Comercio internacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Defínese comercio internacional ou mundial, ao intercambio de bens, produtos e servizos entre dous ou máis países ou rexións económicas.

As economías que participan do comercio exterior denomínanse economías abertas. Este proceso de apertura externa iniciouse fundamentalmente na segunda metade do século XX, e de xeito espectacular na década de 1990, ao se incorporar as economías latinoamericanas, de Europa do Leste e o oriente asiático. Cada vez existe maior relación entre o que ocorre nos mercados internacionais e o que sucede na economía dun país determinado.

Galiza exporta o 8,2% do total estatal, principalmente a outros países da Unión Europea.

Galiza[editar | editar a fonte]

As exportacións consolídanse como a locomotora da economía galega. Malia diminuír un chico en 2012, en 2011 incrementou as súas exportacións un 15,7% a respecto do 2010, lixeiramente por riba da media estatal, o que converte a Galiza na comunidade autónoma española cun mellor saldo comercial (diferenza entre o que se vende e o que se compra fóra), un superávit de 3.502 millóns de euros, máis do dobre que o acadado un ano antes (2010).

A marca histórica acadouse en 2011, exportándose mercadorías por valor de 17.532 millóns de euros, unha marca que supera o máximo acadado en 2007 (16.699 millóns), antes de que a crise afectase a Galiza.

Galiza exporta logo o 8,2% das vendas totais de España fóra das súas fronteiras, que en 2011 ascendeu a 214.485 millóns de euros, mais tamén importa o 5,4% do total estatal, o que sitúa ao país galego en sexto lugar, tamén en importacións, con 14.029 millóns de euros[1].

O que máis exporta Galiza (datos de 2011-2012) son bens relacionados cos automóbiles (21,9%), téxtiles (21,84%), pesca (10,4%), produtos enerxéticos (4,3%), materias primas animais e vexetais (3,89%), e material de transporte. O que máis importa son produtos enerxéticos (30%), equipamento (8,37%), e téxtiles (11%). O 77,18% expórtase a outros países europeos, supondo a Unión Europea o 72%, especialmente Francia (27%), Portugal (14%), Italia (8%), Alemaña (4,9%) e Reino Unido (4,2%). Outros países son Marrocos (2,9%), Alxeria (2,6%), Estados Unidos (2,5%), Países Baixos (2,10%) e Turquía (1,81%).

Á súa vez Galiza importa principalmente de Francia (17%), Portugal (12%), Alemaña (5%), Rusia (4,89%), México (4,49%), Estados Unidos (4,44%), Libia (3,91%), China (3,71%), Italia ou Nixeria[2].

Modelos do comercio internacional[editar | editar a fonte]

As diferentes teorías que explican o proceso de funcionamento do comercio internacional, tratan de atopar cales son as causas deste comercio, por que comercian os países e estudan os efectos do comercio internacional sobre a produción e o consumo dos países.[3]

Teorías tradicionais[editar | editar a fonte]

Modelo da vantaxe absoluta de Adam Smith[editar | editar a fonte]

A teoría clásica do comercio internacional ten as súas raíces na obra de Adam Smith, este pensaba que as mercadorías produciríanse no país onde o custo de produción (que no marco da súa teoría do valor-traballo se valora en traballo) fora máis baixo e dende alí exportaríanse ao resto de países. Defendía un comercio libre e sen trabas para acadar e dinamizar o proceso de crecemento, era partidario do comercio baseado na vantaxe absoluta e cría na mobilidade internacional dos factores produtivos. Segundo as súas teorías, a vantaxe absoluta téñena aqueles países que son quen de producir un ben utilizando menos factores produtivos ca outros, e polo tanto, cun custo de produción inferior.

Modelo de David Ricardo. Teoría da vantaxe comparativa[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Vantaxe comparativa e Economía ricardiana.

Esta teoría supón unha evolución a respecto da teoría de Adam Smith; para David Ricardo, o decisivo non son os custos absolutos de produción, senón os custos relativos, resultado da comparación cos outros países. De acordo con esta teoría un país sempre obtería vantaxes do comercio internacional, aínda cando os seus custos de produción fosen máis elevados para todo tipo de produtos fabricado, porque este país tenderá a se especializar naquela produción na que comparativamente fose máis eficiente.

Modelo Heckscher-Ohlin[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Modelo Heckscher-Ohlin.

Este modelo parte da teoría de David Ricardo da vantaxe comparativa e afirma que os países se especializan na exportación dos bens que requiren grandes cantidades dos factores de produción nos que son comparativamente máis abundantes; e que tende a importar aqueles bens que utilizan factores de produción nos que son máis escasos....

A nova teoría do comercio internacional e a política comercial estratéxica[editar | editar a fonte]

O sustento básico das teorías antes expostas era a existencia de competencia perfecta, que permitía, pola vía do libre comercio, aumentar o benestar dos países. A finais dos anos 1970 e principios da década de 1980, xurdiron algúns economistas como Paul Krugman, Avinash Dixit, James Brander e Barbara J. Spencer que esbozaron unhas novas elaboracións teóricas fundadas na existencia de fallos de mercado que puñan en cuestión, non en todos os casos, a teoría clásica do comercio internacional de que os intercambios internacionais se fundamentan exclusivamente na teoría da vantaxe comparativa e que a defensa baixo calquera circunstancia do libre comercio e, da non intervención estatal nesta área económica puidese non ser a práctica óptima. En palabras de Krugman: a reconsideración da base analítica da política comercial é unha resposta ao cambio real ocorrido no ambiente e ao progreso intelectual logrado no eido da economía.

Estas novas teorías utilizan as ferramentas da teoría económica e mais da formalización matemática e supoñen unha crítica de maior profundidade ás teorías neoclásicas que as provenientes doutros eidos da economía como a socioloxía ou a estrutura económica. Así mesmo, tratan de responder a dúas cuestións: a primeira é por que se comercia e a segunda, como debe ser a política segundo estas novas explicacións.[4]

A base argumental desta teoría radica en cando non é posíbel acadar un óptimo de Pareto a nivel mundial por mor de fallos de mercado, hai que optar por elixir situacións denominada second best ou segundo óptimo. Entre as infinitas situacións de segundo óptimo, os Estados poden preferir unhas a outras e tomar as medidas que leven a se colocar nun segundo óptimo distinto do establecido. Os fallos de mercado que xustifican a política comercial estratéxica son basicamente a existencia de beneficios extraordinarios nun sector económico e a existencia de externalidades tecnolóxicas de carácter positivo.

Restricións ao comercio internacional[editar | editar a fonte]

Estudos económicos[editar | editar a fonte]

Para promover as exportacións, moitos organismos gobernamentais publican os estudos de mercado por sector industrial e país. Listaxe dos organismos gobernamentais por estado:

  • Estados Unidos: USCS, dependente do US Department of Commerce e USDA (Department of Agriculture) nos sectores da agricultura e a agroalimentación.
  • España /Galiza: Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), ten como misión promover a internacionalización das empresas españolas.
  • Canadá: Export Development Canadá (EDC) e Agriculture and Agri-Food Canadá que publica estudos internacionais no seu sector.
  • Francia: Ubifrance (promoción das exportacións)

AFII (implantación de empresas foráneas)

  • Reino Unido: UK Trade & Investment encárgase tanto da promoción das súas exportacións como da implantación no Reino Unido de empresas forasteiras.
  • Hong Kong: Hong Kong Trade Development Council (HKTDC).
  • Xapón: JETRO
  • Australia: Austrade

Regulación do comercio internacional[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, o comercio era regulado mediante acordos bilaterais entre dous países. Baixo a crenza no mercantilismo, durante moitos séculos os países impuñan altos aranceis e outras restricións severas ao comercio internacional. No século XIX, especialmente na Gran Bretaña, a crenza no libre comercio tomou forza, e esta perspectiva veu dominando o cálculo político entre os países occidentais até hoxe en día. Dende o final da segunda Guerra Mundial, varios tratados multilaterais intentaron crear unha estrutura global de regulación comercial.

A maior parte dos países comunistas e socialistas cren na autarquía, a cal supón a ausencia completa de comercio internacional e a satisfacción das necesidades económicas mediante a autosuficiencia. Malia a existencia destas crenzas, todos os países involucráronse nalgún tipo de comercio internacional, xa que é moi difícil para un só país satisfacer todas as súas necesidades económicas.

Utilizáronse varios instrumentos para manipular o comercio internacional. Estes inclúen a taxa alfandegueira, as salvagardas, as cotas de exportación e importación e as barreiras non arancelarias. Un compoñente esencial do comercio internacional é o transporte internacional de mercadorías. As condicións e termos do mesmo están regulados polos Incoterms.

Termos internacionais do comercio (Incoterms)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Incoterms.

A Comisión de Prácticas Comerciais da Cámara de Comercio Internacional desenvolveu o que se chamou Incoterms, acrónimo procedente da expresión inglesa International Commercial Terms. Pretendíase con isto que, con independencia da nacionalidade das partes ou do lugar xeográfico do seu uso, os implicados puidesen en todo momento saber cales eran cadanseus dereitos e obrigas nun contrato determinado.

Os Incoterms carecen de toda forza normativa ou legal, e obteñen o seu recoñecemento do seu cotián e constante uso a nivel mundial, polo que, para que sexan de aplicación a un contrato determinado, este deberá especificalo así.

Os Incoterms conteñen un total de trece posicións, ou tipos de cláusulas diferentes, que poden logo, mediante o uso de determinadas adicións, modificarse parcialmente. Ademais, ao longo da súa existencia teñen sufrido sucesivos cambios e modificacións, para os axeitar aos cambios nos usos comerciais, técnicas, avances tecnolóxicos, etc. A última edición corresponde ao ano 2010, que aínda se atopa en vigor:

  • EXW (en fábrica): Ex Works
  • FCA (francotransportista): Free Carrier
  • FAS (franco ao costado do buque): Free Alongside Ship
  • FOB (franco a bordo): Free On Board
  • CFR (custo e frete): Cost and Freight
  • CIF (custe, seguro e frete): Cost, Insurance and Freight
  • CPT (transporte pagado até): Carriage Paid To
  • CIP (transporte e seguro pagado até): Carriage And Insurance Paid to
  • DAF (entrega na fronteira): Deliver At Frontier
  • DES (entrega sobre buque): Delivered Ex Ship
  • DEQ (entregada en peirao): Delivered Ex Quay
  • DDU (entrega dereitos non pagados): Delivered Duty Unpaid
  • DDP (entrega dereitos pagados): Delivered Duty Paid

Comercio internacional e novas tecnoloxías[editar | editar a fonte]

As novas tecnoloxías están a facilitar en gran medida a operativa do comercio exterior. Os sistemas informáticos e de xestión permiten facer seguimento dos envíos, acceder a todos os datos relevantes dun contedor ou grupaxe en destino e partillar e administrar a documentación necesaria de xeito doado. Existen plataformas informáticas que permiten facer todos os trámites de xestión por parte dos exportadores, importadores e organismos públicos. Un bo exemplo desta integración de sistemas é o SISCOMEX do Brasil, centrado na xestión das exportacións.

O comercio internacional estase tamén vendo fomentado pola maior facilidade de atopar clientes no exterior, grazas ao maior alcance dos portais corporativos na Internet. Tamén axuda a maior difusión da información na Internet coa consolidación e crecemento de buscadores de Internet e directorios especializados.

A Internet está a ser un elemento dinamizador na internacionalización das empresas. Tamén axuda na elaboración de análises de mercados, non só polo acceso á información editada relevante, senón polas posibilidades que brinda de estudo directo do mercado a través de novas plataformas como as redes sociais. Portais coma o Facebook ou o Orkut teñen millóns de usuarios, e comezan a estudar o xeito de utilizar estatisticamente toda a información que os usuarios engaden aos seus portais e taboleiros. Esta información fala moito de variábeis sociolóxicas, pois se teñen datos estatísticos normais e opinións e mensaxes directas, así como interpelacións entre usuarios. As posibilidades que brinda toda esta información son moi interesantes dende o punto de vista estatístico, de intención de compra e econométrico.

A balanza de pagamentos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: balanza de pagamentos.

A balanza de pagamentos é o instrumento contábel que informa das transaccións exteriores dun país. Defínese coma o documento contábel que rexistra sistematicamente o importe, de todas as operacións comerciais e financeiras que teñen lugar durante un certo período de tempo entre os residentes do país e os do resto do mundo. Cando na balanza de pagamentos os ingresos superan os gastos dise que está en excedente. Cando na balanza de pagamentos os ingresos son menores ca os gastos dise que é deficitaria.

Un país pode ter unha balanza comercial negativa, mais unha balanza de pagamentos positiva coma ocorre en España, na que a súa balanza comercial é deficitaria, porén a súa balanza de pagamentos é positiva grazas ás divisas que fornece o turismo.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]