Teófilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miguel II e o seu fillo Teófilo

Teófilo (813 - 842), emperador bizantino entre 829 e 842. Foi o segundo da chamada dinastía frixia ou "amoriana".

A diferenza do seu pai, Miguel II, declarouse como un estrito iconoclasta. En 832 publicou un edicto polo cal se prohibiu o uso e adoración de iconas; pero as historias sobre a súa crueldade cara aos seus opositores resultan tan extremadas que moitos pensan que se trata de esaxeracións.

Na época do seu ascenso ao trono, os sicilianos aínda loitaban contra os sarracenos, pero Teófilo non puido prestarlles axuda xa que se viu obrigado a dedicar todas as súas forzas á guerra contra os califas de Bagdad. Esta guerra foi iniciada por Teófilo, pois dera asilo a certos refuxiados persas, un dos cales, chamado Teófobo trala súa conversión ao cristianismo, desposou á irmá do emperador, Helena, e converteuse nun dos xenerais do Imperio.

O exército bizantino celebrou varios éxitos iniciais: en 837 foron tomadas e destruídas Samosata e Zapetra (Zibatra ou Sozopetra), lugar de nacemento do califa Al-Mu'tasim. Este, desexoso de vingar a ofensa, reuniu un grande exército, unha de cuxas divisións derrotou en Dasymon a Teófilo, que dirixía en persoa o exército bizantino, mentres que a outra avanzou ata Amorio, berce da dinastía frixia. Tras unha valorosa resistencia de cincuenta e cinco días, a cidade caeu en mans de Al-Mu'tasim por mor dunha traizón interna o 23 de setembro de 838. Trinta mil dos seus habitantes foron executados e o resto vendidos como escravos, e a cidade foi arrasada ata os seus cimentos.

Teófilo nunca puido recuperarse do golpe recibido, a súa saúde foise debilitando e morreu a comezos de 842. O seu carácter foi obxecto de moitos debates; pois mentres uns considérano como un dos emperadores bizantinos máis capaces, outros o ven como o clásico déspota oriental, un gobernante sobrevalorado pero insignificante. Non cabe dúbida de que fixo canto puido por eliminar a corrupción e opresión dos seus funcionarios, e que administrou xustiza con estrita imparcialidade, aínda que os seus castigos moitas veces non se correspondían co crime cometido.

Malia os gastos que supuxo a guerra en Asia e das grandes sumas dedicadas por Teófilo á construción, o comercio, a industria e as finanzas do Imperio viviron unha das súas mellores épocas, en gran medida grazas á moi eficiente administración do tesouro. Teófilo, que recibira unha excelente educación do gramático Xoán Hylilas, foi un grande afeccionado á música e amante da arte. Reforzou as murallas de Constantinopla e fixo construír un hospital que se mantivo ata os últimos tempos do Imperio bizantino.


Imperio Bizantino

Segue a:
Miguel II
Teófilo
Precede a:
Miguel III
Dinastía Amoriana