Xenopsylla cheopis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pulga da rata oriental
Xenopsylla cheopis flea PHIL 2069 lores.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Siphonaptera
Familia: Pulicidae
Xénero: Xenopsylla
Especie: '' X. cheopis''
Nome binomial
''''' Xenopsylla cheopis '''''
Rothschild, 1903
Sinonimia

Pulex cheopis Rothschild, 1901

A Xenopsylla cheopis, coñecida como pulga da rata oriental, é unha especie de insecto sifonáptero da familia Pulicidae. Estas pulgas son parasitos dos roedores, principalmente do xénero Rattus, e son un vector primario para a peste bubónica e o tifo murino. A transmisión destas enfermidades ocorre cando a pulga se alimenta primeiro dun roedor infectado e despois pica a un humano.

Historia[editar | editar a fonte]

A especie foi atopada en Exipto por N. C. Rothschild e Karl Jordan e descrita en 1903.[1] Recibiu inicialmente o nome de Pulex cheopis. O nome cheopis púxollo Rothschild pola pirámide de Queops (Cheops), xa que foi atopada en Exipto. [2]

Características[editar | editar a fonte]

A pulga da rata oriental non ten peites xenal ou pronotal. Esta característica pode utilizarse para diferenciar a Xenopsylla cheopis da pulga do gato (Ctenocephalides felis), pulga do can (Ctenocephalides canis) e outras pulgas.

O corpo da pulga mide arredor de 2,5 mm. A súa anatomía está estruturada para que lle sexa máis fácil dar grandes saltos para pasar dun hóspede a outro. O seu corpo divídese nas tres rexións típicas dos insectos: cabeza, tórax e abdome. A cabeza e o tórax teñen filas de sedas (chamadas peites) e o abdome consta de oito segmentos visibles.

A boca da pulga ten dúas funcións: produce saliva e chucha sangue (e nas infeccións regurxita parte do sangue). As pulgas son capaces de ulir o dióxido de carbono expulsado durante a respiración dos seus hóspedes e chouta rapidamente á fonte de dióxido de carbono para alimentarse nun novo hóspede. As pulgas son insectos sen ás, pero, aínda que non poden voar, dan grandes saltos de ata 200 veces a lonxitude do seu corpo (uns 50 cm) e ata 130 veces a altura do seu corpo (uns 33 cm). As súas patas constan de catro partes: coxa, fémur, tibia e tarso.

Transmisión de enfermidades[editar | editar a fonte]

Esta especie pode actuar como vector da peste (causada pola bacteria Yersinia pestis), o tifo murino (causado pola bacteria Rickettsia typhi), e tamén pode actuar como hóspede para as tenias Hymenolepis diminuta e Hymenolepis nana. As enfermidades poden ser transmitidas dunha xeración de pulgas á seguinte a través dos ovos, como ocorre co tifo murino.[3] No caso da peste bubónica a pulga adquire a bacteria ao chuchar sangue dun individuo infectado; esta crece no seu intestino anterior (zona do proventrículo) formando un biofilme que orixina un tapón que lle impide tragar ao animal; cando a pulga se alimenta de sangue este remove parte das bacterias do tapón, pero non o pode tragar, polo que o regurxita xunto coas bacterias na ferida da picada na pel do mamífero, e desta maneira a bacteria infecta a outro individuo mamífero.

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Macho e femia de Xenopsylla cheopis.

O ciclo de vida desta especie consta de catro estadios. O primeiro estadio é o ovo. Os ovos son microscópicos e brancos e caen facilmente da femia ao chan ou desde o animal onde os puxo. Se os deposita sobre o animal, caen axiña ao po ou no lugar onde se deita o animal. Se os ovos caen inmediatamente ao chan, caen nas gretas do terreo onde permanecen seguros ata que se produza a eclosión dez días despois (ou máis segundo as condicións do ambiente). Orixinan unha larva que ten un aspecto moi similar a un verme e ten uns dous milímetros de longo, cun pequeno corpo e pezas bucais. Neste estadio, a pulga non se alimenta de sangue, senón que come células mortas da pel, excrementos de pulga, e outros pequenos parasitos que atopa no po. Cando a larva está madura constrúe un casulo de seda arredor do seu corpo e convértese nunha pupa. A pulga permanece como pupa dunha semana a seis meses e sofre unha metamorfose. Emerxe transformada en adulto. Agora vive nun hóspede e aliméntase de sangue do seu hóspede e aparéase con outras pulgas. Unha femia pode aparearse unha vez e poñer ovos todos os días, poñendo uns 50 ovos por día.

Experimentalmente demostrouse que as pulgas prosperan en condicións climáticas secas con temperaturas de 20-25ºC.[4] Poden vivir un ano e permanecer nalgunhas ocasións no casulo en estado de pupa ata un ano se as condicións non son favorables.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. N. C. Rothschild (1903). "New species of Siphonaptera from Egypt and the Soudan". Entomologist's Monthly Magazine 39: 83–87.
  2. Natural History Museum web [1]
  3. A. Farhang-Azad, R. Traub & S. Baqar (1985). "Transovarial transmission of murine typhus rickettsiae in Xenopsylla cheopis fleas". Science 227 (4686): 543–545. DOI:10.1126/science.3966162. PMID 3966162.
  4. J. F. D. Shrewsbury (2005). A History of Bubonic Plague in the British Isles. Cambridge University Press. pp. 3. ISBN 0-521-02247-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]