. "Réformes monétaires d'Aurélien et de Dioclétien". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 17. 1975 (en francés)
  8. Callu (1969).
  9. Sear (2011).
  10. Callu, Jean-Pierre. Genio Populi Romani (295-316). Contribution à une histoire numismatique de la Tétrarchie. Honoré Champion. París, 1960.
  11. Sutherland (1967).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]