Taxa alfandegueira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha taxa alfandegueira[1] ou arancel é o imposto o gravame que se aplica aos bens, que son obxecto de importación ou exportación. O máis estendido é o que se cobra nas importacións, mentres os aranceis sobre as exportacións son menos correntes, tamén poden existir aranceis de tránsito que gravan os produtos que entran nun país con destino a outro. Poden ser "ad valorem" (ao valor), coma unha porcentaxe do valor dos bens, ou "específicos" coma unha cantidade determinada por unidade de peso ou volume. Cando un buque arriba a un porto aduaneiro, un oficial alfandegueiro inspecciona o contido da carga e aplica un imposto de acordo coa taxa estipulada para a clase de produto. Por mor a que os bens non poden ser nacionalizados (incorporados á economía do territorio receptor) até que non sexa pagado o imposto, é un dos impostos máis sinxelos de recadar, e o custo da súa recadación é baixo. O contrabando é a entrada, saída e venda clandestina de mercadorías sen satisfacer as correspondentes taxas alfandegueiras.

Fundamento económico[editar | editar a fonte]

A instauración de aranceis responde á idea de que o comercio internacional, ben de xeito xenérico ou só nalgúns casos, produce efectos negativos na economía dun país. Dende o punto de vista económico, a importación de bens despraza a produción do interior do país, co que poden existir traballadores que perdan os seus postos de traballo. Outro tipo de argumento é o déficit que pode provocar na balanza de pagamentos por mor ás importacións.

Os pensadores económicos clásicos (Adam Smith, David Ricardo, John Stuart Mill), estiveron en contra das restricións ao comercio internacional; argumentaban que as barreiras creaban distorsións no sistema económico.

Clases de aranceis[editar | editar a fonte]

Só hai 3 tipos de taxas alfandegueiras, os ad-valorem , os específicos e mailos mixtos.

Efectos da taxa alfandegueira[editar | editar a fonte]

Os efectos fundamentais que provoca un arancel á importación, na economía dun país son os seguintes:

  • O efecto fiscal supón un incremento da recadación do Estado e nos produtos con demandas inelásticas (demanda de produtos indispensábeis), maior será a recadación fiscal, exemplo disto son os aranceis á importación da gasolina. Os recursos xerados por esta vía teñen de cada vez unha menor importancia relativa, dentro dos ingresos do Estado dos países industrializados, mentres que teñen una maior importancia cuantitativa nos ingresos dos países en vía de desenvolvemento.
  • Diminución das importacións, do consumo dos produtos sometidos ás taxas alfandegueiras e mellora da posición da balanza comercial dos países.
  • Aumento do prezo dos produtos obxecto de arancel no mercado nacional, é polo tanto negativo para o consumidor. Ademais de impulsar ao país a utilizar recursos ineficazmente sacrificando a produción e especialización nos bens onde existen vantaxes comparativas.
  • Aumento da prodcción nacional de bens con arancel. A imposición dunha taxa alfandegueira ten dúas faces, por unha banda, serve de protección ao lle permitir ás empresas instaladas medrar exentas da competencia do mercado internacional, e por outra banda, un exceso de protección pode producir que o protexido elabore un produto en condicións de ineficacia por canto, esta produción obtense ao abeiro do arancel e a custes por riba dos internacionais, desviando recursos que se utilizarían para producir outros bens con maiores vantaxes competitivas.

Taxa alfandegueira óptima[editar | editar a fonte]

O arancel óptimo é aquela taxa que maximiza o benestar ou a utilidade dun país. O argumento deste arancel baséase na idea de que cando un país grande establece un arancel sobre as importacións dun determinado produto "AA", este arancel provoca unha redución da demanda mundial e unha diminución do prezo mundial do ben AA. O país que importa terá un volume menor de comercio mais a prezos máis favorábeis. O óptimo será o punto onde as ganancias da melloría dos termos de importación se igualen ás perdas consecuencia do menor volume de cantidade importada. Este argumento só é válido para países grandes, cuxa demanda sexa capaz de influír no prezo mundial dun produto.

O arancel óptimo representa un argumento seguro en favor dos aranceis, que provoca un empobrecemento dos países veciños, co que o perigo radica nas represalias dos demais países que poderían tomar medidas semellantes. En última instancia esta situación non podería mellorar o benestar económico mundial nin o individual.

Aranceis de represalia[editar | editar a fonte]

Determinadas posturas están de acordo en que un mundo de libre comercio é a mellor solución ao comercio internacional, porén indican que no estado actual da economía, mentres que haxa países que limiten as importacións ou discriminen os produtos estranxeiros, non existe outro remedio que empregar o mesmo xogo para se defender. Estarase de acordo co libre comercio mentres se empreguen a mesmas condicións en todos os países.

Este argumento non está ben fundamentado, cando un país eleva os seus aranceis, ten un efecto semellante a que se elevaran os seus custos de transporte. Atoparíase un símil para o feito de que se un país decidira frear o seu comercio minando os seus portos, os demais non deberían tomar a mesma decisión; de igual xeito se un país decide reducir a súa actividade económica impoñendo aranceis sobre as súas importacións, non sería sensato que os demais seguisen ese mesmo comportamento. Os estudos históricos amosan que as taxas alfandegueiras de represalia acostuman levar a outros países a elevar aínda máis os seus e que raras veces constitúen unha arma de negociación eficaz para a redución multilateral dos aranceis.

Protección non arancelaria[editar | editar a fonte]

Para defender unha economía dos posíbeis efectos negativos do comercio internacional pódense utilizar os aranceis e tamén outro tipo de barreiras non arancelarias coma son:

  • Continxente, que consiste nunha limitación do número de unidades que poden ser importados.
  • Control de cambios. Mediante a restrición de divisas e o establecemento de taxa de cambio distintos segundo a mercadoría que se importa.
  • Subsidios á produción. Subvencionar unha produción para dificultar as importacións.
  • Impostos sobre o consumo de bens importados.
  • Establecemento de trabas administrativas que obstaculicen a entrada de produtos estranxeiros.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]