Toni Nieminen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Toni Nieminen, nado o 31 de maio de 1975 en Lahti, é un antigo saltador de esquí finés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Debutou na competición en 1991, chegándolle moi cedo os máis grandes éxitos da súa carreira, Nieminen foi un dos primeiros en adoptar a técnica do salto en V que principiara Jan Boklöv. Nos Xogos Olímpicos de 1992 en Albertville, gañou dúas medallas de ouro, en trampolín grande individual e por equipos, e unha de bronce en trampolín curto individual, foi o atleta máis novo en conseguir un ouro nuns xogos olímpicos de inverno. Nese ano Nieminen gañou tamén o Festival de Esquí de Holmenkollen e a Copa do Mundo de Salto de Esquí. En 1994 foi o primeiro home en saltar, en Planica, por riba dos 200 metros. Retirouse da alta competición en 2004.