Maximiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Maximiano nunha moeda

Marcus Aurelius Valerius Maximianus Herculius, nado en Sirmium no 250 e finado no 310, foi un emperador romano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado nunha familia humilde, elixiu a carreira militar e pronto destacou nas loitas da Xermania e na Asia Menor baixo os reinados de Aureliano e Probo.

Era amigo persoal de Diocleciano, quen fora nomeado Emperador. Cando Diocleciano acomete a reforma da Diarquía, ano 286, nomea augustus a Maximiano. A Maximiano correspóndelle o occidente, fixando a súa capital en Milán. Vendo que os problemas do imperio non se resolven con esta situación, Diocleciano nomea dous césares, completando unha forma de goberno nova, a Tetrarquía. Diocleciano nomea a Galerio e Maximiano a Constancio. A reforma complétase en marzal do 293. Os césares (sucesores dos augustus) encárganse de diversas provincias, e na práctica supoñen unha división en catro zonas.

A Maximiano tócalle a Galia, Hispania e o Norte de África. Un pouco antes, no 287 en Bretaña, proclamárase emperador Carausio, pero Maximino non foi quen de rematar co astuto rival, deica o 293 en que Constancio se fai cargo da loita, vencendo a Carausio.

No ano 296, atópase en Cartago, loitando contra a tribo dos quinquegentiane, aos que logra vencer. No ano 303, na época do famoso Edicto contra os cristiáns, Diocleciano obtén del a promesa da súa abdicación despois de completar as reformas monetaria, fiscal e administrativa que se estaba a levar a cabo. Esta abdicación prodúcese o primeiro de maio do 305, sendo substituídos polos césares Galerio e Constancio I Cloro. Estes á súa vez nomean a Severo II e Maximino Daia como césares.

As Usurpacións[editar | editar a fonte]

Trala abdicación, Diocleciano retirárase para sempre, pero Maximiano volveu dúas veces ó poder, se ben dende o punto de vista da Tetrarquía, foron usurpacións.

Coa morte de Constancio I Cloro en Britania no 306, a crise da Tetrarquía estaba servida, xa que as tropas proclamaron augustus ó seu fillo Constantino. Mentres, Galerio chegaba ó compromiso de elevar a Severo II a augustus, permitindo a Constantino continuar o mando, pero só como césar.

Ese mesmo ano 306, Maxencio usurpa o poder en África, nomeándose augustus e invita ao seu pai Maximiano a compartilo. Deste xeito en occidente había catro emperadores: Severo II, Constantino o grande, Maxencio e Maximiano, que usurparan o poder aproveitando o descontento que Severo II abrira en Roma.

Este, a instancias de Galerio, trata de sufocar a rebelión de Maxencio e Maximiano, pero en Rávena as súas tropas abandónano, sendo preso e conducido a Roma, onde foi executado na primavera do 307.

Galerio, moi desgustado pola morte de Severo II, fai os preparativos para invadir Italia. Decatándose do perigoso da situación, Maximiano tenta de buscar unha alianza con Constantino, cousa que consegue na Galia ó casar á súa filla Fausta con el. Mentres, Galerio invadira Italia, e diante da forte resistencia coa que se atopaba, ademais de que Maxencio subornara a parte do seu exército, dá as costas e torna a Panonia. Pero pai e fillo pronto discuten, polo que Maximiano foxe á Galia, buscando o apoio de Fausta e mailo seu xenro Constantino.

O emperador decano e garante do Imperio, Galerio, trata de recompoñer a situación e convoca un cumio en Carnuntum (Panonia) en outono e novembro do 308, chegándose a un acordo para lle devolver a estabilidade ó imperio. Galerio queda coma emperador en Oriente, Constantino é recoñecido coma César, Maxencio é nomeado inimigo público, e Licinio é nomeado augustus en substitución de Severo II, e con encargo de reconquistar Italia e África en poder de Maxencio. Polo que Maximiano ten que abdicar de novo, quedando coma Senior Augustus (emperador retirado).

Pero na primavera do 310, Maximiano consegue rebelar as tropas de Constantino, e proclámase augusto por terceira vez. Constantino logra tornar a situación, e o vello emperador réndese, séndolle perdoada a vida. Pero o contumaz Maximiano, volve a conspirar contra o seu xenro, valéndose da súa filla Fausta. Así a todo, esta, máis fiel ó seu esposo ca ó seu pai, cóntalle a plan a Constantino, quen detén e condena a morte a Maximiano, pero permitíndolle elixir a morte, o que o obriga ó suicidio ou, talvez, fose executado por orde de Constantino o Grande. Tiña 60 anos. Rematou condenado a damnatio memoriae.

Imperio Romano

Segue a:
Diocleciano
Maximiano
Precede a:
Constancio I Cloro
Segunda Tetrarquia