Sistema nervioso somático

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O sistema nervioso somático ou sistema nervioso voluntario é a parte do sistema nervioso periférico [1] asociada co control voluntario dos movementos do corpo por medio dos músculos esqueléticos[2]. O sistema nervioso somático consta de nervios eferentes responsables da estimulación da contracción muscular, e inclúe todas as neuronas non sensoriais conectadas cos músculos esqueléticos e coa pel.

Segundo outras definicións, o sistema nervioso somático non estaría formado só polas fibras eferentes que controlan a contracción muscular, senón tamén polas fibras aferentes que levan información sensorial do exterior procedente dos órganos dos sentidos.[3]

Partes do sistema nervioso somático[editar | editar a fonte]

No noso corpo existen 43 segmentos de nervios e en cada segmento hai un par de nervios motores e sensoriais. No corpo, 31 segmentos de nervios están na medula espiñal e 12 no tronco cerebral. Ademais destes, no corpo existen miles de nervios de asociación.

Deste modo, o sistema nervioso somático consta de tres partes:

i) Nervios espiñais ou raquídeos: Son nervios periféricos que levan información sensorial á medula espiñal e ordes motoras.

ii) Nervios craniais: Son fibras nerviosas que levan información cara adentro e fóra do tronco cerebral. Inclúen os encargados do olfacto, visión, ollo, músculos do ollo, boca, gusto, oído, pescozo, ombros e lingua.

iii) Nervios de asociación: Estes nervios integran as entradas sensoriais e as saídas motoras.

Transmisión de sinais nerviosos[editar | editar a fonte]

O sistema nervioso somático controla todos os sistemas musculares voluntarios do corpo, coa excepción dos músculos dos arcos reflexos.

A ruta básica do sinal nervioso no sistema nervioso somático eferente implica unha secuencia que empeza nos corpos celulares das motoneuronas superiores do xiro cerebral precentral (aproximadamente o córtex motor primario). Os estímulos do xiro precentral transmítense desde as motoneuronas superiores e baixan polos axóns do tracto corticospiñal para controlar os músculos (voluntarios) esqueléticos. Estes estímulos son transmitidos desde as motoneuronas superiores a través do corno anterior da medula espiñal, e fan sinapse cos receptores sensoriais das motoneuronas alfa (as grandes motoneuronas inferiores) do tronco cerebral e a medula espiñal.

As motoneuronas superiores liberan o neurotransmisor acetilcolina no botón terminal dos seus axóns, que é recibido polo receptores nicotínicos das motoneuronas alfa. Á súa vez, as motoneuronas alfa transmiten o estímulo, liberando acetilcolina no seu terminal axónico, que é recibido polos receptores postsinápticos (receptores de acetilcolina nicotínicos) da placa motora dos músculos, o que causa a contracción muscular.

Diferenzas en vertebrados e invertebrados[editar | editar a fonte]

En invertebrados, dependendo do neurotransmisor liberado e do tipo de receptor ao que se une, a resposta na fibra muscular pode ser excitatoria ou inhibitoria. Porén, nos vertebrados a resposta dunha fibra muscular ao neurotransmisor (sempre acetilcolina) pode só ser excitatoria.

Arcos reflexos[editar | editar a fonte]

Un arco reflexo é un circuíto neural que crea unha ligazón máis ou menos automática entre un estímulo sensorial e unha resposta motora específica. Os circuítos reflexos varían en complexidade, e os máis simples son os reflexos espiñais mediados por unha cadea de tres elementos, que empeza coas neuronas sensoriais que activan interneuronas na medula espiñal, as cales despois activan as motoneuronas. Algunhas respostas reflexas, como a retirada rápida da man cando se toca unha superficie moi quente, son protectoras, pero outras, como o reflexo do xeonllo, activado por un golpe no tendón do xeonllo (tendón patelar), contribúen ao comportamento normal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. DorlandsDictionary somatic nervous system
  2. The free dictionary. [1]
  3. New World Encyclopedia [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Frederic H. Martini, Judi L. Nath, Edwin F. Bartholomew. Fundamentals of Anatomy & Physiology (9th Edition). Cita: (definición de sistema nervioso somático): "A división eferente do sistema nervioso que inerva os músculos esqueléticos".

Outros artigos[editar | editar a fonte]