Welthauptstadt Germania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maqueta da Welthauptstadt Germania.

Welthauptstadt Germania ('Capital mundial Xermania' en alemán) foi o nome que lle deu Adolf Hitler á proxectada renovación de Berlín, parte da súa visión para o futuro de Alemaña despois da prevista vitoria na segunda guerra mundial. Albert Speer, «o primeiro arquitecto do Terceiro Reich», deseñou moitos dos plans para reconstruír a metrópole, dos cales só unha pequena parte foron realizados antes da guerra.

O nome Welthauptstadt ('capital mundial') foi elixido porque se considerou que a arquitectura de Berlín dese momento era demasiado provinciana e que era necesario elevar a cidade á categoría doutras capitais do mundo coma Londres, Moscova, París ou Washington.

Algúns dos proxectos, como a creación dun eixe de leste a oeste da cidade, que incluía a ampliación de Charlottenburger Chaussee (hoxe Straße des 17. Juni), o aeroporto de Tempelhof e a colocación da Columna da Vitoria no centro de Berlín, foron realizados. Outros, coma a construción do Volkshalle ('Pavillón do pobo'), tiveron que ser cancelados polo comezo da segunda guerra mundial.

Arquitectura proxectada[editar | editar a fonte]

Avenida da Vitoria[editar | editar a fonte]

A capital alemá ía ser organizada ao longo dun bulevar de case cinco quilómetros de longo e 120 metros de ancho que levaría o nome de Avenida da Vitoria (Prachtallee).

Este novo eixo norte-sur serviría para organizar grandes desfiles, polo que durante estes actos o tráfico sería pechado e desviado a unha autoestrada subterránea que pasaría por debaixo da avenida. Algunhas seccións deste túnel foron construídas e aínda existen a día de hoxe.

Maqueta do Volkshalle.

Volkshalle[editar | editar a fonte]

O Volkshalle ('pavillón do pobo') ou Große Halle ('gran pavillón') estaría situado no extremo norte da avenida, nun gran foro aberto coñecido como Großer Platz, cunha superficie de arredor de 350.000 m².

De ser construído, sería o maior espazo pechado que xamais fose construído no mundo. A cúpula chegaría aos 200 metros de altura e 250 metros de diámetro, dezaseis veces máis grande ca da basílica de San Pedro.

Arco do Triunfo[editar | editar a fonte]

Cara ao extremo sur da avenida atoparíase un arco do triunfo inspirado no de París, pero moito máis grande, chegando a superar os 100 metros de altura.