Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Profesorado/Proxectos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.




Propostas de proxectos para levar a cabo
Aquí abaixo atoparás algúns exemplos de tarefas que lles podes encargar aos teus estudantes.

Exemplo 1: Corrección de erros gramaticais, ortográficos, etc.
Tendo en conta que os artigos da Galipedia pretenden seguir a normativa oficial da Real Academia Galega, convidar aos alumnos ou estudantes a mellorar a forma dos artigos, especialmente corrixir as faltas de ortografía, de gramática, etc. e unificar o estilo (ás veces os artigos créanse por medio de adicións de texto sucesivas de diferentes usuarios, polo que pode haber partes redundantes ou moi dispares), é unha boa tarefa para se familiarizar coa edición de artigos. Existe unha listaxe de artigos que precisan de revisión ortográfica, aínda que tamén é igualmente posible corrixir artigos sobre os temas que prefiran os propios alumnos. É destacable que algúns temas como as series de televisión, os videoxogos e outros da "cultura popular", son particularmente propensos a ter erros ortográficos e pouca harmonía estilística (ausencia de concordancia de tempos, por exemplo).

Na Galipedia hai tamén unhas listas con algúns erros comúns, Wikipedia:Erros de ortografía e desviacións e Wikipedia:Erros de ortografía revisados, e tamén poden buscarse castelanismos, lusismos, hipergaleguismos, etc.

Exemplo 2: Traducir un artigo
Se es mestre de lingua ou desexas implicar a un mestre de lingua, pódeslle pedir aos alumnos que traduzan artigos dende unha versión de Wikipedia noutra lingua ao galego. É frecuente que os artigos existentes nunha lingua non estean traducidos noutra. Dende un artigo noutra lingua é doado saber se existe un equivalente en galego grazas ás ligazóns interlingüísticas, que se atopan á esquerda do artigo.

Hai que ter en conta que os criterios de notoriedade poden variar lixeiramente dunha lingua a outra, polo que o tema dun artigo en inglés non será automaticamente admisible en galego. É preciso consultar sistematicamente os criterios de notoriedade da Galipedia.

Importante:
> Despois de facer a tradución non esquezas recoñecer a autoría do artigo orixinal coa axuda do modelo {{Traducido de}} na súa páxina de conversa. É obrigatorio para respectar os dereitos de autor.
> Considera reutilizar as fontes e referencias citadas no artigo orixinal: os lectores da vosa tradución deben poder verificar o seu contido.
> O máis recomendable é traducir artigos de calidade ou artigos bos, xa que son artigos ben desenvolvidos e con referencias axeitadas. Podes atopar os artigos de calidade e bos doutras wikipedias nas ligazóns interligüísticas das nosas páxinas de artigos de calidade e artigos bos.
> Pode ser moi interesante que os profesores dunha lingua se coordinen cos doutra materia para traducir artigos desa materia dende outra Wikipedia. E tamén pode traballarse en colaboración cos profesores de galego e os Departamentos de Normalización Lingüística para que os alumnos sigan as Normas Ortográficas da Real Academia Galega, que son as que se siguen na Galipedia.

Atoparás máis consellos en Axuda:Como traducir un artigo.

Exemplo 3: Mellorar un artigo existente
Mellorar un artigo pode ser máis sinxelo do que un cre, xa que unha parte da estrutura xa está presente. Porén, contribuír nun tema do que hai moitas fontes dispoñibles ou nun artigo que xa está moi desenvolvido, por exemplo a Segunda guerra mundial, córrese o risco de que a tarefa sexa demasiado complexa e non é recomendable para os principiantes. Así mesmo, tentar achegar contido a un artigo pouco desenvolvido sobre o que non hai moitas fontes está igualmente contraindicado. O máis sinxelo é seleccionar un tema pouco ou mal tratado na Galipedia para o que existen fontes documentais facilmente accesibles.

Podes atopar artigos desas características na listaxe de artigos que toda Wikipedia debería ter que aínda son bosquexos. Tamén hai outras dúas listaxes de artigos poucos desenvolvidos: Artigos que requiren expansión e todos os artigos en progreso.

Por último, se precisas buscar ideas para artigos sobre unha área académica precisa ou queres beneficiarte de consellos de redacción, non dubides en recorrer aos proxectos temáticos. Estes proxectos reúnen colaboradores arredor dun tema (Wikiproxecto fotos de parroquias, Wikiproxecto galegas, Wikiproxecto Protagonista do Día das Letras Galegas, etc.) que propoñen consellos de redacción, fontes de información (exemplo) e mesmo modelos para artigos. Cada proxecto temático posúe unha páxina de conversa que podes utilizar. A listaxe completa dos proxectos temáticos atópase aquí.

Exemplo 4: Engadir imaxes
Hai moitos artigos na Galipedia que precisan de ser ilustrados, xa sexa con fotografías ou infografías. Pode ser interesante para os alumnos de secundaria tirar fotografías a monumentos históricos locais, ou deseñar infografías para ilustrar conceptos do seu ámbito competencial no caso de estudantes de educación superior ou universitaria.

Os ficheiros (de son, vídeo ou fotografía) débense subir primeiro a Wikimedia Commons (pode usarse o asistente de cargas) antes de podelos utilizar nos artigos. Téñense que subir necesariamente como ficheiros de licenza libre, ao igual que o texto dos artigos.
Na Galipedia hai tamén dous proxectos relacionados con isto: a galería de fotos de casas de concello de Galicia, e o Wikipedia:Wikiproxecto fotos de parroquias que pretende conseguir que todas as parroquias civís de Galicia, que xa teñen o seu artigo, teñan tamén a súa foto.

Exemplo 5: Lectura de artigos
Na Galipedia hai artigos que poden ser escoitados e son de moita utilidade para persoas con problemas de visión e tamén para estudantes de galego. Os artigos de calidade, os artigos bos ou os destacados serían os ideais para gravar a súa lectura, aínda que pode facerse con calquera artigo. No Wikipedia:Wikiproxecto Galipedia falada está o proceso a seguir e as ferramentas para converter os sons.

Os ficheiros débense subir a Wikimedia Commons (pode usarse o asistente de cargas) antes de podelos utilizar nos artigos. Téñense que subir necesariamente como ficheiros de licenza libre, ao igual que o texto dos artigos.

Exemplo 6: Crear un artigo
Unha actividade típica na Galipedia é a creación dun artigo dende o comezo até o final, en solitario, en parellas ou a clase enteira (segundo a idade dos alumnos). Nela inclúese a investigación do tema, a comprobación da admisibilidade do tema na Galipedia (véxanse os criterios de notoriedade), a busca de fontes de información e a súa síntese, a redacción do texto seguindo un estilo enciclopédico e un formato, ou mesmo facer unha investigación iconográfica. Existe un titorial que che aconsellamos seguir e facérllelo seguir aos teus alumnos: Wikipedia:Como crear unha páxina. Tamén pode servos útil o Asistente para a creación de artigos da Galipedia.

Nestas listaxes atoparás ideas para a creación de artigos:
> Artigos solicitados (clasificados por temas)
> As páxinas máis requiridas (sen clasificar)

Exemplo 7: Outras actividades
Hai outras actividades que se poden engadir nos proxectos, como fotografías, gravacións de son, pequenos vídeos, etc, que os alumnos xa están creando para as súas tarefas, e poderían ser de grande utilidade nos artigos. Esta reutilización do seu traballo pode ser un aliciente para o seu esforzo xa que este terá, ademais da súa utilidade formativa, unha utilidade directa, e que pode contribuír a facilitar a formación dos seus compañeiros e de moitas outras persoas que consulten os artigos cos contidos que se acheguen.

Os ficheiros débense subir a Wikimedia Commons (pode usarse o asistente de cargas) antes de podelos utilizar nos artigos. Téñense que subir necesariamente como ficheiros de licenza libre, ao igual que o texto dos artigos.

Entrevista a Xosé Neira Vilas realizada por alumnos do IES Val do Tea.




Proposta de achegamento á edición
Neste apartado propoñemos un esquema por fases que facilita a introdución dos alumnos nas tarefas de edición.

Fase 1: Be.
Cada participante terá que amañar dez erros ortográficos de calquera tipo. No exercicio 1 xa se indican algunhas páxinas con listas de erros ortográficos que se poden atopar nalgúns artigos da Galipedia. Esta tarefa é moi sinxela e permitirá ós alumnos ter unha primeira toma de contacto coa Galipedia.

> Hai que ter en conta que os erros en citas textuais, ou en nomes de obras literarias e similares, hai que deixalos sen cambiar.

Fase 2: Water.
Cada participante terá que engadir un parágrafo a un artigo traducíndoo doutra Wikipedia. Esta tarefa pode realizarse coa colaboración das materias de inglés, francés, castelán e galego, que poden unir esforzos no proxecto pedagóxico coordinado con outras materias como matemáticas, ciencias ou sociais.

Fase 3: My friend.
Cada participante terá que traballar nun artigo que terá que ser presentado a artigo bo. Os artigos, ou grupo de artigos, sobre os que traballar poderían ser escollidos previamente polos tutores, para integrar da mellor forma posible a actividade nos obxectivos curriculares dos alumnos.
Ao pedir que os artigos se presenten a artigos bos estamos facendo tamén que os alumnos teñan unha maior interacción coa comunidade da Galipedia, marcamos uns obxectivos para o traballo (Wikipedia:O que é un artigo bo) e os alumnos obterán un maior recoñecemento ao seu esforzo.

> Esta tarefa é a máis complicada e laboriosa, podería ser unha boa tarefa de finalización do proxecto educativo e podería facerse de forma individual ou grupal.
> O proceso de escolla de artigos bos ten un plazo de votación de 30 días, cousa que debemos ter en conta para que os plazos da votación coincidan o mellor posible coas necesidades de balance do proxecto educativo.



O gran proxecto: A Concellopedia
Un gran proxecto pedagóxico que pode desenvolverse en varios cursos lectivos é a Concellopedia. A Concellopedia é un proxecto que o que pretende é crear e mellorar todos os artigos relacionados cun concello en concreto, creando unha mini-wikipedia dentro da Galipedia.

É outra forma de introducir ós alumnos no mundo da Galipedia, partindo do que teñen máis preto deles, os ríos do seu concello, o seu patrimonio, os seus persoeiros e os persoeiros das súas rúas, as súas festas, a fauna e flora que teñen máis preto, etc. Ao mesmo tempo, as actividades poderían potenciarse coa colaboración doutras institucións ou asociacións do mesmo concello.
O proxecto non só desenvolve as súas capacidades no idioma galego, desenvolve tamén os contidos de materias como ciencia, sociais, literatura e historia, ademais de diferentes competencias curriculares.

>O xermolo desta idea está na MonmouthpediA da Wikipedia en inglés.



Lista de proxectos pedagóxicos realizados

Aquí abaixo atoparás unha lista de proxectos pedagóxicos que foron realizados, ou están a realizarse, na Galipedia.
Tes un modelo para crear o teu proxecto pedagóxico en Wikipedia:Modelo de proxecto pedagóxico.

  • Proxecto do CPI de Coristanco 2016

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/CPI de Coristanco 2016

  • Proxecto de iniciación á Galipedia

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/CEIP Plurilingüe de Tarrío

  • Proxecto de iniciación á Galipedia

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/CEIP Plurilingüe de Tarrío 2018

  • Proxecto de iniciación á Galipedia

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Colexio Doroteas

  • Edición sobre personalidades da filosofía de Galicia e de España

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Filosofía Española e Galega

  • Proxecto de iniciación á Galipedia

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Física Santiago 2021

  • Proxecto sobre "Os coidados", no marco do Club de letras de dito centro.

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/IES A Xunqueira II

  • Proxecto de iniciación á Galipedia para profesorado.

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/IES Breamo

  • Proxecto sobre "Os coidados", no marco do Club de letras de dito centro.

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/IES Carlos Casares de Vigo

  • Proxecto de iniciación á Galipedia.

Páxina do proxecto: Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Maxisterio Ourense