Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2015

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar; está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla se funde coa ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten o concello a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 24 km e de Ribeira atopase a uns 35 km, ten unha superficie de 36,1 km² e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2013 tiña 2.934 habitantes, dos cales 1.435 eran homes e 1.499 eran mulleres, resultando unha densidade de poboación de 81,27 hab./km². O concello de Dodro conserva espazos naturais de gran importancia ambiental e paisaxística, como as Brañas que se estenden a carón do río Ulla, constituíndo o espazo húmido máis grande de Galicia, incluídas no Sistema Fluvial Ulla-Deza e declarada zona de especial conservación. Preserva ademais moitos elementos tradicionais como os cruceiros, os muíños, os hórreos e os reloxos de sol, exemplo da etnografía galega, en diferentes estados de conservación. Pazos históricos que lembran a nobreza de antano e igrexas do barroco completan o patrimonio arquitectónico do municipio.